Do 23 de marzo de 2019 ao 11 de maio de 2019
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago
Foto da actividade

PROPOSTA

O Laboratorio de Dramaturxia Posdramática II: Do corpo á palabra vén dar continuidade e afondamento ao curso titulado A Palabra na Dramaturxia Posdramática, realizado no segundo semestre de 2018.

Obradoiro de exploración e creación teatral a partir de algunhas das condicións xerais de composición nas dramaturxias posdramáticas.

Experimentación e análise de dramaturxias colaborativas de proceso. A creación en equipo.

Pesquisa práctica e reflexión sobre a palabra como material no ámbito da danza e o teatro contemporáneos posdramáticos.

Non renunciamos á palabra, nin ao noso compromiso coa lingua galega. Non renunciamos ao texto. Mais non imos establecer unha hexemonía da palabra respecto aos outros elementos de composición. A palabra ha xermolar do corpo, ou da luz, ou ha ser corpo e luz, ha ser acción libre, lúdica, rítmica, atrevida, desatada incluso da sintaxe ou das lóxicas do relato. Do corpo do corpo ao corpo da palabra, nus e libres.

 


 
CALENDARIO E INSCRICIÓN

- Días e horarios: sábados 23 de marzo; 6 e 27 de abril; e 4 e 11 de maio de 2019, de 10:00 a 14:00 horas. Sesión de Mostra ao Público dos traballos realizados o sábado 11 de maio, de 12:00 a 14:00 h.

- Máximo de 12 prazas para persoas maiores de 16 anos.

- Inscrición, necesaria e gratuíta, desde o 15/02/2019 ao 22/03/2019, no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal
 
- As prazas asignaranse por orde de inscrición.
 
O obradoiro desenvolverase na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Antonio Rama Seoane nº 6), de Santiago de Compostela.
 

 

PARTICIPANTES

Obradoiro dirixido a actrices, actores, bailarinas, bailaríns, dramaturgas/os, directoras/es de escena e persoas afeccionadas ás artes escénicas.

O número máximo de 12 persoas márcase para poder aproveitar o tempo e facer un seguimento óptimo de cada proxecto.

Ao tratarse dun obradoiro de dramaturxia colaborativa é necesario contar co compromiso explícito de asistencia das/os participantes ás sesións de traballo e á mostra final, xa que, ao tratarse de creacións colectivas, resulta imprescindible a implicación íntegra para o bo funcionamento de cada grupo.

As persoas participantes deberán traer roupa cómoda para poder moverse.