Cremos que é unha decisión que debería ser responsabelmente reconsiderada. Unha feira internacional é a representación dunha cultura, a representación institucional dun país que ten institucións culturais propias, isto é do que se fai deixación. Abandónase, de facto, dar visibilidade exterior á literatura galega e renúnciase á súa internacionalización, o que nace de seu canda o seu propio proceso creativo.
Cremos que decisións tan importantes como estas, nas que está en xogo a imaxe exterior da cultura de todo un pobo, teñen que ser acordadas cos sectores que intervimos no proceso de creación. Sectores que son estratéxicos, cultural e economicamente, como ficou desenvolvido na vixente Lei do libro.
Só se pon en pé unha cultura con acordos, con suma de esforzos. Con esta decisión ficamos coa mensaxe de: “ou se fai como eu digo ou non se fai”, mais entendemos que as relacións teñen que ser fluídas e nadas como consecuencia dun mínimo de acordos con todos os sectores, de consensos creadores.
Á AELG ninguén lle consultou a súa opinión antes da toma dunha decisión de consecuencias tan graves como esta. Tampouco sobre os criterios de representación e participación das escritoras e escritores. Mais dixemos a nosa opinión sobre as feiras internacionais na Mesa do Libro á que fomos convocados recentemente, e na que nada desta posibilidade se falou. Ninguén imaxinaba que isto podía pasar, o que produce no sector máxima perplexidade e desconfianza.
Desde a AELG sempre nos pronunciamos a favor de que as delegacións asistentes ás feiras tiñan que ser o máis representativas, segundo criterios literarios, e do peso das obras de todos os xéneros sen exclusión. As Escritoras e Escritores galegos represéntanse a si mesmos e ás súas editoras, aos seus deseñadores, ilustradoras e maquetadores que fan do libro un obxecto marabilloso de arte. Fanse contactos, posibilítanse traducións, etc. É por iso que os criterios non poden ser nunca extraliterarios.
É determinante para a visibilidade dun país no mundo que sexa coñecido pola súa cultura nestes grandes escaparates internacionais que son as feiras do libro, polas que pasan millóns e millóns de persoas con interese cultural biodiverso, mesmo líderes de opinión nas culturas dos seus países e cos que é necesario contactar.
Unha cultura, sobre todo nestes tempos, é coñecida a través dos libros que escriben os seus Escritores e Escritoras, das entrevistas nos medios, das palestras que dan nestes lugares de privilexio, da calidade da iconografia que mostran os seus deseñadores, da capacidade expansiva da tradución.
Todo isto determina a visibilidade e mesmo a viabilidade económica da industria editorial, polos contactos que alí nacen, pois, mentres é visibilizada a cultura, os editores teñen que vender libros, dereitos de edición, comprar dereitos, etc.
As cámaras de comercio teñen que apoiar a industria editorial tamén, e non só o sector do automóbil, do mobiliario ou da exportación do granito. Mais quen ten que tomar decisións estratéxicas en positivo de política cultural é a Administración cultural que forma parte do goberno da Xunta.