Conferencia inaugural   
Ourense, universo literario (Marcos Valcárcel)  
   

De seguro hai poucos lugares no mundo nos que a realidade literaria e o espazo urbano teñan un vencello tan íntimo como esta vella cidade, Ourense, que mereceu unha longa xeira de heterónimos literarios: Auria, Ouréns, Serenou, Augas Quentes, etc. Poucos lugares hai no mundo, creo, onde nunha distancia non maior de setenta metros conviviran as biografías de personaxes da talla de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor ou don Xoaquín Lorenzo. Entre a rúa da Paz, a Praza do Ferro e a Barreira, alí onde naceu Bóveda, temos un itinerario cultural cargado de significados e simbolismos, patrimonio da Galiza toda, a mellor herdanza duns tempos que nunca volverán.

Ourense é a cidade máis literaturizada do noso país, xunto con Compostela. Este é un dato ben coñecido, pero permítaseme recoñecer as primeiras esculcas neste feito dun ourensán, Xosé Luís Méndez Ferrín, que foi quen puxo en circulación por vez primeira o lema “Ourense, Universo Literario”. Fíxoo no outono de 1989, nun debate que convocamos desde o Clube Cultural Alexandre Bóveda para reflexionar sobre este tema, no que tamén participaron outros escritores como Francisco X. Fernández Naval e Camilo Franco. Desde aquela traballamos abondo nesta liña e comprobamos que o río deste discurso nunca deixou de medrar: son máis de cen os poemas adicados a esta cidade por un amplo colectivo de escritores (máis de 60 autores, ourensáns e foráneos, como se pode comprobar na escolma Ourense, craro río, verde val, que eu mesmo preparei no ano 2001 e que vostedes recibiron como agasallo do Concello ourensán). Hai tamén novelas abondo de temática fondamente ourensá e moitos máis relatos e unha longa xeira de textos xornalísticos de calidade. Entre estas novelas, é ben sabido, están algunhas das grandes obras mestras das nosas letras como O porco de pé, de Vicente Risco, ou A esmorga e Xente ao lonxe, de Blanco Amor, ou obras tan entrañables como a Ilustrísima de Carlos Casares e o relato Xeque mate, de Méndez Ferrín, que por certo homenaxea desde o seu inicio ao Liceo ourensán, a casa que hoxe nos dá acobillo. Déixenme engadir xa nesta mínima relación o nome de Pé das Burgas, magnífica entrega de Francisco Álvarez de Nóvoa, granadino de orixe e ourensán por vonatde de seu, que, con Heraclio Pérez Placer, renova a nosa narrativa do Rexurdimento e mesmo avanza peares fundamentais do novo discurso literario do século XX (a Xeración Nós, por diversos motivos, esqueceuse de rendirlle a homenaxe merecida a un nome que preparou o camiño do seu propio labor renovador).

Todo este exercicio fecundador de literatura, é ben evidente, non puido ser froito do azar. Hai sen dúbida un substrato anterior no que xermolarán os cambios e as rupturas, as novas inquedanzas e as novas realidades literarias. Lembremos o aceno do poeta Curros Enríquez invocando a liberdade na imaxe da locomotora que trae consigo o Progreso e o imperio da razón: o Progreso será tamén o nome da rúa central da modernidade, onde se instalen comerciantes e hoteis a recibir os coches de liña e os visitantes decimonónicos. Lembremos a figura poderosa de Lamas Carvajal, o vello poeta cego que inspirará a piedade dun Unamuno que o visita case nos seus últimos días: o poeta de múltiples rexistros do Rexurdimento, o narrador eficaz e vizoso nos seus argumentos, o Lamas xigante do xornalismo, creador de tantas cabeceiras e fundador do primeiro xornal monolingüe galego da nosa historia, O Tío Marcos d´a Portela, publicidade incluída. Na prosa, no xornalismo, este feito ten unha significación semellante ao que significou na poesía a aparición de Cantares Gallegos, recoñezámolo: xa o indicou así, no lonxano 1974, don Xosé Filgueira Valverde.

