Do 28 de setembro de 2019 ao 23 de novembro de 2019
Unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de San Sadurniño e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura e Turismo
Foto da actividade
Coa “pedra sol” e audacia, os viquingos alcanzaron terras descoñecidas. A narrativa é unha sorte de navegación a través dun mar de letras. Se o que queres é pór rumbo a ese territorio, enrólate connosco. Da realidade xurdirá a fantasía, coa imaxinación construiremos mundos modelados ao noso antollo, conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazonciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo... Porque, o que non ten dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato.
A vida: unha narrativa
Impartido por Henrique Dacosta, e cunha sesión maxistral a cargo de Eva Loureiro Vilarelhe

 

8 sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:

  • 28 de setembro
  • 5, 19 e 26 de outubro
  • 2, 9, 16 e 23 de novembro

Tivo lugar nas aulas da Casa da Xuventude de San Sadurniño (Rúa Casal, 13)

20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicaron por orde de solicitude.

 


O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.