A realidade está condicionada polo modelo do mundo do que parte cada cultura. Gombrich sostén que a representación fai ordenar e seleccionar a realidade nun universo simbólico, neste caso o propio filme.
O filme inscríbese nun espazo desafectado que non está acabado pero que ten personalidade propia sendo así un suxeito do filme.
Presentamos un modelo de construcción fílmica fractal constituído por imaxes de distinta natureza, como fotografías ( en branco e negro de pirámides mixtecas)que nos achegan ó pasado indíxena de México. Ou un poema escrito na pantalla, que trata sobre a espera e a comprensión do mundo. Pola parte do son incorpóranse uns diálogos de radios- de Europa- que focalizan no ouvido do espectador a atención e que remiten á idea da incomunicación, ó labirinto das línguas. E asimesmo ambiéntase coa música experimental de Svreca.
As personaxes enténdense a través dun diálogo no que se desprenden teorías como a da modernidade líquida de Bauman, na que se postula que a identidade está en mutación constante; ou as de Canclini sobre a mestizaxe e culturas híbridas, e tamén as de Baudrillard sobre a hiperrealidade que proporcionan os medios.En todo este contexto permítese unha crítica ao capitalismo desde posicións altermundialistas. Estas teorías pretenden definir un suxeito variábel e flexíbel inscrito na sociedade de finais do s.xx e comezos do s.xxi.
Unha viaxe eterna, o tempo que pasa ineludibelmente e un espazo desafectado, un camiño no que avanzan as personaxes ata consolidar o presente que é testemuña da súa relación amorosa.
En cada ponto de partida e cada ponto de chegada asumimos as coordenadas dun novo eixo nacido da novidade do pensamento que esta provoca. A cada paso propónsenos unha visión diferente. E esto é produto da propia viaxe. O camiño faise de vagar ( ralentizando en postprodución a imaxe), atendendo a liña invisibél que nos leva cara ese destino. Un destino que non vemos, que so intuimos e que se identifica co fóra de campo, co que está detrás da cámara.
Cada paso supón unha nova reflexión, un diálogo acompañado de silenzos que dan ó espectador espazo para a propia indagación sendo consciente de que o tempo pasa ineludibelmente e que éste nos transforma ó igual que o espazo. As peronaxes, que están lonxe ao comezo pasan a estar preto pero non por un cambio de perspectiva da cámara senón pola andaina das personaxes, ás que non acompañamos, senón ás que observamos.
Ollamos como olla a propia cámara, impenetrábel na súa condición de espello. Eles, o el e o ela tamén nos miran, miran o seu límite, o que está máis aló do aparello. Non esperamos que pase nada e nembargantes pasa, a cada paso. O tempo alóngase co seu andar ralentizado, e o espazo habítase e baleírase nunha liña vertical na que se sitúa a variábel espazo-temporal que é resultado do movemento (tanto interno como externo) das personaxes.