Lembremos tamén o papel da tertulia da Comisión de Monumentos, de don Marcelo Macías –o mestre de don Ramón-, e os saberes e a biblioteca de Arturo Vázquez Núñez (para Carlos Casares, un factor decisivo na formación cultural dos futuros compoñentes de Nós) e en poetas, narradores e historiadores como Alberto García Ferreiro, Castor Elices, José García Mosquera, Juan A. Saco y Arce, Benito Fernández Alonso, Alfredo Nan de Allariz, Roque Pesqueira Crespo, Manuel Lois Vázquez, entre moitos outros. Nacera xa, en 1850, o Liceo Recreo ourensán, coa súa Academia de Literatura e Ciencias, e o Orfeón Unión Orensana e o Teatro Principal e os cafés La Unión, Victoria, Royalti, O Moderno, a Bilbaína e o Gran Hotel Roma e grandes xornais como os impulsados por Lamas ou o republicano El Trabajo ou El Miño de acentos liberais ou, xa en 1910, a voz católica de La Región. Tal era o esplendor cultural da cidade ourensá no século XIX e aínda habería que engadir novas tonalidades, como os da paleta do pintor Ramón Parada Justel e os seus soños míticos, e a creación en 1918 da Coral de Ruada, da man de Xavier Prado Lameiro, e o renacemento da festa dos Maios e o rexurdir dun novo O Tío Marcos d´a Portela coas primeiras Irmandades da Fala e moitas outras aventuras que aquí non poden ser citadas para non ser excesivos: pero, pensemos, ese era o substrato cultural no que se forxou a Xeración Nós e os seus epígonos, estas eran as bases sobre o que se había cimentar o meirande edificio literario da nosa contemporaneidade.

Os autores da Xeración Nós e Eduardo Blanco Amor son dous conxuntos suficientes para crear de seu toda unha literatura. Pero, ao redor deles, todo un longo ronsel de poetas, narradores e artistas definiron un tempo literario propio que se caracterizou pola apertura á renovación estética e aos universos culturais europeos. Velaí a xeración de La Centuria, como a chamou Blanco Amor, e nomes tan egrexios, ao carón dos mestres, como Manuel Luís Acuña, Manuel García Paz, Roberto Blanco Torres, o primeiro Euxenio Montes, Delgado Gurriarán, Xavier Bóveda, os irmáns Augusto e Álvaro María Casas, Xosé Lois Parente, Roberto Blanco Torres (desterrado e casado na Peroxa), o inda moi mozo Celso Emilio Ferreiro, etc. E artistas como Cándido Fernández Mazas, Manuel Méndez, Xaime Prada e todos aqueles que se asomaron á revista Nós e tamén ás revistas literarias das vangardas desde Auria. Risco facía os seus primeiros poemas futuristas, carteábase cos escritores novos e daba consellos literarios e políticos a Blanco Amor e a Manuel Antonio e todos eles veneraban con fraternidade a Teixeira de Pascoaes, irmán da patria portuguesa (velaí a ampla correspondencia entre todos eles, recuperada por Isaac Estravís e Eloísa Álvarez). Tiñan ao seu dispor as páxinas culturais de La Región e de La Zarpa, o Heraldo de Galicia e todas as revistas culturais do momento en toda Galiza. Eles están tamén detrás do primeiro Ateneo de Ourense (1936) e das primeiras iniciativas para convocar a todos os escritores galegos do momento arredor dunha asociación propia de autores galegos, como estudou Antón Capelán.

Nin a guerra civil puido botar abaixo tanto entusiasmo, anque o silencio imperase durante moito tempo e os escritores se recluísen en revistas católicas ou na prensa local, forzados a menudo a empregar o castelán ata que pasase a treboada. Quedaron os mártires polo camiño –Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Blanco Torres, tantos colaboradores de Nós- pero a semente dunha nova Galiza viva sobreviviu debaixo dos rescaldos e as cinzas da barbarie. Simbolizamos en Otero Pedrayo a enerxía do exilio interior, a conciencia de supervivencia da cultura galega e ata a xenerosidade de recuperar para a cultura galega o labor do vello amigo, don Vicente, enlixado dende 1936 en tristes artigos de enxalzamento franquista. Pero lembremos que Risco fai tertulia desde os anos 40 e 50 na cidade e con el Otero e tantas xentes convocadas na casa de Cuevillas, ou no Hotel Roma, ou na Marquesina, ou no Parque ou máis tarde no Volter (derrubado pola incuria e a inxusta desmemoria para vergoña de todos os ourensáns). Lembremos que a esas tertulias acoden xentes novas, que descobren neses anos a cultura galega da voz inda calada, silandeira, de xentes como Manuel Luís Acuña: velaí a Carlos Casares, a Carlos Vázquez, aos artistiñas todos do Volter –Quessada, De Dios, Virxilio, etc.-, ao propio Antón, fillo de don Vicente; por certo, cousas do paradoxo, a maioría de esquerdas e antifranquistas.

E nace Posío, onde escribe Pura Vázquez, que se asomara cos seus versos na primitiva La Zarpa, incautada por Falanxe, e un novísimo José Ángel Valente, logo unha das meirandes voces das letras castelás de todos os tempos, e os irmáns Julio e José Luís López Cid, e Antón Tovar, e o pintor Prego de Oliver, e Matilde Lloria, valenciana integrada na cultura de noso, Xosé Conde e Alberto Vilanova desde América, e logo o berro civil e a poderosa autenticidade do Celso Emilio Ferreiro, e voces aínda máis novas como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Arturo Lezcano, entre outros. E na prensa o exemplo ético do galeguismo civil de Xesús Ferro Couselo, de “Ben-Cho-Shey”, de Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo, Chamoso Lamas, etc. E as homenaxes a Risco, pouco antes de morrer en 1963, e a grandiosa despedida a Celso Emilio no Roma no 1966 e o alento de Vieiros e Galicia Emigrante, chegadas desde América co apoio de tantas firmas ourensás e o esforzo do avogado ourensán Amadeo Varela.

