Demandamos, desde a AELG, unha moratoria na construción de novos edificios até que non haxa condicións económicas axeitadas e un proxecto de uso sostíbel que responda ás necesidades de Galiza e da cultura galega.
Demandamos que os edificios construídos, ademais de estaren ao uso da cultura galega, sexan desposuídos de pretensións de iconografía megalómana falsamente artística que infrautiliza estes edificios e non responde ás necesidades dun programa de uso racional para ser aproveitado pola cidadanía.
Demandamos asemade que os usos da biblioteca pública deste espazo público galego sexan estrutural e maioritariamente en galego e sobre a cultura galega, sen desbotarmos a súa relación con outras culturas do mundo, como xa é parte da historia e da tradición da nosa cultura ao longo dos séculos.
Demandamos do goberno galego actual, máximo axente responsábel, que procure a autofinanciación dos edificios construídos e mais das súas actividades, non debendo detraer da Consellería de Cultura nin un euro dos seus fondos, escandalosamente minguados polo goberno galego nos dous últimos anos.
Rexeitamos o acollemento da obra de Cela na biblioteca da Cidade da Cultura e pedimos unha auditoría do uso dos fondos públicos entregados á mesma nos últimos vinte anos.
Finalmente, a Asemblea Xeral de Socias e Socios da AELG, reunida no Museo do pobo Galego, en Compostela, o día 5 de febreiro de 2011, quere deixar claro á cidadanía que a utilización dos edificios do Gaiás, de uso público e construídos con diñeiro público por parte desta asociación, nunca lexitimará o proxecto de orixe nin aqueles que o queiran levar a usos contra a cultura galega ou á confusión sobre o que é cultura galega ou literatura en galego.