Mércores, 14 de marzo de 2018

18:30-20:00 horas Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro)

 

Nesta sesión representantes de CEDRO explicaron os avances conseguidos no trinta anos de existencia desta Entidade e cales son os cambios lexislativos necesarios para que os colectivos autorais e editoriais poidan desenvolver a súa actividade nun marco de seguridade xurídica e que garantan a protección eficiente dos seus dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, presentaron os servizos e beneficios que esta asociación ofrece a autores/as e editoras.

Jorge Corrales, director xeral do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), participou hoxe nun encontro con escritores/as e editoras galegos. Nesta sesión formativa puxo de manifesto a necesidade de que se modifiquen algúns aspectos do marco legal vixente de modo que se poida garantir unha protección eficiente dos dereitos de propiedade intelectual do sector do libro, as revistas e os xornais.

Nesta sesión, promovida pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e a AGE (Asociación Galega de Editoras), Corrales incidiu na urxencia de que se asegure unha remuneración adecuada para os autores e editoras polas copias, tanto en papel como dixitais, que das súas obras que se fan con fins colectivos en empresas, en administracións públicas e centros educativos. Tamén pediu que se incrementen os recursos públicos destinados á loita contra a pirataría en internet.

Por outra banda, tamén solicitou os cambios legais oportunos para que os autores poidan recibir unha remuneración polo préstamo público das súas obras e que se faga, ademais, un esforzo para conseguir a plena compatibilidade da pensión de xubilación dos autores coa percepción dos seus dereitos de propiedade intelectual. Neste sentido, o director de CEDRO apuntou que “ambas as medidas son fundamentais para fomentar a actividade creativa, cuxos resultados reverten positivamente no desenvolvemento do patrimonio cultural común, do nivel educativo e do económico”.

CEDRO, que este ano fai o seu trixésimo aniversario, ten asociados 24.392 autores e editoras, dos cales teñen o seu domicilio en Galicia 1.051 autores e 67 editoriais. Pedro Sánchez, responsable do seu Departamento de Socios, lembrou os beneficios que a afiliación a CEDRO lles reportan a este colectivo.

   

Sobre CEDRO

CEDRO ten como misión representar e defender os lexítimos intereses de autores e editoras de libros e publicacións periódicas, facilitando e promovendo o uso legal das súas obras. Na actualidade ten como membros 24.392 escritores, tradutores, xornalistas e editoriais do Estado, e representa en España máis corenta entidades similares doutros países.

Este foi o programa:

  • 18:30-18:40 Presentación.

Mercedes Queixas, Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

 

  • 18:40-19:15 Necesidades lexislativas dos colectivos autorais e editoriais.

Jorge Corrales, director xeral de CEDRO.

 

  • 19:15-20:00 Beneficios de ser socio/a de CEDRO.

Pedro Sánchez, xefe do Departamento de Socios de CEDRO.

 


Jorge Corrales é o director xeral de CEDRO desde marzo de 2017. Anteriormente dirixía o Departamento Económico e Tecnolóxico da Entidade. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Alcalá, desenvolveu a súa traxectoria profesional nos sectores tecnolóxico, químico e, nos últimos 10 anos, no da propiedade intelectual.

Pedro Sánchez é o xefe do Departamento de Socios de CEDRO desde xaneiro de 2018, tras tres anos dirixindo o departamento de Licenzas nesta Entidade. Licenciado en Dereito e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, ten unha ampla experiencia na área de Recursos Humanos.