Moitos destes autores estiveron vencellados, con Otero Pedrayo, á cabeza, ao nacemento da Auriense nos anos 60 e logo do Ateneo ourensán e de Abrente e a mostra de teatro e de tantas asociacións culturais espalladas pola xeografía provincial ourensá. Así sucederon as cousas: o río segue a fluír, a tradición estaba salvada entre os desastres da barbarie, ninguén podería deter xa o cachón da recuperación da nosa identidade. Calquera pequeno esforzo naqueles anos era un paso xigantesco no labor cultural, porque, lembrade a Cuevillas, “calquera labor en nome de Galiza, grande ou pequeno, duro ou levián, será sempre sementeira”.

A historia cultural de Ourense entre os séculos XIX e XX está, en boa medida, simbolizada nestes nomes. Eles son o noso mellor orgullo. E as súas obras literarias, tantas delas arredor da súa Auria natal. Só queda tempo para unhas notas sobre as características dese Ourense, universo literario. Subliñemos, por exemplo, a súa preferencia cronolóxica polo período que vai entre finais do século XIX e 1936, aínda máis desde 1911 a 1936: ese é o tempo de moitas das grandes novelas ourensás, as de Blanco Amor significadamente. A posguerra está presente tamén en obras de Otero Pedrayo e os anos 60 nalgunhas achegas de Antón Risco, Méndez Ferrín ou de Bieito Iglesias, entre outros. Anotemos, ademais, todo un subxénero de novelas aurienses inspiradas nos días da guerra civil e a posterior represión criminal: Carlos Casares, Fernández Ferreiro, Manuel Guede Oliva, Fernández Naval, etc. Pero todos os tempos están presentes e mesmo o Ourense de hoxe vive en novelas recén saídas do forno como Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras. Ese río de versos e relatos que aboia desde vello, nos moi lonxanos tempos medievais –velaí a Afonso X o Sabio cantando “Así como eu bebería bon viño de Ouréns...”- pervivirá, é ben seguro, ao longo do presente século XXI.

O Ourense literario é tamén, básicamente, o Ourense histórico, a cidade medieval que se mantivo inalterable desde o século XII ata mediados do século XIX, só con algunhas casas novas ou algunha grande igrexa arredor do vello perímetro de orixes romanas. Aí transcorren La Catedral y el niño, A esmorga, Xente ao lonxe, Ilustrísima, a oteriana La vocación de Adrián Silva e tantas outras. Certo que os poetas ampliaron este marco xeográfico, moi especialmente cos moitos versos adicados ao Montealegre, ao río Miño e á Ponte Vella, as Burgas e ao Posío, ao Cimiterio de San Francisco e, sobre todo, ao engado dos pequenoscurrunchos da cidade: a rúa do Olvido, a Praza do Trigo, a ermida do Portovello, a rúa Juan de Austria, etc. Hai tamén outros lugares de forte simbolismo: o Salto do Can para Pura e Dora Vázquez, as terras de Oira e Velle en Fernández Naval, o barrio da Ponte e a Chavasqueira en Bieito Iglesias, etc.

Sorprende observar a continuidade dalgúns perfís do mapa literario ourensán: lembremos que ao redor das Burgas e do río Barbaña sitúanse xa no século XIX, nas prosas de Lamas Carvajal os chamados graxos da Burga, mozos de vivir desafiante e marxinal que poboan tamén algunhas páxinas de Blanco Amor e no mesmo Barbaña transcorre un dos grandes contos ferrinianos, “O Suso”, en territorios ata hai unhas décadas moi humildes cando non víctimas dalgunha das enchentes que asolagaban as viñas e as casas que tapizaban as beiras do río.

