Faleceu Valentín Arias
29/3/2011
O enterro foi o domingo 27 de marzo, ás 17.00, no Cemiterio de Pereiró, en Vigo.

 A AELG mostra o seu fondo pesar polo falecemento do seu socio Valentín Arias,

A seguir, o artigo de Xulián Maure "Galicia perde un Mestre", en Xornal de Galicia:

 

Algún día Galicia coñecerá a súa historia e saberá canto lle debe ao laborador desta terra que hoxe nos deixou un pouco orfos. Valentín Arias deixa detrás del unha inxente obra da que, como amigo, fun testemuña singular. Deixa miles de páxinas traducidas á nosa lingua, el o máis produtivo dos nosos tradutores. Deixa en centos de mestres compañeiros o signo de distinción de amantes da cultura propia. Esta marca queda xa en milleiros de alumnos que hoxe son pais e nais de familia e perpetúan, ademais da súa formación intelectual, os sentimentos máis nobres dos valores colectivos.

Ademais de traducir centos de títulos de outras linguas ó galego, elaborou ducias de libros de texto na nosa lingua e foi mestre de corrección de estilo para varias editoriais; os cen primeiros títulos de Edicións Xerais de Galicia levaron a garantía de pasar polas súas mans.

Outros falarán da súa militancia no galeguismo político, do colaborador nos xornais en lingua galega, do experto en temas agrarios, do xerente da editorial Galaxia… a min quédame, co recordo de mestre e tradutor, a súa imaxe de pai de familia que traballa arreo para sacala avante, co mesmo amor que traballa para sacar a sociedade galega do profundo sono do seu propio descoñecemento. Recorreu Galicia dando cursos de lingua e cultura galegas para os colectivos máis variados, onde transmitía cunha sinceridade engaiolante os valores e posibilidades da nosa sociedade. Pero sobre todo Valentín Arias será recordado por centos de alumnos que tiveron a sorte de escoitalo nos cursos de animación á lectura en ducias de colexios repartidos pola nosa terra.

Sempre soñou cunha Galicia chea de lectores, homes e mulleres libres, capaces de facer da súa terra unha gran cidade-aldea. Que a súa lembranza agrande a nosa conciencia de nós!

 

 

Vexa a noticia en:

A Nosa Terra

Xornal de Galicia

Galicia Hoxe