|
Letanía
autocrítica
Escribir
hoxe en Galicia require dun sabio exercicio de autocrítica
e de conciencia da situación socio-cultural e económica
do país. E non tanto porque o escritor deba manter unha relación
de compromiso belixerante coa mesma senón máis ben
porque, a un nivel menos superficial e por iso mesmo máis
ineludíbel e condicionante, o contexto socio-cultural e económico
nega e anula a liberdade precisa para que un creador madure a súa
obra de xeito natural, sen precisar de inxertos ou podas en destempo.
Procurarei
esbozar nestas liñas algúns dos aspectos que ó
meu entender convén analizar a xeito de sincera autocrítica
sobre a situación hoxe da poesía en Galicia, en referencia
ós tres polos da comunicación literaria que interveñen
no seu acontecer: a política editorial, a actitude dos poetas
e a resposta do lector.
Política
editorial
As
editoras galegas, e non só as de poesía, entendo que
propician o enfrontamento entre autores e propostas literarias ó
non saber obviar condicionantes propios de sistemas literarios normalizados
ó pretender adaptalos inxenuamente a unha realidade moi dispar
á que naqueles se implantan, o que trae como consecuencia
unha inexistente política editorial propia e rigorosa que
se orienta por:
1.
A conveniencia circunstancial ou implantación de falsas modas.
Cando
un sistema literario está normalizado (esto é, cando
os tres pilares da comunicación literaria -editor, autor,
lector-están ben asentados e non peligran polo peso que soportan)
as tendencias xorden alternativamente con naturalidade, nun proceso
de dilatación-contracción nalgún deles que
permite o equilibrio respecto ós demais e a súa pervivencia.
Pero no sistema literario galego esta dinámica non se produce
(aínda que só sexa por algo que ninguén discute,
como é a non normalidade na recepción do producto
literario por parte do lector), daí que as modas non son
máis que unha imposición ás veces personalista
dos editores ou dos poderes culturais que ostentan o privilexio
de bendicir ou censurar.
Lección deste espectáculo grotesco pódese tirar
do mundo da
moda: ¿que sentido tería que a moda galega tivese
bos deseñadores, poderosas empresas detrás que faciliten
a recepción
do producto, e non existise comprador para esas prendas? ¿Tería
sentido falar de moda?
Mais ben estariamos ante un exercicio despótico de imposición
sen conexión coa realidade na que xorde.
Pois ben; sen perder de vista esta comparación: ¿cal
ou cales destes pilares non soportan o peso que podería facer
que a comunicación funcionase no sistema literario galego?
Fagamos autocrítica.
2.
A defensa do minifundio estético.
Acorde
co espíritu egocéntrico e insolidario que lastra o
proceso de toma de conciencia por parte do pobo galego de ser unha
colectividade diferenciada e con identidade propia (¿como
recoñecernos como pobo se non recoñecemos ó
noso veciño?), a creación literaria encarna á
perfección ese sentemento de defensa do propio á costa
do desprezo do alleo.
Certo é que posuír unha migalla de terra na que plantar
os bens de autoconsumo que nos permitan subsistir e compararnos
co veciño que posúa outra migalla de terra, sempre
un chisco menos coidada, está ben. Non cabe dúbida.
¿Pero é iso o que precisa o agro literario galego?
¿Quen alimenta este subconsciente ancestral que nos fai característicos?
¿Quen prefire ternos enfrontados e coas terras divididas,
cada un coa súa, é certo (orgullo do labrego das palabras),
pero sen poder aspirar a sementar productivamente, para sementar
coa esperanza de poder
compartir, de poder chegar ós demais, lonxe da leira propia
e da complacencia ególatra de sobrevivir e de iso tan noso
como
é o de ir tirando?
Nun sistema literario normalizado os enfrontamentos entre bandos
editoriais e poéticas é xustificado: en Galicia, aínda
non se acadou a normalidade no dinamismo da producción literaria,
daí que estes enfrontamentos miméticos con respecto
a outras literaturas o que fan é retrasar a normalización
e debilitar o potencial creativo no ámbito galego. Fagamos
autocrítica.
3.
A especulación editorial.
Na
década dos 90, as editoriais galegas viron medrar o número
de obras publicadas de xeito concorde ó número de
ventas, ata que nos últimos anos da década e nos primeiros
desta, a edición en Galicia semella ter atopado o seu teito
de aspiracións.
O do teito pode servirnos para un símil co mundo da construcción.
Os especuladores deste sector caracterízanse por ocupar espacios
sen valor, case abandonados, ermos, e revalorizalos en complicidade
co futuro, a rendabilidade e outras irisacións que o beneficio
doado produce no cerebro do especulador que axexa (que é
o que etimoloxicamente significa, por certo).
