Discurso que Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, pronunciou na Gala do Libro Galego 2017 en nome das tres entidades convocantes.
2/6/2017
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia

Prezadas amigas e amigos.

Distinguidos e distinguidas representantes das institucións políticas, sociais, académicas e culturais do noso País.

Prezados Daniel Fernández e Antonio María Ávila, que nos acompañades en representación da FGEE.

Dona Hélia Correia, Escritora Galega Universal.

Estimado público.

 

É para min un inmenso honor falar hoxe aquí en nome das tres entidades que organizamos esta Gala do Libro Galego: a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias; a Federación de Librarías de Galicia, coa súa presidenta Pilar Rodríguez Álvarez; e a Asociación Galega de Editoras, que teño a honra de presidir.

Como sabedes, hai un ano as tres organizacións decidimos concentrar esforzos e aunar vontades co obxectivo de sumarnos ás celebracións do Día das Letras Galegas cunha Gala do Libro en Santiago de Compostela, para poñer en valor o labor do amplo colectivo de persoas que formamos a industria, e digo ben, a industria do libro galego.

Esta iniciativa consolida a unión das tres asociacións e abre a porta á colaboración con outros colectivos cos que convivimos cordialmente: o dos ilustradores; o dos críticos; os do sistema bibliotecario; o dos tradutores; o do produto gráfico, nomeadamente imprentas; os mediadores e de defensa da lingua.

 

Estamos xuntos nun acto que permite amosarlle á cidadanía a mellor faciana do “ecosistema” do libro galego. Unha comunidade que -non é nada novidoso dicilo- está a minguar de xeito alarmante. Ficaron atrás os anos de bonanza, aqueles nos que soñábamos con ser un pequeno gran país de lectores e lectoras, cunha potente industria editorial. Un soño que puido facerse realidade. Foron os anos do final da década pasada, cando o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade a Lei do Libro e da Lectura.

Hoxe Galicia está baixo mínimos, tanto en consumo de libros como en número de títulos publicados na nosa lingua. Agora somos un pequeno e cativo país de grandes lectoras.  Diante deste panorama, que podemos facer os os actantes do libro galego? Feita está a fotografía: case a metade da poboación nunca le libros. Nunca! En ningunha lingua. E na outra metade, a das persoas que len, de cada 100 libros, 17 están escritos en galego, incluídos os libros de texto.

Estamos perdendo lectores. E o que é peor: estamos a perder falantes. Esa é a razón pola que hoxe nos situamos na resistencia. Na resistencia cultural.

Porque estamos a quedar sen alimento.

Porque sabemos que a nosa lingua vai camiño de ser un envoltorio.

Porque queremos que a lingua sexa tamén o pan, o leite, o viño…

E o mar, a terra, o ceo, a lonxitude, a latitude, as derivadas, a robótica e o universo todo.

 

A lingua galega é o noso sustento, pero pode chegar a ser tan só un substrato. Segundo alerta o mapa 1.5 do Atlas de la Lengua Española en el Mundo, publicado en marzo de 2016 pola Fundación Telefónica, a lingua galega é unha lingua ameazada. Ameazada pola perda de falantes, ameazada porque a mocidade abandona o noso idioma por consideralo inútil, ameazada porque os medios de difusión desprézana, ameazada porque a política lingüística deste país non dá cortado a hemorraxia.

Hoxe, por primeira vez no ciclo histórico, hai en Galicia menos persoas falando galego que castelán. Son datos publicados en 2014 polo Instituto Galego de Estatística.

Se a lingua morre, morrerá tamén a escrita. Daquela desaparecerá o noso sistema literario e, pasado o tempo, as nosas verbas serán só cinza e lembranza dun pasado remoto.

Pregúntase Hélia Correia, a nosa escritora galega universal:

 

A literatura salva?

Não, não salva. Mas se ela se extinguir, extingue-se tudo.

 

E nós, profesionais da escrita, da edición, do comercio do libro; mais tamén da ilustración, do deseño, da industria gráfica, do sistema bibliotecario, do ensino, da cultura, da política…, imos asistir resignados ao devalar continuo do noso patrimonio cultural: a lingua e a escrita? Non, non nos resignamos!

