Conclusións do Encontro da Federación Galeusca, 2012
28/10/2012
Donostia, 26, 27 e 28 de outubro

 CONCLUSIÓNS

 
1.Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2.Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3.Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4.Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5.Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6.Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.