Plataforma de demandas da Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores
19/5/2026
Acordadas en Potes, Cantabria, en maio de 2026
Foto da novidade

A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, como froito da reflexión colectiva e dos debates que veu celebrando, desde decembro de 2016 nos Encontros anuais das entidades que a conforman, e especialmente nas sesións celebradas con motivo da súa fundación, en marzo de 2024 na cidade de Soria, aproba a seguinte Plataforma de reivindicacións e demandas do noso colectivo profesional (do que forman parte escritoras/es e tradutoras/es) dirixida ás administracións responsábeis, de xeito moi especial, ao Ministerio de Cultura e Deporte, ao Ministerio de Transformación Dixital, ás Consellarías de Cultura dos distintos gobernos autonómicos e, dada a complexidade e transversalidade das solucións, aos Ministerios de Facenda, Seguridade Social e Traballo do goberno central.

 

A. MEDIDAS PARA MELLORAR A SITUACIÓN PROFESIONAL DE ESCRITORAS/ES, TRADUTORAS/ES E DRAMATURGAS/OS

1. Lei de Propiedade Intelectual e novo contexto tecnolóxico e dixital: a actual lexislación estatal precisa adecuarse á normativa internacional e europea e apostar claramente pola defensa das/os titulares de dereitos de Propiedade Intelectual, no actual contexto de implantación, nos ámbitos europeo e estatal sobre todo, mais tamén mundial, da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) para salvagardar os dereitos de escritoras/es e tradutoras/es en todos os planos.

2. Os obxectivos en relación coa IAX son:

a. Lograr que as Administracións se doten de medios e recursos suficientes para daren continuidade ao obxectivo de impedir a copia ilegal e a pirataría e para afrontar os retos da IAX.

b. A ese respecto, a Conferencia e todas as entidades que a integran consideran a actuación das Plataformas tecnolóxicas, tal e como se concretou en relación coa IAX, un perigo para a creatividade humana, para a orixinalidade, para a liberdade de expresión e, no fondo, para a democracia.

c. Ratificámonos na campaña en defensa dos dereitos de autoría iniciada o pasado 4 de marzo POR UNHA IAX SUSTENTÁBEL e respectuosa cos dereitos de autoría.

d. En virtude das demandas presentadas, exiximos que a administración pública, comezando polo Goberno do Estado, asuma o liderado para lograr que na implantación do modelo de IAX en que está comprometido se garanta o cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual e o respecto aos Dereitos de Autoría. Traballaremos para lograr un Acordo estratéxico entre o Goberno do Estado, a representación das/os autoras/es literarias/os e tradutoras/es e a entidade de xestión dos nosos dereitos en usos secundarios (CEDRO).

e. Ese acordo deberá servir para compensar, coa remuneración correspondente, o uso ilegal que, cando menos desde 2019, se veu facendo dunha inxente cantidade de obras protexidas e suxeitas a dereitos de autoría para o adestramento da IA. Facemos nosos, como obxectivo irrenunciábel, os principios de AUTORIZACIÓN, REMUNERACIÓN E TRANSPARENCIA e a necesidade de facer máis rigorosa e estrita a lexislación europea. Identificámonos co decálogo de Recomendacións de European Writers’ Council (EWC).

f. É necesario facer máis precisas e acordes co respecto á Lei de Propiedade Intelectual as distintas normas relativas á IA a nivel europeo e a nivel estatal.

g. En paralelo, demandaremos unha negociación de todo o sector do libro para dar carta de natureza e recoñecemento xurídico a un “selo” ou certificado que garanta a lectoras/es e outros axentes a autoría humana dunha obra literaria, for como tradución, for como obra nova en orixe.

h. Incorporación, a todos os contratos de edición, de novas cláusulas mediante as que o autor ou autora certifica que a obra entregada para a súa edición non foi creada con IAX e que todo/a editor/a se comprometa a non ceder parcial ou totalmente a obra contratada para usos vinculados coa IA sen a autorización previa (e a remuneración) do/a autor/a ou do/a tradutor/a.

3. Estabelecemento de medidas que posibiliten unha xusta e proporcionada remuneración, polas editoriais, dos dereitos de autoría, garantindo, salvo acordo en contrario, o abono do correspondente adianto á sinatura do contrato. O adianto sobre dereitos, aínda que sexa mínimo, debería ser norma e non excepción, salvo acordo en contrario entre editor/a e autor/a.

4. Exixencia de remuneración do traballo do/a escritor/a nos medios de comunicación, foren dixitais ou en soporte papel. Os artigos e outro tipo de colaboracións realizadas en diarios e revistas han ter sempre unha compensación económica.

5. Aprobación dunha normativa concreta que estabeleza sancións exemplares ás editoriais que estabelezan contratos abusivos sobre a obra dun/ha autor/a, ou que vulneren o principio de remuneración xusta polos dereitos da obra contratada ao/á escritor/a, ou que incumpran artificial e unilateralmente os prazos estabelecidos no contrato ou pola Lei. É imprescindíbel a subscrición dun Acordo marco entre a Federación de Gremios de Editoras/es de España e as/os escritoras/es representadas/os polas asociacións asinantes.