Tampouco se resignaron as amigas e amigos que hoxe estarían aquí acompañándonos, pero que foron deixándonos ao longo deste ano, quedando nós un pouco máis orfos. As súas palabras, as súas obras, fican, porén, na nosa memoria colectiva.

Aínda que choraron un pranto cotián de bolboretas, non se conformaron, traballaron arreo consonte as súas conviccións e agora forman parte da memoria da nosa estirpe … Grazas a todos eles:

  • María Teresa Alvajar
  • Xosé Luís Laredo Verdejo
  • David Mackenzie
  • Fernando Acuña Castroviejo
  • Ángel Rivas Veiga
  • Fermín Bouza Álvarez
  • Fran Cortegoso
  • Sabino Torres
  • José Luis Sucasas
  • Miguel Suárez Abel
  • Agustín Fernández Paz
  • Paco Souto

…Que a terra lles sexa leve.

 

Nós tampouco nos resignamos e resistimos.

Abofé que somos testemuñas dun proceso de extinción, pero non queremos ser mohicanos. Antes preferimos ser mapuches: sabedores de que a resistencia prolongada, a resistencia do vimbio, pode deter -e mesmo reverter- tendencias que semellan abocarnos a un camiño sen volta.

Por iso seguimos a reivindicar o desenvolvemento íntegro da Lei do Libro e da Lectura aprobada polo parlamento de Galicia o ano 2006. Unha Lei que algúns consideran obsoleta diante da nova realidade dixital, mais, porque non a actualizamos? Porque non a adecuamos aos tempos presentes? Por qué non convocar novamente o Consello Asesor do Libro para que poidamos avaliar e propoñer solucións diante desta crise da industria do libro galego? Se non actuamos xa, quizais no futuro se fale de nós como daquel exército que foi de vitoria en vitoria ata a derrota final.

 

…Resistir!

Mais resistir non é sinónimo de decaer. Deixémonos de laídos e non perdamos a forza nin a cohesión. Tampouco o optimismo.

Hai talento no país, hai imaxinación, hai alegría, hai audacia, hai industria. Poñamos pois os mellores recursos ao servizo dunha das tarefas máis fermosas que pode emprender calquera nación: camiñar cara a un país de lectoras, construír un país de lectores.

Ler para comprender o mundo.

Ler para facelo máis xusto, solidario e sostíbel.

 

E como tamén somos ousados e decididos: poñemos de gala os nosos libros. Un ano máis convocamos a persoas con criterio para formaren un xurado independente e cualificado que elixiu o que considerou máis salientable do publicado en Galicia no ano 2016. Antes, as tres entidades aquí representadas, desenvolvemos un proceso telemático de votación colectiva na que participaron os asociados e asociadas que o desexaron. De aí saíron os finalistas nas distintas categorías: Ensaio, Narrativa, Literatura Infantil e Xuvenil, Ilustración, Tradución, Poesía, Teatro, Iniciativa bibliográfica, Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede, e Xornalismo cultural.

A maiores, hoxe entregaranse tres premios honoríficos: o da a AELG para a Escritora Galega Universal Hélia Correia; o da FLG; e o da AGE.

Desexamos que a Gala sexa unha verdadeira festa porque estamos ante o maior evento do ano, no país, arredor do libro galego.

Desexamos que sexa o colofón máis brillante para o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Carlos Casares, un dos grandes da escrita e da edición, lembrando con agarimo que ocupou o cargo de secretario da AGE entre os anos 90 e 92.

Agardamos que gocedes da noite, da compañía de Iria Pinheiro, a quen lle agradecemos que aceptara o noso convite e, como non, da actuación do grupo De Vacas.

Remato felicitando a todas e todos os premiados; igualmente os finalistas. E as secretarías técnicas das asociacións polo traballo realizado para estarmos hoxe aquí. Tamén agradecemos os medios de comunicación presentes a súa complicidade.

Mais, sobre todo, os meus parabéns aos que día a día facedes posíbel, co voso traballo, mil primaveras máis para o libro galego.

 

 

Gala do Libro Galego

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017

Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras