A AELG apoia o chamamento da AGPTI á folga simbólica de tradutoras e intérpretes, no Día Internacional da Tradución
30/9/2026
Foto da novidade

A AELG apoia o chamamento da AGPTI á folga simbólica de tradutoras e intérpretes, no Día Internacional da Tradución:

"Este 2026, a AGPTI sumámonos á mobilización que promoven, por segundo ano consecutivo, os colectivos franceses de profesionais da tradución En chair et en os e IA-lerte Générale, así como o sindicato STEF, co apoio doutras entidades e organizacións, co fin de convocar unha «folga» de tradutoras/es no Día Internacional da Tradución (30 de setembro). Unha folga simbólica, porque ese dereito non está garantido na nosa profesión por sermos a gran maioría traballadoras/es autónomas/os, pero que testifica a nosa determinación por defender as nosas condicións de traballo, por rexeitar a IA e as súas nefastas consecuencias, así como por esixir o recoñecemento da nosa profesión.

O 30 de setembro será un día de loita colectiva nacional e internacional contra o illamento e a resignación. Aproveitemos a ocasión para encontrarnos, reunirnos, debater e organizarnos.

As enquisas demostran unha crecente precariedade no sector da tradución profesional: as nosas condicións socioeconómicas seguen a degradarse en todos os eidos (tradución editorial, audiovisual, pragmática, científica…). Carecemos de dereitos, págannos menos do que nos corresponde e non dispomos de protección social completa.

Seguimos sen ter:

– Subsidio por desemprego
– Medicina do traballo
– Vacacións pagadas
– Tarifas mínimas
– Tempo de traballo máximo semanal
– Días festivos
– Posibilidade de rexeitar eficazmente que as nosas obras sexan manipuladas pola tecnoloxía co beneplácito do Estado.

En resumo, para unha gran parte de nós non existen unhas condicións de «traballo decente» (segundo a denominación da Organización Internacional do Traballo).

Durante este tempo:

– Seguen a impoñernos traballo de balde e mal remunerado como se as nosas competencias fosen unha afección, solicitando probas de tradución gratuítas ou o acompañamento tras a interpretación.
– Case nunca se cobra por urxencia, como tampouco o traballo de noite ou durante as fins de semana.
– As axencias subcontratantes seguen a impoñernos tarifas e algoritmos de IA que adoitan empregar sen que o saiba a súa clientela.
– Os ingresos complementarios, como poden ser bolsas ou axudas, convértense nun recurso fundamental para paliar os escasos ingresos do noso traballo.
– Compañeiras/os de profesión abandonan o sector pola falta de encomendas.
– Cada vez somos máis as persoas que non chegamos ao ingreso mínimo vital.
– As persoas egresadas que se inician na profesión non conseguen facerse un oco no mercado laboral.

A ideoloxía predadora e os intereses económicos que promoven a IA en detrimento do planeta e da xente traballadora seguen avanzando. Nos diferentes ámbitos da tradución, imponse a postedición por riba das condicións de traballo e da remuneración.

No sector do libro, algunhas editoriais pretenden aforrar recorrendo a axencias de tradución con IA; no audiovisual, algunhas cadeas prescinden de profesionais para a subtitulación; no teatro, estase a desenvolver a automatización dos sobretítulos ao amparo de sociedades privadas; na investigación, redúcese o número de contratos coas revistas de humanidades e ciencias sociais… No colectivo de profesionais autónomas/os, non ter clientela directa supón traballar arreo a golpe de clic coa obriga de revisar textos xerados por IA para axencias de subcontratación.

A tradución non é un problema que deba resolverse. Defender o noso traballo é defender unha sociedade humana.

Queremos:

– Traballar sen depender da intelixencia artificial xenerativa, que non é máis ca unha nova etapa na automatización do traballo e unha carreira en prol da produtividade, en detrimento das linguas, da seguridade das persoas, do saber facer humano, dun pensamento e unha cultura libres, diversos e abertos.
– Unha continuidade nos ingresos e, máis amplamente, unha cobertura social máis ampla, equiparable ás traballadoras/es por conta allea.
– Unhas condicións de traballo dignas, con remuneracións e contratos decentes que teñan en conta a precariedade inherente á nosa profesión, marcada pola baixada de prezos e o traballo de balde en múltiples tarefas esenciais.

Este mércores 30 de setembro de 2026, animamos a toda aquela persoa tradutora, sexa autónoma ou asalariada, traballe de xeito independente ou para axencias, a que pare de todo!

Ese día, non traducimos, deixamos os teclados a un lado, non facemos entregas e organizámonos co resto de compañeiras/os para dedicar a xornada a consolidar a nosa solidariedade, a reflexionar e a actuar para mellorar as nosas condicións de traballo e existencia.

Con tal motivo, dende a AGPTI propomos unha xornada de xuntanza e mobilización en Vigo, cunha concentración pacífica diante do museo MARCO, o 30 de setembro ás 12:00 h, co obxectivo de manifestar publicamente a degradación da nosa profesión e reivindicar unhas condicións de traballo dignas."