Na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense).
Entrada libre
O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño e Susa Herrera (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense - Universidade de Vigo), tivo o seguinte programa:
Recollida da transmisión oral e versión musical
Creación poética de autor: a importancia da poesía nas aulas
A música e os proxectos poético-musicais para a infancia
A experimentación poética para a infancia e adolescencia
A experimentación poético-musical ao redor da lírica
Música e poesía para a infancia, a súa importancia para futuros docentes de infantil e primaria.
Esta foi a intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sanchez, no acto de inauguración.
Obxectivos:
- Continuar co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil iniciado en outubro de 2015 na Facultade de Ciencias da Educación (Ourense), que tivo unha media de asistencia a cada sesión de 100 persoas.
- Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia.
- Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras (autoras, ilustradoras), aspecto fundamental entre futuro profesorado da Educación Infantil e Primaria.
- Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa poesía e a música na etapa da Educación Infantil e Primaria.
- Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras participantes (autoras textuais, da ilustración, da música que acompaña os libros infantís…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que se ten da súa producción.
- Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos/as, saber recomendar as obras de calidade e sobre todo aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a educación estética e musical.
- Visibilizar a poesía e a música para a infancia e adolescencia, incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións.
- Valorar o papel do profesorado e a escola como axentes dinamizadores, programadores e normalizadores culturais.
E esta foi a crónica de Rosa Tedín para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI - 5 de outubro de 2016):
Este mércores arrancaron as conferencias do 'Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil'
Reivindicando un lugar na escola para a tradición oral
Montse Rivera, do grupo de cantareiras Leilía, foi a encargada de abrir a programación
Os docentes teñen que formar nas aulas aos nenos e nenas e esa formación poden facela en base ás características da súa contorna, con contidos propios da súa cultura, ou tomando referentes foráneos. Defendendo a primeira opción, Montse Rivera, do grupo de cantareiras Leilía, foi a encargada este mércores de dar comezo ás conferencias do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil abordando o papel da tradición oral nas aulas e as posibilidades que ofrece.
O ciclo, que nesta segunda edición leva por título Música e poesía dende a primeira infancia, está organizado polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Isabel Mociño e Susa Herrera coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. “A cultura tradicional galega segue viva. Nas nosas mans está transmitila ás novas xeracións para que perdure, para que non se perda”, destacou Isabel Mociño durante a inauguración da cita. “A alta responsabilidade” dos docentes na transmisión interxeracional da lingua e da cultura galegas tamén foi destacada na inauguración do ciclo por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou a importancia da transmisión oral nas idades temperás. É fundamental, subliñou pola súa banda Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que “a música e a poesía acompañen desde a primeira infancia”, pois tal e como recalcou José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, "son moitos os beneficios que achegan na etapa infantil". Iniciativas coma este ciclo, engadiu Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, durante a apertura, son moi necesarias para "visibilizar e tomar conciencia da importancia da poesía e da música na formación das novas xeracións".
Xogos cantados e bailes galegos
Montse Rivera, que alén de formar parte de Leilía ten levado a cabo unha extensa tarefa de recuperación de cantos e bailes tradicionais galegos, foi a encargada de ofrecer a primeira conferencia do ciclo co obxectivo de explicar “como se pode usar na escola os xogos cantados e os bailes galegos”. Comezou a súa intervención abordando como se fixo en Galicia a recollida de materiais da tradición oral, en que momento, como e por quen. Continuou afondando na situacións actual tanto da recollida como da tradicional oral e rematou abordando como se pode levar ao contexto educativo actual materiais desta tradición, desenvolvendo cos asistentes xogos cantados e bailes.Sobre o xeito en que se fixo a recollida da tradición oral en Galicia apuntou antes da súa intervención que “se fixo como se puido, en mans de particulares e asociacións culturais sen moitos medios” e non desde a administración dun xeito sistemático e formal. “Era isto ou nada”, recalcou. Na actualidade, engadiu Montse Rivera, aínda se pode facer recollida de materiais da tradición oral pero xa con máis dificultades xa que as xeracións que a gardaban están desaparecendo. Sobre a situación actual da tradición oral no ensino recalcou que “que é moi mala”, seguindo a tónica dos últimos 30 anos. A pesar deste panorama xeral, Rivera apuntou como hai experiencias que demostran que si é posible introducir con éxito os xogos cantados e os bailes galegos na programación educativa, poñendo entre outros exemplos o dun centro da Estrada que na materia de Educación Física introduciu o baile galego.
