Do 21 de setembro de 2018 ao 14 de decembro de 2018
Unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra
Foto da actividade
Álbum ilustrado, libros ilustrados, cómic, novela gráfica... Son narrativas visuais nas que texto e imaxe conflúen para contar unha historia. Neste curso afondaremos principalmente no álbum como categoría propia, no formato, tipoloxía, público destinatario (maioritariamente álbum infantil pero tamén para público adulto), así como en cuestións prácticas de cara ao mercado editorial: cuestións legais e consellos para o contacto coas editoras. Tamén nos achegaremos, en función do público presente, ao mundo da banda deseñada, traballando en diversas propostas de guión.
 

 

Calendario e inscrición

- Días: venres 21 e 28 de setembro; venres 5, 19 e 26 de outubro; venres 2, 9, 16 e 23 de novembro; e venres 7 e 14 de decembro.
- Horarios: de 18:00 a 20:00 todos os venres de setembro, outubro e novembro. Os venres 7 e 14 de decembro de 17:30 a 20:30 h.
- 25 prazas para persoas maiores de 16 anos
- As prazas asignáronse por orde de solicitude.
 
O obradoiro desenvolveuse no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 - Aula da Escola de Escritoræs da AELG.
 
 
Vexa aquí unha memoria das actividades levadas a cabo.
 

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.