6. Estabelecemento de mecanismos técnicos eficaces (desde a numeración de exemplares á certificación polo/a impresor/a e o/a editor/a) que permitan un estrito control de tiraxe dos seus libros ás autoras e autores utilizando os instrumentos que ofrecen as novas tecnoloxías da información, que permiten mesmo un coñecemento “en tempo real” das vendas por parte do/a editor/a e do auto.

7. Consideramos positivo o convenio subscrito por ACE coa CEGAL, un primeiro paso na transparencia da rastrexabilidade dos libros e da información aos autores e autoras sobre o volume de vendas de cada título, tanto de carácter dixital como físico. É preciso facer extensiva esa práctica ao conxunto do sector do libro e engadir espazos de venda, dixital ou física, que vaian alén da rede de librarías de CEGAL.

8. Garantías reais de execución das sentenzas condenatorias de calquera tribunal ás editoriais por impagamento de dereitos, ora mediante a subscrición de seguros “ad hoc”, ora mediante a creación dun Fondo Común Editorial.

9. Acompañamento da articulación e desenvolvemento, a través dos Institutos Oficiais que teñen como obxectivo a promoción tanto interna como externa das súas respectivas linguas e literaturas ou doutras institucións que poidan cumprir a devandita función, dos necesarios instrumentos para a tradución e edición no exterior de autoras/es que escriben nas distintas linguas presentes na xeografía do Estado.

10. Potenciación e incremento das subvencións e axudas de ámbito estatal e autonómico á edición. Consolidación e ampliación das axudas á tradución e á creación literarias adaptándoas á nova realidade tecnolóxica.

11. Modificar o Real Decreto Lei de xaneiro de 2023 (RDL 1/2023) sobre compatibilidade entre pensión de xubilación e percepción de dereitos de autor ou ingresos derivados de actividades contempladas no artigo 10 da Lei de Propiedade Intelectual de tal xeito que se contemplen de maneira clara: as pensións por incapacidade laboral permanente, as non contributivas e as pensións con complementos a mínimos e as resultantes dunha xubilación anticipada.

12. Exiximos unha rápida adaptación dos procesos administrativos e da formación das/os funcionarias/os dos organismos responsábeis de aplicar o citado Real Decreto de xaneiro de 2023 e os seus desenvolvementos. Non é tolerábel que autoras e autores con dereito á compatibilidade teñan que recorrer en distintas instancias e someterse a longas esperas por puro descoñecemento das novidades por parte do funcionariado.

13. Adaptación do Réxime Especial de Traballadoras/es Autónomas/os ás características do traballo do/a escritor/a naqueles casos en que esta/e opte polo desenvolvemento do seu labor baixo ese réxime, vinculando as súas cotizacións ao nivel de ingresos anual e ao carácter intermitente do seu labor. A cota reducida á Seguridade Social estabelecida para “Artistas” debe ser estendida na súa aplicación ás autoras e autores literarios (escritoras/es, tradutoras/es, dramaturgas/os). Creación da epígrafe AUTORAS/ES LITERARIAS/OS no IAE, e dunha casa específica para RENDEMENTOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL na declaración do IRPF.

14. Incrementar, de acordo coa realidade dos países máis avanzados da Unión Europea, a remuneración por préstamo bibliotecario ás autoras e autores, aumentando a tarifa actual e, para gañar eficacia, centralizando a obriga de pagamento en Goberno central e nas Comunidades Autónomas e estabelecendo unha tarifa xusta. Deuse un paso importante situando ese pagamento nas Deputacións Provinciais, mais é fundamental simplificar o proceso no sentido apuntado.

15. Estabelecer un acordo que garanta a participación de autoras/es literarias/os e xornalistas nunha porcentaxe xusta dos ingresos que as/os editoras/es de prensa perciban en concepto de copia privada da entidade de xestión colectiva dos dereitos correspondentes (CEDRO).

16. Acadar unha relación permanente e estruturada das entidades autorais co Instituto Cervantes e cos organismos difusores e promotores das distintas culturas e linguas peninsulares como o Institut Ramon Llull, Etxepare Euskal Institutua e o Consello da Cultura Galega, nos seus correspondentes ámbitos de competencia, co fin de participar na proposta de actividades no exterior e na presenza de escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os nos programas literarios dos centros das mencionadas entidades fóra do Estado.

17. Articular medidas eficaces contra a pirataría, garantindo a seguridade xurídica á comercialización da obra das autoras e autores en Internet e a axilización dos procedementos para salvagardar os dereitos de Propiedade Intelectual contemplados no artigo 158 da Lei.

