Xa son 1.000 os vocablos recuperados na sección "Palabras con memoria" da web da AELG
31/1/2011
Co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo

No 2010  leváronse a cabo dúas campañas de promoción da sección:
 
Mediante un envío postal informativo buscouse a complicidade de 334 centros e residencias da terceira idade a través dos seus Servizos de Terapia Ocupacional , iniciativa que contou coa colaboración de moitas das persoas encargadas dos mesmos.
 
Por outra banda buscouse tamén a complicidade do profesorado e alumnado de 60 CPIs e 261 institutos de ensino secundario de todo o país. Para este efecto, enviouse unha comunicación electrónica á atención dos Equipos de Dinamización Lingüística e do profesorado de lingua galega. Para estes efectos creouse un blog tomando como base a unidade didáctica "O léxico", elaborada polo profesor Sánchez Rei.