Queremos Galego presenta unha iniciativa lexislativa popular
8/2/2010
Queremos Galego presenta unha iniciativa lexislativa popular no parlamento galego para garantir os dereitos lingüísticos nas relacións coa administración e no ensino

A ILP presentarase no rexistro do Parlamento Galego a segunda feira (luns)
8 de febreiro ás 11.00 coa participación de varios dos seus promotores*

*Promotoras e promotores da ILP de Queremos Galego: Adela Figueroa, Andrés
Torres Queiruga, Avelino Pousa Antelo, Carlos Callón, Carme Freire, Cesáreo
Sánchez Iglesias, Fran Rei, Iolanda Díaz, Iria Aboi, Kiko da Silva, Manuel
Rivas, Marcos Loureiro, Marcos Maceira, Margarita Ledo Andión, Marica Campo,
Montse Prado, Nel Vidal, Pilar García Negro, Sonia Lebedynski, Xesús Seixo,
Xoán Costa, Xosé Lois “O Carrabouxo”, Xurxo Souto e Yolanda Castaño.*

 A plataforma cidadá Queremos Galego presentará mañá, segunda feira (luns) 8
de febreiro, unha Iniciativa Lexislativa Popular, coa intención de que se
debata e aprobe no Parlamento galego. A inciativa pretende garantir por lei
os dereitos lingüísticos no ensino e na relacións coas administracións
públicas, desenvolvendo o estabelecido na Lei de normalización lingüística e
no Plan xeral de normalización da lingua galega, ambas aprobadas por
unanimidade polo Parlamento galego.

Unha vez admitida a trámite a proposta de ILP polo Parlamento, Queremos
Galego recollerá o mínimo de 15.000 sinaturas necesarias para o seu debate
na cámara do Hórreo.
Para a plataforma cidadá a recollida de sinaturas demostrará máis unha vez o
amplo respaldo e consenso social que ten a lingua galega fronte ao
extremismo e autoodio impulsado lamentabelmente polo goberno de Nuñez
Feijóo, que por mandato estatutario debería estar á cabeza das políticas de
defensa e promoción da lingua galega.

--
Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO

       queremosgalego@gmail.com

          www.queremosgalego.org