Pois ó meu ver, a política editorial en Galicia pecou
de especuladora ó deixarse levar pola facilidade de medrar
por medrar e tentar facer do monte leira. Taláronse as árbores
para ter pastos, mais resultou co tempo que as cabezas de gando
se viron reducidas por razóns aparentemente alleas ó
cultivo dos terreos. E agora temos un país deforestado, coas
parcelas de
pasto acondicionadas, mesmo incluso concentradas parcelariamente,
mais non hai quen as traballe, nen gando para que a cadea productiva
se peche. ¿Falta de previsión? ¿Cegueira especulativa?
¿Descoñecemento do terreo? ¿Quizais das necesidades
do país?
¿Non se publicaría demasiado sen ningún criterio
e agora o público xa non está para desculpas ou correccións
anacrónicas? ¿Saldamos o construído ou derrubámolo
para empezar novamente racionalizando o crecemento e non aproveitándose
do diñeiro institucional que ó meu ver se facilitou
para causar o colapso que xustifique agora o desinterés da
sociedade galega pola literatura escrita na súa lingua? Fagamos
autocrítica.
4.
Convivencia coa crítica.
Que
as editoriais manteñen vínculos coa crítica
especializada non tería en principio nada de malo nin de
estrano, se estas conexións se produciran por confrontación
con outras propostas que encubren sempre intereses económicos
ou comerciais.
Pero en Galicia, se, como se afirma, a poesía non dá
diñeiro, ¿que intereses regulan a confrontación,
a indiferencia e o rexeitamento por parte dalgunhas editoriais á
hora de estigmatizar a un autor e rexeitar obras de incuestionable
calidade? Económicos, quedamos en que non. ¿Cales,
logo? ¿Persoais? ¿Estéticos exclusivamente?
Non parece que isto poida atraer lectores, senón máis
ben fomentar un estado de parálise e consecuente gangrena
que non aporta nada ó estatismo que ó meu
entender vive grande parte da producción poética en
Galicia.
E un apunte máis sobre esta connivencia entre edición
e
crítica:
Se como se ten dito en non poucos foros, a poesía galega
vive unha saúde invidiábel por outras literaturas
veciñas, eu pregúntome ¿por que non se explota
e se exporta como se está a facer en Irlanda? Non será
que se trata dunha afirmación esaxerada e levemente interesada?
¿E se é así por que interesan estas aseveracións:
para a autocomplacencia que anestesia a crítica e a insatisfacción
precisa para que a creación sexa un fértil campo de
cultivo? Fagamos autocrítica.
5.
Escaso achegamento ó público.
¿Que
razóns pode agochar o feito de que algunhas das propostas
máis interesantes da edición poética en Galicia
procedan de institucións oficiais ou de editoras que non
divulgan suficientemente os seus títulos? Alguén dirá
que a poesía foi sempre un xénero marxinal, minoritario,
inaccesible ás veces. Puidera haber verdade nesta razón.
Non o dubido. Pero ocórreseme pensar ¿hai dúas
concepcións da edición de poesía en Galicia?
¿Unha celebrada e excesivamente costosa para o lector, e
outra esotérica e inencontrábel? ¿Non hai un
termo medio? ¿Non interesa que o libro chegue? ¿Ou
non hai razón como tantas veces? ¿Basta con que un
libro non dea perdas? E se esta é a política, por
qué non se estreman as medidas para publicar o estrictamente
necesario, e non aquilo que sabemos que será ós dous
días
prescindíbel e economicamente un fiasco? Fagamos autocrítica.
6.
Inaccesibilidade a outras propostas poéticas contemporáneas.
As
editoriais de poesía en Galicia, salvo algunha rara excepción,
viven de costas á poesía recente e á poesía
que se está a facer noutros lugares.
Aquí síguese traducindo a Whitman como unha novidade,
case como se se tratara dun vangardista.
E todo aquilo que está escrito en castelán semella
que contén as esporas do antrax. Quen coñece aquí
o que se está a escribir hoxe no resto do país, sexa
na lingua que sexa (excepción feita dese achegamento á
poesía vasca feito por Letras de Cal no seu día ou
á poesía balear en Espiral Maior), e menos que en
ningunha, en castelán.
¿Por que? Sei a resposta. ¿Pero non será máis
certo que a nosa literatura só terá entidade e fortaleza
cando mire cara a cara ás súas literaturas veciñas,
incluída a castelá?
Porque tampouco coas literaturas portuguesa e brasileira a nosa
literatura ten un especial achegamento e unha relación de
convivencia máis aló do anecdótico ou da pose
especialista.
