O acto fundacional terá lugar no salón de plenos do Concello. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e Pen Club de Galicia. E o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente
A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, González Tosar (Presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrin (Presidente da RAG)
Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras), onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo na nosa lingua, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución.
E rematarase cun ágape de confraternización para os asistentes.