18. Tratamento fiscal á venda de libros en dominio público. Estudo da creación dun gravame dunha porcentaxe a determinar sobre cada libro vendido ou emprestado cuxos dereitos xa formen parte do dominio público, co que crear un Fondo de Solidariedade para o colectivo de escritoras e escritores.

19. Creación, por parte do Goberno do Estado ou, no seu caso, do Parlamento, dunha Xurisdición da Propiedade Intelectual, co correspondente Xulgado Central, algo que por experiencia sabemos que é unha necesidade obxectiva, dadas as limitacións existentes no ámbito xurídico en todo o referido á propiedade intelectual.

20. Aplicar integramente, cos desenvolvementos regulamentarios correspondentes, a Lei de Ensinanzas Artísticas no que se refire á Escrita Creativa como unha nova disciplina (o mesmo rango de Ensinanza Artística Superior que hoxe teñen asignadas Música, Danza ou Deseño, entre outras), coa creación dos correspondentes centros públicos.

 

B. PARA MELLORAR A INDUSTRIA DO LIBRO E FAVORECER O LABOR PROFESIONAL DAS AUTORAS E AUTORES

1. Desenvolver políticas en favor da lectura e do libro no ámbito da Educación. É preciso incrementar o gasto educativo e as iniciativas de fomento da lectura no ámbito escolar, así como desenvolver unha política activa de potenciación das bibliotecas de aula.

2. Elaborar e pór en marcha unha nova Lei de Mecenado que sirva para facilitar o desenvolvemento e o investimento nas industrias culturais, adaptada ás novas realidades.

3. Colaborar coas administracións no desenvolvemento do PLAN DE FOMENTO DO LIBRO E A LECTURA para que poida afrontarse o futuro desta decisiva actividade con perspectiva de éxito. Necesidade de coordinar o plan estatal cos das Comunidades Autónomas e dos Concellos. As asociacións que forman parte da Conferencia comprométense a exixir nos seus ámbitos territoriais o deseño e a posta en marcha dese tipo de Plans.

4. Apoiar unha campaña estatal para prestixiar as librarías como puntos de referencia cultural. Unha campaña en que deberían implicarse a fondo as Comunidades Autónomas e os Concellos.

5. Dotar de orzamento suficiente as bibliotecas públicas e velar para que as compras das mesmas se fagan nas librarías de referencia.

6. Elaborar un Regulamento á Lei do Libro que desenvolva o procedemento sancionador para as vulneracións á Lei aludida.

7. Dotar con fondos suficientes unha liña de crédito ICO para librarías. A idea é que as librarías poidan modernizarse tecnolóxica e fisicamente. Elaborar, nese contexto, un Plan de apoio e promoción das librarías no conxunto do Estado e apoiar economicamente, nas Comunidades Autónomas, a aquelas librarías que fomentan, de xeito especial, ás autoras e autores das mesmas.

8. Consolidar e ampliar o Bono Cultural para a xente máis nova. É un obxectivo posíbel tal e como demostrou hai anos, nese sentido, o goberno vasco e tal e como se está evidenciando coa posta en marcha recentemente dun bono cultural xove para o conxunto do estado.

9. Harmonizar as medidas adoptadas polas distintas Comunidades Autónomas para apoiar a adquisición de libros de texto e material educativo no ensino obrigatorio para o conxunto das familias, especialmente para as máis desprotexidas.

10. Fomentar os procesos de dixitalización dos fondos bibliográficos e a creación de plataformas de distribución de contidos dixitais. O sistema estabelecido baixo a denominación e-Biblio é un exemplo a seguir.

11. Garantir o investimento continuado e crecente no desenvolvemento de todas as redes e sistemas informatizados de todo tipo de bibliotecas, cumprindo así coas obrigas legais nesa materia e mellorando a vida da cidadanía nunha sociedade máis inclusiva e informada e proporcionando mellores perspectivas de futuro.

12. Articular a presenza do colectivo de escritoras/es, a través das súas organizacións, como instancia de interlocución coas Administracións para a resolución dos problemas que afectan o desenvolvemento do seu labor.

13. Exixencia dun maior protagonismo dos medios de comunicación de carácter público (autonómico, estatal e local), comezando pola Corporación Radiotelevisión Española na promoción da cultura, especialmente do mundo do libro. Os medios públicos deben ser belixerantes neste terreo.

14. Incremento dos recursos destinados ás editoriais independentes para a edición de libros, a adquisición de novos títulos por parte da rede de bibliotecas públicas e por parte dos Centros Culturais, Cívicos e Universidades Populares dependentes dos distintos niveis da administración.

 

ASOCIACIÓNS QUE FORMAN PARTE DA CONFERENCIA E APOIAN A PLATAFORMA DE DEMANDAS

Asociación Colegial de Escritoras y Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Va-lenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Asocia-ción Cultural Canaria de Escritores/as (ACTA), Asociación de Escritores y Escri-toras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Associació d'Escriptors en Llengua Catalana (AELC).