Conclusións da II Asemblea da Sección de Literatura Dramática da AELG, 2017
26/2/2018
A asemblea tivo lugar no marco da II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, o sábado 2 de decembro de 2017, na Coruña.

ACTA DA II ASEMBLEA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, CELEBRADA NO QUIOSCO AFONSO DA CORUÑA, O 2 DE DECEMBRO DE 2017

 

Asisten:

Rebeca Ramón Pardo (dramaturga)

Laura Rubio Galletero (dramaturga, profesora de dramaturxia na ESAD de Galiza)

Raúl Dans (dramaturgo)

Carlos Labraña (dramaturgo)

Xesús Pisón (dramaturgo)

Afonso Becerra de Becerreá (dramaturgo e coordinador da II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG)

Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG)

 

ALGÚNS DOS ASUNTOS TRATADOS

Cesáreo Sánchez Iglesias e Afonso Becerra de Becerreá dan conta das reunións que tiveron co Presidente da AGADIC, Jacobo Sutil, e tamén coa Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, tal como se comprometeran a facer na I Asemblea da Sección de Literatura Dramática da AELG.

 

Tras informar sobre a reunión co Presidente do AGADIC, a II Asemblea acorda que se debe continuar reivindicando a posta en valor por parte da administración pública, nas súas axudas, da autoría galega. Tamén se comenta que unha posible medida que colaboraría a mellorar a situación vixente sería a exención tributaria dos Premios que se conceden ao sector da literatura dramática, igual que acontece con outros galardóns.

 

Pola súa banda, tras comentar os resultados da reunión coa Vicepresidenta da Deputación da Coruña, a II Asemblea acorda solicitar á Deputación da Coruña que se lle dea máis puntuación á compañía da autora ou do autor que gañe o Premio Rafael Dieste e, de non ter compañía nin posibilidades para presentar un proxecto para escenificar o texto galardoado, que sexa incluído entón no xurado avaliador para a selección dos proxectos de escenificación do seu texto que se presenten a concurso.

 

Tamén deron conta da nova xanela da Sección de Literatura Dramática, dentro da páxina web da AELG. A contribución á visibilidade do xénero da literatura dramática, deste xeito, comeza a facerse efectiva.

Non obstante, para que esta xanela virtual poida ser útil sería necesario contar con unha persoa con coñecementos neste ámbito, que levase a cabo un traballo de catalogación por subxéneros, estilos, e outras características básicas de todo o repertorio de pezas teatrais.

Neste sentido, a II Asemblea acorda buscar recursos económicos para pagarlle a alguén que documente o catálogo.

 

Por último, volveuse comentar a idea de intentar buscar apoio para publicar un volume que recolla estudos sobre a literatura dramática actual, xuntando nel diversas achegas. Tamén houbo quen sinalou que estaría ben programar un ciclo de conferencias sobre pezas actuais.

 

 

Asdo. Afonso Becerra de Becerreá

Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG.