O Consello Directivo da AELG congratúlase do Premio da Cultura Galega na categoría de Letras a Bernardino Graña, Presidente de Honra da Asociación
3/11/2021
Foto da novidade

Desde a AELG congratulámonos por ser Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) a personalidade distinguida na categoría de Letras dos Premios da Cultura Galega 2021.

Foi catedrático de lingua e literatura en secundaria, até a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto en Madrid.

No ano 1971 foi impulsor do primeiro intento de formar un centro PEN Galicia canda Eduardo Blanco Amor e outros autores, e máis adiante sería presidente, en dúas ocasións, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entidade na que tivo unha participación activa como fundador e primeiro presidente da AELG, en 1980, razón pola que foi nomeado Presidente de Honra da Asociación a finais do mes de setembro deste 2021.

O seu caudal creativo alimenta varios ríos que fornecen camiños fecundos para a nosa lingua e literatura desde hai máis de 60 anos, tal e como pode verse no seu espazo no Centro de Documentación da AELG, tendo recibido como autor a Homenaxe O Escritor na súa Terra en 1996.

Esta foi a extensa e completa entrevista sobre a súa traxectoria literaria realizada en 2009, dispoñíbel na nosa web nesta ligazón.