A AELG lamenta fondamente o pasamento de Ana Luísa Amaral, Escritora Galega Universal
6/8/2022

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega expresamos a nosa desolación pola morte da nosa Escritora Galega Universal deste 2022, Ana Luisa Amaral, cuxo nomeamento foi ratificado pola Asemblea Xeral da AELG, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra. Doémonos moito ao saber da súa morte, ela para sempre Escritora Galega Universal.

Ana Luísa acompañáranos coa súa palabra poética na Gala dos Premios Follas Novas do pasado maio, dado que non puidera facelo presencialmente. Agardábamos poder entregarlle a figura de Rosalía de Castro como Escritora Galega Universal no outono deste 2022 en Santiago de Compostela, que lle faremos chegar á súa familia.

En palabras de Marta Dacosta, quen ía facer a laudatio: "Amaral era a poeta que contraria a tradición, a que reinterpretou e volveu falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contrariou e ironizou. Nos seus poemas Penélope négase a Ulises e Medea decide ficar no palacio. Lemos os seus poemas como espellos en que a palabra ocupa o lugar exacto, transparente, simbólico, traslada sentimentos, constrúe un mundo propio sen artificios innecesarios. Espida, densa, directa."

 

(Fotografía: Wikipedia).