Visita institucional do presidente da AELG ao Deputado do BNG no Congreso dos Deputados
6/2/2020
Trasladáronselle as necesidades e problemas das/os escritoras/es galegas/os que deberían ser demandadas no Congreso para poder ser resoltas desde o Goberno do Estado
Foto da novidade

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, foi recibido polo Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha visita institucional onde lle foron trasladadas as necesidades das escritoras e escritores galegas/os naqueles temas en que ten responsabilidade o Estado, de cara á resolución de problemas tan importantes como:

- A compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística, xa que o Real Decreto 302/2019, de 26 de abril, non dá unha solución a diversos colectivos que quedaron fóra do seu amparo:

- Por expresa imposición legal, quedan excluídas, segundo establece o propio RD, as persoas beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social que realicen calquera outro traballo por conta allea ou propia que dea lugar á súa inclusión en calquera réxime da Seguridade Social.

- As persoas incluídas no Réxime de Clases Pasivas do Estado (profesorado e escritoras/es que exerceron as súas profesións no funcionariado).

- As perceptoras de pensións de Seguridade Social non contributivas.

- Persoas xubiladas que creen, pero que non cedan os dereitos a unha terceira persoa.

- Titulares dunha pensión por incapacidade absoluta permanente.

- A necesidade de facer real un dos obxectivos e funcións do Instituto Cervantes, o de organizar cursos xerais e especiais nas linguas cooficiais, alén da castelá, así como ampliar obxectivos e funcións limitados até agora unicamente ao castelán: apoiar o labor de estudo internacional da cultura galega; participar en programas de difusión da nosa lingua e literatura; realizar actividades de difusión da cultura galega en colaboración con outros organismos internacionais; incorporar a obra das/os escritoras/es en lingua galega á rede de bibliotecas do Estado español no mundo, de tal xeito que a realidade plurilingüe se visibilice con maior claridade. Así mesmo, trasladóuselle a necesidade de que o Instituto Cervantes singularice a importancia de Galiza como parte da Lusofonía e interlocutora privilexiada coa mesma, lembrando que existen oito sedes do Instituto no Brasil e unha en Lisboa.

- A implementación real da posibilidade de que calquera persoa poida estudar a lingua galega nas Escolas Oficiais de Idiomas de todo o Estado.

 

Como antecedente, lembramos a Proposición non de Lei medidas para que o Ministerio de Cultura asumise a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura, aprobada no Congreso dos Deputados en xuño de 2010, a instancia do entón Deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas (BNG), e que instaba ao Goberno do Estado a:

1.- Asumir que a multiculturalidade e o multilingüísmo existe no Estado español, dando un trato equitativo ás distintas literaturas existentes no Estado, frente á tendencia a considerar só a literatura en castelán.

2.- Reequilibrar a actuación ministerial nesta materia, en particular no relativo a:

- Presenza en xurados, premios, recoñecementos, actos emblemáticos, convocatorias, feiras e outras presenzas e eventos internacionais.

- Presenza en padroados de organismos e institucións dependentes do Ministerio de Cultura.

- Recoñecemento como interlocutores e apoio económico ás asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.

- Apoio económico ás actividades das asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.

 

Agradecemos a receptividade ás nosas propostas e a intención de darlles cumprida solución a través da acción parlamentaria no Congreso, demandando do Goberno do Estado a súa pronta resolución.