Obras gaņadoras dos Premios AELG 2012
8/5/2012

 

  • Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegaron á décimo terceira edición
  • As obras gañadoras, publicadas en 2011, foron escollidas polos 417 socias e socios da AELG, que se deron a coñecer no marco da Cea das Letras, que tivo lugar o 5 de maio.

 

 Os socios e socias da AELG xa escolleron os premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.


A seguir, a listaxe de finalistas na que se destacan as obras gañadoras:

 

Narrativa

 

Ensaio

 

Poesía

 

Teatro

 

 

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011

 

Literatura Infanto-Xuvenil

 

Tradución

 

Mellor Blog Literario

 

 

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritores:
 
 
 
Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido  por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
A seguir, as palabras coas que Agustín Fernández Paz recolleu o premio:
 

CON LUME NO PEITO

 

 

A nosa Asociación decidiu premiar este ano, no apartado destinado ás institucións, os Servizos Municipais de Normalización e os Equipos de Normalización dos centros de ensino. Os que existen na actualidade e tamén os que foron facendo camiño ao longo destes últimos trinta anos.

A AELG quixo que, simbolicamente, recollese eu este premio, e aquí me tedes. Mais a quen debedes ver aquí non é a min, pois neste momento eu non son máis que un corpo aberto que quere servir de canle para que se manifesten tantas e tantas persoas que traballaron, e traballan, pola normalización social da lingua nos concellos e no ensino.

Porque é tempo de dicilo: os avances na normalización social da lingua conforman hoxe un edificio que, malia tantas agresións como sofre, ten paredes solidamente construídas e vai abrindo estancias para podermos vivir en galego con normalidade. Paredes que resisten as acometidas dos que desexarían botar o edificio abaixo e substituílo por unha cabaniña vistosa, para gozo de turistas e nativos desleigados.

Esas paredes e eses cuartos non se fixeron sós. Foron moitas mans quen os construíron, e cómpre lembralo con orgullo nestas horas difíciles. Ben sei que formamos parte dun río que vén de lonxe, que somos elos dunha cadea, que sempre se constrúe sobre as bases asentadas polos que estiveron antes. Mais a miña xeración, e as que seguiron, tamén fixeron o seu.

Podería falar agora das organizacións de docentes que pularon para botar a andar unha escola galega, que traballaron para que os Equipos de Normalización existisen (nun proxecto moito máis ambicioso do que foi logo o cativo deseño administrativo). Podería facelo tamén dos primeiros Equipos, os que foron abrindo os camiños más entupidos. Podería falar dos Servizos Municipais pioneiros, coma o dos Concellos de Fene ou Redondela, que tantos vieiros deseñaron. Podería falar de tantísimos nomes salientables, dunha historia que aínda está por escribir; persoas que, por diversas razóns, transcenderon o labor diario e chegamos a saber do seu traballo. Todo o noso recoñecemento para elas, xaora que si!

Mais a quen quero loar especialmente é a outras persoas. E, para iso, deixádeme viaxar a Bos Aires, ao 25 de xullo de 1948 e recoller un anaco da extraordinaria Alba de Groria que ese día pronunciou Castelao. Como ben sabedes, no texto fala primeiro da Santa Compaña dos inmortais galegos, das figuras senlleiras ao longo da historia, ás que vai citando unha por unha. E logo, un pouco máis adiante, di:

 

En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza. (…) Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que queremos ser.

 

As persoas que eu quero loar aquí están moi vivas aínda, e que sigan así por moitos anos. Mais hai unha semellanza entre a multitude da que fala Castelao e a significativa cantidade de docentes que, desde os seus centros, traballaron arreo en condicións difíciles nos anos oitenta, nos noventa e nos do novo século. Descúbrome ante tanta xente admirable que traballou en centros de Galicia enteira: son a auténtica columna vertebral dos logros que se foron conseguindo nestes anos. Debemos agradecer profundamente os exercicios de dignidade persoal que están na raíz do seu traballo. Grazas a eles, un sector do alumnado puido  educarse coa conciencia de que o galego é unha lingua de pleno dereito, válida para todos os usos e situacións; puido medrar sen prexuízos cara o galego, puido adquirir ou consolidar a competencia necesaria para utilizalo con naturalidade, puido coñecer e apreciar a literatura de noso…

 

E que dicir dos Servizos Municipais de Normalización? Na miña infancia vilalbesa, desde as fiestras máis altas da casa, víase toda a extensión da Chaira, que polas noites era un océano de negrura. Pois ben, na noite de San Xoán, cando en cada barrio da vila ardía o Lume Novo, desde a fiestra da casa víamos como a negrura da Chaira quedaba rota pola luz dos lumes que se acendían en distintos lugares. E nós podiamos dicir: mira, o de Mourence, o de San Xoán de Alba, o de Boizán, o de Sancovade, o de Gondaísque... Pois así, coma eses lumes na noite, foron e son os Servizos de Normalización. Cando un mira o mapa de Galicia  é doado saber en que lugares hai un servizo iluminando o Concello.

 

Destas persoas que, desde os Concellos e desde os centros educativos, traballaron e traballan con entusiasmo e afouteza, podemos afirmar o que Castelao dicía dos trobeiros na Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito.

 

Recollo, con emoción e agradecemento, a escultura que simboliza este premio. Mais entenderedes ben que non tería sentido quedar eu con ela, xa que se trata dun premio a un colectivo moi amplo. Así que, se non hai inconveniente, quero cederlle á AELG esta escultura para que a deposite nas súas vitrinas, en lembranza deste xusto recoñecemento ao colectivo do que é unha honra formar parte.

 

En Santiago de Compostela, a 5 de maio de 2012

 
 
Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG “ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL”, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a Jose Luís Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
 
 
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
 
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.