26 de setembro de 2015
Co apoio do Concello de Pontevedra a través da súa Concellaría de Cultura
Foto da actividade
 

O VI Congreso de Escritoras e Escritores da AELG, que se desenvolveu no Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 26 de setembro baixo o lema Para que(n) escribimos o futuro?, comezou cunha convocatoria a Socios-as da AELG para nos indicaren os temas que, relativos ao sistema literario, eran máis do seu interese; a seguir, estableceuse un proceso de debate coas persoas que fixeron achegas e mostraron a súa intención de participar no congreso, proceso previo ao día do congreso a través de medios dixitais; despois de celebrados os seis grupos de traballo, o congreso rematou cunha sesión conxunta na que as persoas encargadas das respectivas coordinacións resumiron as conclusións de cada grupo para, finalmente, deducírense as seguintes conclusións xerais do VI Congreso de Escritoras e Escritores da AELG:

 

  1. A lingua oral é a base da nosa cultura e a raíz do noso sistema literario. Moitos elementos patrimoniais só se transmiten por vía oral; por tanto na medida en que deixemos de comunicarnos oralmente na nosa lingua corremos o risco de sermos vítimas dunha “xeración muda” ou “fenda oral” e de esquecer unha parte fundamental da nosa herdanza cultural.
  2. O prestixio social da lingua depende da calidade do seu uso oral normalizado, por tanto é imprescindible potenciar este uso, tanto no ambiente familiar como, especialmente, no escolar, sobre todo nas primeiras etapas educativas.
  3. O fomento das expresións orais garante o futuro da lingua, transmite optimismo aos seus falantes e prestixia o patrimonio e as formas culturais que se expresan nela.
  4. Entendemos que a literatura de tradición oral pode e debe ser considerada pola RAG para que se lle dedique un Día das Letras Galegas a través da figura de investigador@s e narrador@s de mérito.
  5. Precisamos da creación dunha axencia literaria e tamén dun servizo de orientación no seo da propia AELG.
  6. Reclamamos a revisión das porcentaxes de dereitos de autoría así como dos adiantos a conta que se ofrecen no noso sistema literario.
  7. Reclamamos a necesaria tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios.
  8. Requirimos a inclusión da LIX na formación do profesorado como materia específica ou transversal.
  9. Demandamos para a literatura galega en xeral, nomeadamente a LIX, maior presenza nas feiras do libro, tamén nas internacionais.
  10. Demandamos a cooperación das diversas administracións para manteren certames de escrita dramática con periodicidade anual e con garantías de publicación e escenificación.
  11. Reclamamos a necesaria formación dos equipos docentes nas bondades pedagóxicas que a escrita dramática achega no plano da oralidade, de modo que se prescriban textos dramáticos para traballar neste ámbito.
  12. Solicitamos a visibilidade de modelos que adoitan expresarse oralmente: as representacións teatrais, as recitacións poéticas, as controversias e disputas como a regueifa ou a narración de historias, contos…
  13. Reclamamos ás entidades públicas encargadas da difusión cultural fóra das nosas fronteiras cara outras latitudes lingüísticas a creación dun Instituto Rosalía de Castro que espalle a nosa creación literaria.

 

Detallamos a seguir os temas tratados en cada un dos seis grupos de traballo (entre paránteses as persoas coordinadoras): 

 

  • Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro)
  • A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa)
  • Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial)
  • O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra)
  • Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga)
  • Formación de lectores/as (Ledicia Costas)

 

No que tratou os dereitos de autoría e a profesionalización incidiuse na necesidade de buscar novos mercados a través das traducións, de revisar as porcentaxes de dereitos de autoría, así como dos adiantos a conta que se ofrecen no noso sistema literario; constatouse, asemade, a necesidade da creación dunha axencia literaria e tamén dun servizo de orientación no seo da propia AELG.