Continúa a programación
Trala conferencia de Montse Rivera comeza unha programación que traerá ata o 9 de novembro ao campus de Ourense a Antonio García Teijeiro, poeta e un dos máis recoñecidos creadores para a infancia e xuventude en Galicia; Uxía Domínguez, cantante galega integrante de proxectos como o de María Fumaça; os poetas Elvira Ribeiro e Fran Alonso e a propia Susa Herrera, que compaxina a súa docencia na Facultade de Ciencias da Educación ourensá cunha dilatada traxectoria na publicación libros musicados para a infancia. Con este programa, os coordinadores da iniciativa queren dar a coñecer aos asistentes estratexias, principalmente aos futuros docentes formados no campus, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia, reforzando as carencias dos currículos académicos neste eido na etapa da Educación Infantil e Primaria.
Crónica de Rosa Tedín para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI - 16 de setembro de 2016)
O 5 de outubro arranca unha nova edición do 'Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil'
Música e poesía desde a primeira infancia
Montse Rivera, Antonio García Teijeiro e Uxía Domínguez serán algúns dos convidados
O alumnado que hoxe se forma nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense mañá será o profesorado que estará nos centros educativos sementando coñecemento, inquedanzas e intereses nas novas xeracións. Conscientes da importancia de que nesa formación a literatura teña o seu propio protagonismo, o día 5 de outubro arrancará a segunda edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, organizado polas docentes do centro Isabel Mociño e Susa Herrera coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Se na súa primeira edición a temática elixida para o ciclo foi A pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade, nesta ocasión será Música e poesía dende a primeira infancia.
“A elección da temática deste ano é resultado da observación xeral e particular sobre a docencia en Infantil e Primaria. Os docentes non coñecen a poesía nin a nosa música e polo tanto foxen destas dúas disciplinas nas súas aulas”, destaca Mociño. Neste contexto, engade, nos últimos anos teñen xurdido “voces chamando a atención sobre a necesidade de ler e traballar a poesía, de coñecer as súas potencialidades e de mudar unha dinámica que se perpetúa ao redor da narrativa, por considerala máis fácil ou asequible, cando en realidade estamos escoitando poesía e música dende que nacemos, xa no colo das nosas nais e avoas”, sinala. Para mudar esta situación, recalca a docente, “a escola, e nela os docentes, teñen que retomar ese fío, non rompelo, e coñecer a nosa tradición culta e popular, saber da importancia dunha linguaxe que está na base da nosa vida e alimentala e enriquecela a medida que nenas e nenos medran”.
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil comezará o 5 de outubro, desenvolvéndose todas as sesións na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro ás 17.00 h. Aínda que está especialmente pensado para contribuír á formación dos futuros mestres e mestras, as súas sesións están abertas a calquera persoa interesada. As conferencias arrancarán cunha intervención de Montse Rivera, membro do grupo de cantareiras Leilía, sobre a tradición oral nas aulas. Tras este comezo pasarán polo campus de Ourense ao longo das semanas de celebración do ciclo Antonio García Teijeiro, poeta e un dos máis recoñecidos creadores para a infancia e xuventude en Galicia; Uxía Domínguez, cantante galega integrante de proxectos como o de María Fumaça; os poetas Elvira Ribeiro e Fran Alonso e a propia Susa Herrera, que compaxina a súa docencia na Facultade de Ciencias da Educación ourensá cunha dilatada traxectoria na publicación libros musicados para a infancia.
Coñecer as ferramentas
Segundo explican as coordinadoras da iniciativa, con este programa búscase dar a coñecer aos asistentes estratexias, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia, reforzando as carencias dos currículos académicos neste eido na etapa da Educación Infantil e Primaria. Para acadalo, o ciclo convida ás propias creadoras a presentar ao futuro profesorado as súas experiencias e producións de literatura infantil e xuvenil galega. A celebración destes coloquios/conversas coas creadoras participantes, permite, apuntan as coordinadoras do proxecto, contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que se ten da súa produción.É importante, recalcan as coordinadoras, que o alumnado e o público en xeral “tomen conciencia da importancia de coñecer a literatura para os máis novos, saber recomendar as obras de calidade e sobre todo aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a educación estética e musical”. Para acadalo, este curso aposta por visibilizar a poesía e a música para a infancia e adolescencia, “incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións”, engaden. Propostas así, salienta Mociño, contribúen a “valorar o papel do profesorado e a escola como axentes dinamizadores, programadores e normalizadores culturais”.