Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2011, que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:
- Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro
- Mellor traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás
- Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro
- Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller)
- Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo
- Mellor Blog Literario: O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
- Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas
- Poesía: Estremas, de Ana Romaní
Pode consultar a listaxe completa de finalistas en:
http://www.aelg.org/GetNewnessById.do?id=144
Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da Aelg:
O premio Institución cultural que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
E mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
Máis información sobre Antonio Gamoneda en:
http://bib.cervantesvirtual.com/bib_autor/antoniogamoneda/