 

No grupo de traballo sobre a oralidade como soporte literario reflexionamos sobre a oralidade como sistema de comunicación universal e común a todas as culturas antigas e actuais, e sobre a literatura expresada oralmente que ten, como é sabido, peculiaridades e características moi diferentes da literatura escrita. As obras que se transmitiron e transmiten por vía oral son en orixe creacións individuais e anónimas, que precisan ser aceptadas pola comunidade cultural para ser recreadas e transmitidas colectivamente. Nos temas da literatura oral gárdase a memoria cultural. As formas, as crenzas, as tradicións que a comunidade toda (non só o que lle interesa ou convén as elites) quere preservar. Preguntámonos sobre a literatura oral e a súa interacción coa literatura escrita, sobre a importancia desta literatura oral nos sucesivos rexurdimentos da literatura escrita en galego. E, de paso, sobre a situación do galego falado e se a perda de falantes compromete a supervivencia da literatura escrita en galego. E como cremos necesarias medidas de salvagarda da oralidade e da literatura oral, tratamos de responder a esta pregunta múltiple: para que e para quen estudamos, divulgamos e representamos a oralidade e a literatura oral? Logo das diferentes intervencións, e de poñer sobre a mesa os retos aos que se enfronta a oralidade na actualidade, constátase que, se ben é certo que hai perda de falantes da nosa lingua, e incluso de receptividade sobre todo en ambientes urbanos, tamén o é que o futuro se escribe con altas doses de optimismo.

 

O grupo de traballo Novas formas de edición coincidiu na necesidade de ser flexíbeis aos novos formatos mixtos de difusión masiva. Concluíuse que non se perciben os formatos impresos e dixital como incompatibles e, moito menos, como antagónicos, e reafirmámonos como creadores de contidos que empregan diversas ferramentas para comunicar as súas manifestacións literarias

 

A mesa que tratou o futuro da literatura dramática interesouse pola posibilidade de que o sector busque a cooperación das diversas administracións para manteren certames de escrita dramática con periodicidade anual e con garantías de publicación e escenificación. Considerouse tamén preciso comunicar aos equipos docentes as bondades que este xénero pode achegar no plano da oralidade, de modo que se prescriban textos dramáticos para traballar neste ámbito. Igualmente se puxo en foco a necesidade de se traduzan estes textos, tamén os actuais, para despois promover lecturas dramáticas da nosa literatura noutras nacións. Neste sentido, proponse apelar ás entidades públicas encargadas da difusión cultural fóra das nosas fronteiras, cuxo labor no campo da literatura dramática é moi escaso.

 

A Lusofonía como renovada oportunidade foi outro dos temas tratados, nunha sesión optimista que valorou como moi importante facilitar a aproximación ás culturas lusófonas desde unha focaxe xenuinamente galega que permita evidenciar esa renovada oportunidade ( sinal de radio e televisión). Considerou tamén necesaria a tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios, que impiden a difusión dunha parte xa importante da nosa literatura.

 

A formación de lectores e lectoras foi un dos temas que máis interese espertou entre as persoas asistentes ao congreso. Reivindicouse a literatura infanto-xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de ser estratéxica na formación de novas lectoras. Para conseguir facer chegar esta constatación á sociedade pídese que se inclúa na formación do profesorado como materia específica ou transversal. Tamén se xulga necesario demandar para esta literatura maior presenza nas feiras do libro, nomeadamente nas internacionais.

 
O VI Congreso de Escritoras/es é un encontro periódico cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás/aos asociadas/os.
Unha vez analizadas as súas achegas conclúese que os temas de interese poden agruparse nos seguintes epígrafes, que constituirán os seis grupos de traballo que haberá no Congreso (entre parénteses, as persoas que os coordinarán):
 
Programa
10.15 Salón de actos. Presentación do Congreso (Cesáreo Sánchez Iglesias, Anxos Riveiro e Mercedes Queixas Zas)
10.30-12.00 Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro) - A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa)
12.00 - 12.30 Pausa café
12.30 - 14.00 O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra) - Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial)
 
16.00 - 17.30 Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga) - Formación de lectores/as (Ledicia Costas)
17.30 - 18.00 Pausa café
18.00 - 19.30 Salón de actos. Sesión conxunta: Presentación da nova web da AELG e sesión conxunta de todos os grupos de traballo
20.00-21.00 Actuación aberta ao público: Xardín desordenado
 
 
 

 Cartelaría