E ademais disto, o noso vivir de costas á poesía escrita
en castelán afástanos inxenuamente de poéticas
hispanoamericanas que arriquecerían as voces poéticas
que hoxe se expresan no país; poéticas coas que poderían
afondarse pontes de contacto
profundas, non só por vínculo histórico, senón
pola riqueza que están a vivir poéticas como a cubana
ou a arxentina. Fagamos
autocrítica.
Actitude dos poetas
1.
Complicidade coa inercia editorial.
A
parte das consideracións feitas sobre a política editorial
e a connivencia dalgúns creadores con ela, hai dous datos
que complementan este acrisolamento ós moldes que aquela
impón:
A. as iniciativas editoriais xurdidas de xeito exemplar como a cooperativa
poética de Letras de Cal, que terminará esmorecendo
precisamente por reproducir os erros que no seu día motivaron
a súa creación.
B. a sumisión ós premios e ós xurados. Ninguén
dubida de que grande parte dos premios poéticos deste país
-alomenos os máis apetecidos- están concedidos de
antemán, ben por conveniencias persoais ou editoriais -caso
este no que nada lle permite ó aspirante conceder ou amoldarse-
ben por apetencias estéticas, caso este que motiva a total
sumisión dalgúns poetas, xa que escriben para o premio
en cuestión ou para os membros que han xulgar as obras. ¿Non
semella empobrecedor? ¿Hai mellor proba que esta da pouca
independencia dalgúns poetas e da influencia determinante
que ten a crítica no devir da poesía que se está
a facer hoxe en Galicia? Fagamos autocrítica.
2.
Complicidade coa crítica canónica.
Eu
sempre estudara que o canon era un concepto da teoría
literaria que se aplicaba a posteriori a xeito de parámetro
de relectura e reordenación no tempo dunha obra literaria
que se xulga á marxe dos condicionantes contextuais que a
propiciaron. Mais no noso país semella que o proceso é
o inverso: primeiro imponse un canon e logo aplícaselle ás
obras editadas con posterioridade á súa aceptación.
¿Pero aceptación por quen? O canon tamén é
un concepto ligado á colectividade lectora, á vida
dunha obra literaria na rúa. ¿Non será que
a crítica literaria en Galicia confunde os planos temporais?
¿Non se estarán implantando modelos foráneos
de sistemas literarios asentados e con tradición a unha crítica
que está por facerse, que está por desenvolver o seu
potencial?
¿Non faría falta máis vontade de miras e menos
pechazón aínda que só sexa porque para pechar
as comportas do canon primeiro debera facilitarse a chegada de todas
as augas que escorregan ata el?
Pois non, en vez de abrirse, a crítica prefire obstaculizar
e propiciar o enfrontamento que os poetas inxenuamente escenifican
entre poéticas e bandos político-literarios, o que
ó meu ver desencadea un debilitamento do seu potencial. Lembro
o caso da iniciativa de Letras de Cal como un bo xerme para fornecer
a iniciativa poética, pero ¿é a súa
desaparición unha escenificación do enfrontamento
descrito?
Entre os poetas galegos ás veces semella que une máis
a solución para un binomio ortográfico que a convicción
na defensa común dunha literatura que non interesa fóra
-e dentro daquel
xeito- ou simplemente se ignora seguramente porque non se fai
nada por coñecela e dignificala.
E por contra, dende dentro, estamos obsesionados con amorear o maior
número de poetas nas antoloxías. ¿Para convencernos
de que cantos máis mellor? Non creo que este sexa o mellor
xeito de aplicar o canon prescrito.
E para rematar con isto, ás veces teño a sensación
de que os poetas van por detrás dos críticos e as
editoras, xa que escriben para xustificar tendencias como proceso
inverso á ortodoxia na que o crítico precisa de marxes
temporais para valorar as propostas dos autores e trazar as coordenadas
que as expliquen.
3.
Non entroncamento con outras tradicións, o que fai da poesía
galega unha manifestación isolada a respecto doutras poesías
do noso entorno -aínda que iniciativas cheas de ilusión
como esta tendan pontes que ós que poden estreitalas non
lles convén transitar- e que por iso mesmo se supón
excepcional ó medrar sen referentes ou coordenadas inmanentes,
isto é, ó non seguir un proceso natural de medra,
afastado do onanismo acrítico que a alenta e a asfixia, sen
que moitas veces o creador non sexa consciente dese paradoxo no
que vive.
¿Débese isto á nosa adestrada sensiblidade
de defensa ante a agresión cultural foránea? Isto
en parte é o que explica que na poesía actual haxa
autores que só atopan referentes na nosa tradición
-inpedindo en grande medida a entrada de novidades e a renovación
precisa- en voces ás veces esgotadas ou simplemente discretas
polo alcance das súas obras.
