Denunciamos a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura, por parte do Goberno da Xunta de Galicia, o que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a desfacer programaticamente o aínda mínimo tecido industrial na cultura e a necesaria profesionalización na mesma e faise desaparecer de facto a promoción da cultura de base, que é a seiva nutricia do tecido cultural galego, sendo de feito os que crean e demandan o consumo cultural.
Denunciamos a retirada de apoios á cultura e, nomeadamente, aos creadores e creadoras máis novos, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, como nova forma de censura económica, impedindo deste xeito a posibilidade de dar continuidade aos encontros e o debate entre os que son o futuro da cultura galega, como se viña facendo en anos anteriores.
Denunciamos a retirada pola Consellería de Economía e Industria do apoio á creación de carácter cultural e de investigación da mesma, o que imposibilita a dotación permanente de contidos para a rede e o avance nas novas tecnoloxías aplicadas á cultura, coutando o desenvolvemento do propio proceso creativo nas diferentes manifestacións da nosa literatura.
Denunciamos que se levou a cabo unha escandalosa e radical diminución dos orzamentos da Consellería de Cultura e en consecuencia dos investimentos económicos desta Consellería nos escritores/as e o seu labor de creación, que nos devolve aos mesmos apoios que se achegaban desde a Administración galega á AELG hai vinte anos. Ao mesmo tempo o Xacobeo converteuse nunha mediocre promotora de festexos sen incidencia no tecido cultural ou no patrimonio cultural do país.
Constatamos que todas estas actuacións estruturais xeraron un crecente paro nos diversos sectores da cultura e, en concreto, no dos escritores como creadores/as de contidos para as diversas manifestacións da actividade cultural, sexa o libro, o teatro ou o sector audiovisual.
Reafirmámonos no expresado publicamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da AELG, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e necesidade como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Defendemos, desde a AELG, que todo o diñeiro que se gasta na cultura é un investimento produtivo, no convencemento inequívoco de que Galiza existe como un pobo, como unha nación diferenciada, porque ten unha cultura propia, un idioma propio, unha literatura que sobrepasa mesmo a dimensión editorial actual do país. Cada euro que se gasta en cultura ou na industria cultural e, en concreto, na consolidación e medre do tecido industrial editorial, non é unha subvención, é un investimento en alza no futuro de Galiza como pobo. Negar diñeiro á cultura é crear paro. O país empobrece cultural, económica e socialmente e negándosenos como galegos e galegas.
En Compostela, a 5 de febreiro de 2011