INFORMACIÓN
COMPLEMENTARIA
Este
é é un dos relatos do libro Cousas. O
conxunto de Cousas está formado por un total de corenta e cinco textos, todos
eles acompañados dun deseño intimamente relacionado co tema do texto.
A obra, publicada inicialmente en
xornais e revistas, foi recollida logo en dous volumes nos anos 1926 e 1929.
Tal vez sexa unha das obras máis orixinais da literatura galega, mesmo pola
dificultade para a adscribir a un xénero literario concreto, xa que nela
aparecen elementos narrativos e líricos. Nalgúns casos semella que estamos
perante contos e noutros ante poemas en prosa. O propio Vicente Risco, ao se
publicar a obra, escribiu:
Mesmamente,
cómpre telo por criador dun xénero literario: os contiños curtos, verdadeiras
novelas nunha páxina, dun humorismo tan fondo, dunha intensidade tráxica tan
punxente, dunha poesía tan extraordinaria, que para atoparmos algo que se lle
asemelle, temos que ir á literatura rusa (Gorki, Andreieff) ou á literatura
irlandesa (Synge, Lord Dunsany).
Destaca aquí Risco unha
característica fundamental desta obra e do estilo do autor: a síntese. Igual
que nos seus debuxos, nos que Castelao busca con trazo firme mais simple resaltar os rasgos fundamentais,
en Cousas tamén encontramos textos moi pulidos, concentrados, nos que se
seleccionan só os elementos esenciais: os máis grotescos cando constrúe un
relato caricaturesco e satírico (o pequeno burgués alcohólico Romualdo); os de
maior ternura cando o texto ten unha finalidade lírica: “Chámanlle a
Marquesiña” ou “A vella non para de
gabar a súa felicidade” . Ao servicio deste afán de síntese está tamén a
construción oracional: frases breves, moi equilibradas e en perfecta harmonía,
claridade conceptual e riqueza léxica a partir dunha lingua popular que o autor
pole e mima sen chegar nunca á artificiosidade.
A pesar desa mestura de humorismo,
narración, sátira e lírica Cousas está concibido cunha clara intención
realista. Así, encontrámonos cos problemas que as novas artes de pesca,
introducidas en Galicia pola burguesía catalana, provocan no noso mundo
mariñeiro: ruína, necesidade de esmola, alcoholismo. Observamos tamén o
gravísimo tema da emigración: os fracasados que só traen consigo a enfermidade
e a morte, como “O pai de Migueliño”. Mais tamén cando o emigrante triunfa, as
consecuencias son nefastas: a desintegración do mundo de que se parte. A
problemática da muller tamén aparece no libro. Desde a muller fidalga que só
ten como función social reproducir a súa clase e que, frustrada a súa
maternidade é un ser inútil “Vou contarvos un conto triste”, ata a muller popular que, solteira e cunha
filla, nos deixa ver que o matrimonio non é necesario para a felicidade (“A
vella non para”).
En xeral, Castelao móstrase crítico cun
progreso que vén provocado pola acumulación de capital e que, lonxe de traer a
felicidade, pode provocar a inxustiza, a infelicidade e mesmo situacións
irracionais ás persoas que se obsesionan coa consecución de diñeiro (“O vello
Saramaguiño”, “O fillo de Rosendo”).