Despedida: A Casa do Vagabundo
25/6/2009
A Asociación de Escritores en Lingua Galega achégavos comunicación de X. H. Rivadulla Corcón, director do programa da Radio Galega "A Casa do Vagabundo", con motivo da suspensión do mesmo.

Oleiros, 24 de xuño do 2009

 

    Estimados habitantes d'A Casa do vagabundo:

 

    Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais...

      O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega; o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.

     Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.

    Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.

    Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.

     Ás veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.

      Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo a que viñeran á casa.

      Grazas en especial a Xurxo Souto, que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.

     Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.

    Cunha fonda aperta

    X. H. Rivadulla Corcón