Pedido de apoio desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
26/1/2012
Pódese mostrar o apoio en acab@mundo-r.com ou no 981 200 869

Roberto Catoira Viñán, presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Como ben saberás, a entidade que teño a honra de presidir dende hai un lustro, leva 35 anos loitando pola cultura e a lingua galega na cidade da Coruña, en condicións que case nunca foron doadas. As actividades que desenvolvemos son moi variadas, e teñen que ver coa música, co teatro, coa lingua e a literatura, coa fotografía, coa arquitectura, coas festas populares, excursións para coñecer o noso país, artes plásticas, xadrez, etc. Dende hai uns anos temos acadado unha media dunhas 75 actividades anuais, feito este que penso que nos coloca na primeira liña do activismo cultural galego.

Dende hai uns anos, o Concello da Coruña tiña a ben concedernos un convenio anual para mantemento do noso funcionamento e actividades que estaba entre os 5.000 e os 6.000 euros. Pero neste vindeiro ano 2012, nos primeiros orzamentos aprobados polo novo goberno municipal, decidiron suprimir o noso convenio, nun Concello cuns orzamentos que andan arredor dos 200 millóns de euros.

Obviamente, pensamos que esta decisión é totalmente inxusta, e que merecemos sobradamente recibir esa axuda, xa que a nosa rendibilidade cultural e social está máis que demostrada. Pensamos honradamente que eses cartos son moi poucos, e representan moi pouco para este Concello, tendo en conta a actividade cultural que xeramos.

Imos presentar, en tempo e forma, as alegacións oportunas aos orzamentos para pedir que se restaure o noso convenio, pero ademais diso, temos previsto enviarlle unha carta (que anexamos ao final) ao Alcalde e á Concelleira de Cultura coas adhesións da maior cantidade posible de persoeiros da cultura e da sociedade galega.

Por esta razón nos poñemos en contacto contigo. Se estás de acordo co que se di nesa carta ao actual goberno municipal coruñés, simplemente envíanos a túa resposta por correo electrónico (acab@mundo-r.com) ou por teléfono (981 200 869) dicindo que te adhires ao contido desa petición. Pregamos que tamén nos digas a/s profesión/s ou cargo/s co/s que queres presentarte, para que as sinaturas teñan máis peso, e que os destinatarios desa carta vexan que a cultura e a sociedade galega en pleno quere defender os seus dereitos e poñer en valor o seu traballo.

Se coñeces a máis persoeiros da cultura ou sociedade galega cos que nós nos contactáramos, que estean de acordo tamén con esta petición e queiran adherirse a ela, fainos chegar esa noticia, contando co noso perpetuo agradecemento.

Desexando que esta proposta sexa do teu agrado e interese, agardamos a túa resposta. Precisamos que a resposta (no caso de que sexa afirmativa, e decidas adherirte) chegue axiña, xa que temos un prazo breve para presentar toda esta documentación.

 

Saúdos e moitas grazas pola túa atención e colaboración.

Roberto Catoira Viñán.

Presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A Coruña. Novembro 2011.

 


A seguir, a carta que se enviará desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

 

Estimado Sr. Alcalde-Presidente do Excm. Concello da Coruña

Como Presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e en nome dos máis de trescentos socios da entidade así como dos milleiros de participantes nas nosas actividades, diríxome a vostede para expoñerlle a nosa máis sincera e abraiada incomprensión pola exclusión da nosa entidade da relación de convenios nominativos do Concello da Coruña.

Permítame con estas liñas comunicarlle a nosa sorpresa e fonda decepción polo que entendemos unha decisión que non consideramos xusta.

Non podemos facer máis que sorprendernos pola exclusión dunha entidade que, como a nosa, realiza máis de setenta e cinco actividades culturais de todo tipo ao longo do ano (desde concertos a conferencias, desde obradoiros a representacións teatrais, festas populares…), actividades nas que participan anualmente, e polo baixo, máis de dez mil persoas de toda clase e condición, achegando así a cultura de base a toda a cidadanía.

Levamos trinta e seis anos facendo actividade cultural, podendo afirmar sen ningunha dúbida que somos unha entidade exemplar, xa non só na cidade da Coruña, senón en toda Galicia, como modelo de asociacionismo cultural, servindo incluso como modelo para outras entidades de todo o estado ou sendo obxecto de estudo de institucións como a Universidade de Barcelona.

Non pretendemos caer na autocompracencia, nin na critica destrutiva pero, acaso hai algunha entidade cultural na nosa querida cidade que poida presumir de realizar tantas e tan variadas actividades cada ano?

Estimado Sr. Alcalde, logo de escoitar as súas palabras ao principio da lexislatura na que dicía que “non tocaría o gasto social nesta cidade”, aínda menos podemos comprender está decisión, xa que a nosa entidade crea riqueza e achega os valores da cultura galega a toda a cidadanía.

Esta exclusión pon en perigo a supervivencia da nosa entidade e os postos de traballo que xeramos, nun sector clave para saír da crise como é a industria cultural.

Sinceramente, poderiamos chegar a comprender a redución orzamentaria nos convenios, poderiamos comprender a conxelación dos mesmos, incluso a eliminación dos mesmos (de todos, non só do noso) durante un período de tempo determinado, pero non podemos comprender e moito menos aceptar a continuidade dos convenios sen a nosa inclusión.

Gustaríanos saber que criterios se usaron para esta exclusión, xa que non temos nada claro que ningunha das entidades que manteñen o convenio faga máis actividades culturais nin máis variadas ca nós. Ademais parécenos estraño que nun orzamento de 200 millóns de euros como o do Concello da Coruña non haxa lugar para un convenio de menos de 6000€ como o que viñamos mantendo.

Realmente non o entendemos, nin nós nin moitos dos mais recoñecidos creadores e intelectuais de Galicia, que colaboran habitualmente connosco, abraiados por esta insólita decisión e que modestamente únense a nós na sinatura deste escrito.

Non nos queda máis que loitar pola que consideramos de toda xustiza e por iso encomendámonos a vostede como representante máximo de todas e todos os coruñeses para pedirlle a reparación desta magna inxustiza.

Poñéndonos á súa disposición para canto precise e agardando unha pronta resposta e solución para esta situación, reciba o meu máis cordial saúdo.