O día 18 de maio haberá un encontro coa autora aberto ao público na Libraría de mulleres Lila de Lilith
Foto da actividade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
O Premio foi entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con motivo da súa estadía, tivo lugar un encontro cos medios de comunicación o venres, sexta feira, 18 de maio, a partir das 12:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela. Posteriormente, ese mesmo día 18, ás 19:00 horas, mantivo un coloquio aberto ao público en xeral na propia Libraría, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.

 

fotografía da autora: © aelc/carme esteve