Mariasun Landa, Escritora Galega Universal 2020
29/11/2019
Pola altÝsima calidade literaria da s˙a obra, e por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskal Herria

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeou Mariasun Landa como Escritora Galega Universal 2020, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskal Herria.

Este premio honorífico será entregado o día 9 de maio de 2020, no marco da V Gala do Libro Galego, que terá lugar en Santiago de Compostela, organizada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras.

Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó e Maria Teresa Horta.

 

(Foto: Natividad de la Puerta Rueda).

 

Mariasun Landa Etxebeste (Errenteria, 1949)

Licenciada en Filosofía en París en 1973 e en Filosofía e Letras pola Universidade de Valencia. Exerceu como profesora de Educación Básica durante varios anos, así como no Servizo de Euskaldunización do Profesorado (IRALE-Goberno Vasco). Finalizou o seu ciclo laboral como profesora titular de Didáctica da Literatura na Escola Universitaria do Profesorado de Donostia (UPV / EHU).

Colaborou en numerosas revistas e xornais do País Vasco, mais o seu labor creativo centrouse, nomeadamente, na literatura infantil e xuvenil en éuscaro. Autora de máis de trinte títulos para nenas e nenos, a súa obra foi traducida, entre outras linguas, ao galego, castelán, catalán, inglés, francés, alemán, grego, árabe, coreano, albanés,...

Entre os premios e mencións recibidas pola súa traxectoria destacan as seguintes:

  • Premio Lizardi de Literatura Infantil en 1982, co conto Txan Fantasma.
  • Premio Euskadi de Literatura Infantil e Xuvenil en 1991, coa obra Álex.
  • O seu libro Iholdi foi incluído na lista de honor do IBBY en 1992, así como Un crocodilo baixo a cama o foi na lista de 2006.
  • Elefante corazón de paxaro foi seleccionado para a lista dos Merlos Brancos (White Ravens) de 2001, que elabora a recoñecida Biblioteca Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Múnic.
  • Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura estatal en 2003, coa obra Krokodiloa ohe azpian (Un crocodilo baixo a cama).
  • As Asociacións en lingua vasca de Editores, Escritores e Tradutores, Correctores e Intérpretes e a Asociación Profesional de Ilustradores de Euskadi, así como a Asociación de Literatura Infantil e Xuvenil Vasca, outorgáronlle o Premio Dabilen Elea en 2011, en recoñecemento á súa frutífera traxectoria nas letras vascas.
  • En 2014 recibiu o Premio Eusko Ilaskuntza-Laboral Kutxa de Humanidades, Cultura, Artes e Ciencias Sociais, pola súa contribución á cultura vasca no máis amplo sentido, tendo contribuído de maneira efectiva ao desenvolvemento cultural de Euskadi.
  • O Instituto Vasco Etxepare rendeulle homenaxe en 2015, dentro da quinta edición do curso da UPV/EHU "Excellence in Basque Studies", por ser a escritora en éuscaro cuxa obra foi traducida a máis linguas.
  • En 2016, o Centro PEN de Galicia concedeulle o Premio Rosalía de Castro pola súa traxectoria profesional en éuscaro.
  • Desde 2010 o Concello de Errenteria convoca os Premios Mariasun Landa, que ten como finalidade promover, recoñecer e premiar aqueles textos que recollan a achega realizada polas mulleres ao municipio nos diversos ámbitos sociais. Ademais, preténdese dar visibilidade aos traballos que a maioría das veces fan as mulleres de forma anónima, axudando deste xeito a completar a crónica municipal.