É tamén este Ourense literario unha cidade moi plural nos seus rexistros estéticos e temáticos: serviu o mesmo para crear unha gran novela satírica, O porco de pé, de Vicente Risco, ou Os europeos en Abrantes, que para soster a arquitectura das novelas realistas-expresionistas de Blanco Amor ou mesmo para asomarse aos territorios do marabilloso nalgúns contos desa alfaia que é Os biosbardos. E temos a novela da memoria, o relato dos tempos construídos arredor da vella cidade, en Antón Risco (As metamorfoses de Proteo) e en Otero Pedrayo, ou a novela de tese e de ambientación histórica, tamén Otero ou a Ilustrísima de Carlos Casares. Ou a beleza inigualable das néboas asolagando un Ouréns de fidalgos e cabaleiros franc-masónicos en Xeque mate, de Méndez Ferrín: esa escrita ferriniana que nos envolve na mellor melancolía de xinea oteriana. E mesmo o espazo posible para unha novela lírica como O bosque das antas, de Fernández Naval (tamén novela da memoria), ou aínda o rexistro da novela policial, con diversos intentos que van desde o Gumersindo Nespereira de Miss Ourense de Bieito Iglesias ata a moi recente novela xa citada de Diego Ameixeiras. E a novela da emigración, ben sexa na experiencia americana (Bieito Iglesias) ou ben sexa na volta dos mundos europeos, como en Cambio en tres, de Carlos Casares, ou dos ourensáns, afiadores e serenos e outras profesións humildes afincados na capital de Madrid, como conta Fernández Ferreiro nalgunha das súas novelas. Algúns destes espazos teñen moito que contar aínda, cremos, velaí a experiencia da emigración europea, tan pouco tratada nas nosas letras, por non falar da posibilidade dunha sátira de miserable e mediocre vida política do noso tempo: ¿e logo o provincianismo e a corrupción de hoxe non merecen unha nova esculca na liña de O porco de pé desde o noso tempo?

Un universo literario plural tamén no debuxo dos movementos dos grandes grupos e clases sociais. Noutros traballos atendimos este aspecto de vagar: a crítica despiadada, velaí O Porco de pé, contra a pequena burguesía comercial –ferreteiros, maioristas da alimentación- que monopolizaba a vida política e o dominio social (os famosos maragatos, que en realidade podían ser navarros e vascos, asturianos, cataláns ou de toda Castela); a denuncia da miseria moral e da ruína económica da fidalguía, botada a perder cando se derruban os foros e quedan os nosos fidalgos sen a súa base económica fundamental (e tamén, cómo non, a peculiar visión oteriana e mesmo a arela dunha fidalguía ideal, galeguista e renovadora, literaturizada en varias das súas novelas e relatos); o mundo do lumpenproletariado e da marxinalidade –prostitución, delincuencia, os toliños apartados do sistema- e da man de Blanco Amor, tras ofrecernos esa obra mestra que é A esmorga, a visión da construcción dunha conciencia proletaria, o erguerse dun obreirismo anticlerical, republicano e socialista, sen despreciar nunca as súas raíces agrarias (Xente ao lonxe); o mundo eclesiástico presente en tantas obras e de forma moi singular en Ilustrísima, de Carlos Casares; mesmo a visión do campesiñado que era nos inicios do século XX aínda unha realidade manifesta nos arredores da cidade, da Alameda e a estrada de Trives en adiante: a aldea estaba aí mesmo, só había que andar pouco máis de cen metros, contaba don Xoaquín Lorenzo, e don Vicente Risco ía de paseo ata Velle con don Ricardo Outeiriño e con outros amigos para ver as uvas colgando nas solainas das casas dos paisanos, diso só hai unhas décadas anque hoxe nos pareza un tempo perdido na lonxanía das brétemas dunha memoria que xa non somos quen de recuperar como propia.

Isto é o Ourense: universo literario que vostedes poderán evocar estes días. Se saben escoitar, poderán aínda deterse na conversa demorada de don Ramón Otero Pedrayo, no Espolón da Praza Maior, coas pantasmas fidalgas daquel século dezanove que el viviu como o seu tempo propio. E oír a don Florentino Cuevillas cando esculcaba na voz dos nosos máis loxanos antergos, porque el sabía que aquel alento primixenio pervivía nas formas, nos estilos, nos sentires dos homes e das mulleres de hoxe. E camiñar con don Eduardo Blanco Amor, tantas veces rodeado de mozos novos, fachendoso da súa inmensa valía literaria, anque os seus paisanos non lla soubesen recoñecer ou se obstinasen en negar a figura daquel señorito ben vestido tan culto como ousado, liberal, republicano, galeguista, refugado por tantas razóns políticas e morais polos poderes e forzas vivas da época. Estas sombras camiñan connosco, seguirán a vivir no Ourense do século XXI e sabemos que, se toda literatura se escribe sobre libros que xa foron escritos hai moito tempo, Ourense goza das mellores condicións para que ese empeño siga sendo fecundo e enriquecedor nos tempos vindeiros. Quizais só haxa que saber escoitar, abrir os ollos, deixarse levar polo engado das pequenas rúas e prazas, facer da Memoria o templo indestructible da nosa resistencia.

Máis nada, moitas gracias.

 
   

Páxina principal de GALEUSCA 2004 | Programa | Relatorios | Fotos
Página principal da AELG