A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rexeita o asasinato da poeta norteamericana Renée Nicole Good
10/1/2026
Foto da novidade

A AELG reclama respecto para a súa memoria e denuncia o desprezo e a indignidade coa que foi tratada

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fai público o seu rexeitamento do asasinato da poeta norteamericana Renée Nicole Good. A autora, que recibiu en 2020 o prestixioso Premio da Academia de Poetas Americanos (Academy of American Poets Prize) polo poema "On Learning to Dissect fetal Pigs" (“Sobre aprender a diseccionar fetos de porco”), foi asasinada por un axente do Servicio de Inmigración e Control de Aduanas dos Estados Unidos (ICE), que formaba parte dos efectivos enviados pola administración de Trump a Minneapolis.

Ao mesmo tempo, a AELG reclama respecto para a súa memoria e denuncia o desprezo e a indignidade coa que foi tratada, cando o propio presidente Trump, sen datos sobre ela, se apresurou a colocarse do lado do axente que disparou, xustificando o sucedido baixo o pretexto de ser ela “unha axitadora profesional”, segundo a súas propias palabras.

Porén, se Renée Nicole Good tiña algunha transcendencia social, era pola súa faceta literaria.

As reaccións contra este asasinato levaron a centos de persoas a se mobilizar ante edificios oficiais esixindo a investigación do sucedido e reclamando que se elimine a forza en operacións sobre migración. Unhas mobilizacións que xa se estenderon a outras cidades dos EUA. O propio alcalde de Minneapolis e o gobernador de Minnesota rexeitaron as explicacións oficiais que falan de que tentou atropelar un axente e denunciaron o que está a suceder neste momento nos Estados Unidos. Desde alí chegan novas preocupantes, porque as persoas séntense angustiadas, perseguidas e censuradas.

A AELG solidarízase co pobo norteamericano que padece estes excesos e nomeadamente co colectivo de escritores e escritoras. Nas redes sociais unha imaxe de Renée Nicole Good figura acompañada das seguintes frases:

A plena luz do día
A sangue frío
Por aqueles que ocultan os seus rostros
Detrás de corazóns fríos.

 

Aquí pode lerse un poema da autora traducido por Antonio Manuel Fraga, a quen agradecemos a autorización para a súa publicación:

 

Sobre aprender a diseccionar fetos de porco

 

quero recuperar as miñas randeeiras,

 

solpores solipsistas,

 

e sons da selva costeira que son tercetos de carricantas e pentámetros

das patas peludas das

cascudas.

 

doei biblias a tendas de segunda man

 

esmagueinas en bolsas de lixo de plástico cunha lámpada de sal ácido do Himalaia

 

as biblias posbautismais, as que foron arrincadas nas esquinas das rúas das mans carnosas dos fanáticos, as

simplificadas, doadas de ler, parasitarias):

 

lembro máis o cheiro esvaradío a goma das imaxes brillantes dos manuais de bioloxía; queimaban os pelos

dentro das miñas ventas,

 

e o sal e a tinta que se pegaban ás palmas das mans.

 

baixo recortes da lúa ás dúas e corenta e cinco da madrugada estudo e repito

 

ribosoma

 

endoplasmático—

 

ácido láctico

 

estame…

 

no IHOP da esquina de Powers e Stetson Hills—

 

repetín e esborrancheino até que foi abríndose camiño e ficou estancado nalgún lugar ao que xa non sei sinalar, talvez

no meu ventre—

 

talvez alí, entre o páncreas e o intestino groso, estea o regato

insignificante da miña alma.


 

é a regra coa que agora reduzo todas as cousas; de bordes duros e

restelados polo coñecemento que

adoitaba sentar, un pano sobre a fronte febril.


 

podo deixalos a ambos en paz? Esta fe voluble e esta ciencia universitaria que

apupa desde o fondo da

aula.

agora non podo crelo—

que a Biblia o Corán e o Bhagavad Gita me están colocando os guechos longos

detrás da orella como adoitaba facelo mamá,

e exhalando pola boca "facede sitio para a marabilla"—

todo o meu entendimento escorrega polo queixo até o peito e

resúmese en:

a vida é simplemente

o óvulo e o espermatozoide

e onde se atopan eses dous

e con que frecuencia e con que éxito

e o que alí morre.

Renée Nicole Macklin-Good