4.
Escasa autoesixencia á hora de publicar.
Este
punto quizais sexa o que de xeito máis personalista nos pode
afender. Mais só senón o vemos o través da
autocrítica precisa que poida mellorar a situación
actual da poesía en Galicia.
Debido á rede de complicidades e interdependencias das que
xa falei, ás veces o poeta peca de ter presa por publicar
para ser integrado e tido en conta no sistema literario que en apariencia
vive un momento envexábel, de xeito que volvemos descubrir
que o poeta vai un paso máis atrás que a crítica
e as editoras, e que dalgún xeito escribe por encargo.
Ademais disto, no poeta galego percíbese ás veces
unha complacencia inxenua no que escribe, actitude totalmente allea
ó modelo tradicional de poeta insatisfeito e autodestructivo
(ó estilo de Pessoa, Gottfried Benn ou na nosa tradición
de Manuel Antonio e Luís Pimentel) que anda sempre á
busca da palabra imposible, quizais pola magnificación na
que cae a crítica ó recoñecer o seu valor.
Isto motiva que haxa autores que viven máis pendentes dos
críticos que xulgan, antologan ou marxinan que de peneirar
as súas obras. "Qué enfermedad la de esperar
por los barcos del oro", sentenciaba o xoven poeta cubano Juan
Carlos Valls na súa "Conversación con los maestros".
¿Desconfianza, interés malsán, busca dun éxito
que aplicado ó poeta resulta sarcástico? Eu non coñezo
ningún caso de crítico que soterrara a obra dun bo
poeta, nin o caso dun bo poeta que
precisara dos críticos para que a súa obra perdurara.
A consecuencia deste entramado é o cultivo dunha poesía
ás
veces demasiado superficial que, voltando a algo xa insinuado, dificilmente
soporta a proba da traducción a outras linguas.
E emparentado con isto, ¿por que a nosa poesía de
hoxe semella tan anodina? ¿Será consecuencia desta
aparente complacencia e case que nulo compromiso e crítica
social que traslocen as nosas letras cando ninguén dubida
de que grande parte do país vive instalado no autoodio cultural
e os poderes públicos fan o mínimo por remedialo?
¿Por que as únicas excepcións se expresan en
clave irónica e satírica? ¿Quizais porque está
todo perdido ou porque o poeta renunciou ó seu poder de convicción?
Fagamos autocrítica.
A resposta do lector
Po
excederme no tempo, e xa que nas valoracións feitas ata aquí
o lector aparece aludido implicitamente -case diría que esta
autocrítica a reclama un lector comprometido coa situación
que hoxe vive a literatura do país- abreviarei apuntando
soamente dúas cousas:
1.
As respostas do lector ante esta parálise do sistema literario
galego, falto de iniciativas e proxectos atractivos son o cansancio,
a indiferencia e o desconcerto motivados por, respectivamente, o
monolitismo e a escasa novidade de propostas, a inadecuada divulgación
das obras e a confusa política dalgunhas editoras á
hora de decidir qué se publica.
2.
A percepción da poesía como un xénero menor
e minoritario no que todo cabe e nada trascende, un xénero
do que se di que nunca foi cultivado por tantos autores, e non obstante
non ten lectores. Nesa aparente diversidade, o lector dubida, desconfía.
Semella desconcertado diante de tanta oferta que non convence. E
o prezo dos libros aínda o disuade máis.
Hai quen di malevolamente que en Galicia hai máis poetas
que lectores. Habería logo que preguntarse que len algúns
deses poetas que desequilibran a balanza. Porque, se cadra, atopamos
aí a resposta á pregunta de por qué o lector
de literatura galega escasea.
Quen me teña escoitado con atención percibirá
nas miñas palabras un matiz agre que connota pesimismo ó
respecto da situación que estamos a vivir neste comezo de
século. É xustificado o parecer, mais non de todo
certo.
É indudábel que externamente vive a cultura galega
un momento quizais incomparable na súa historia no senso
de que hai máis escritores ca nunca, quizais máis
lectores, máis obras publicadas, máis editoriais e
en consecuencia maiores ofertas.
Pero quizais por isto, pola nosa complacencia -non esquezamos que
toda cultura agredida pervive na resistencia e na conciencia do
seu asoballamento- ¿non estaremos sementando un porvir sen
aspiracións, metáfora do pasado revivido, no que a
poesía non sexa máis que o canto saudoso do que nunca
tivemos e que, por fachenda insá, fomos perdendo sen sabelo?.
"Aran os bois e chove".
Namentres Penélope texe o seu consolo.
|
|