24 de febreiro de 2011
Esta actividade, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere institucionalizar de xeito permanente, levarase a cabo en diferentes cidades e vilas galegas, grazas á sempre inestimábel axuda da nosa base asociativa.
Foto da actividade

Onte, Día de Rosalía, a AELG organizou unha lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa fixera o pasado 2010. Durante estes actos leuse tamén un manifesto que define explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

 
 
Os lugares nos que se desenvolveu a lectura foron:
 
  1. Santiago de Compostela, Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 18.45 horas
  2. A Coruña: Kiosko Alfonso, 19 horas
  3. Vigo: Casa Galega da Cultura, 20 horas
  4. Lugo: Museo Provincial, 19.30 horas. O acto desenvolveuse no refectorio do Museo, con entrada libre, con participación do profesorado e alumnado do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, CPR Divina Pastora-Salesianos, IES Manuel Leiras Pulpeiro e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, xunto con Pilocha que interpretou a capella poemas de Rosalía de Castro.
  5. Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20 horas. Colaborou a A.C. Eira Vella
  6. Ferrol: Galería Sargadelos, 19.00 horas
  7. Ourense: Libraría Torga, 18.00 horas. Colaborou Gremio LiterAuria
  8. Pontevedra: Libraría Michelena: 20.00.