Este ano non será posíbel renovar o éxito do pasado CULTUR.GAL. Malia todo, o Concello da Coruña está a organizar unha alternativa da cultura galega que, comunmente estamos a construír, que tomará o nome de ACHEGARTE e que se celebrará en Palexco na cidade d´A Coruña o 28 e 29 de novembro.
En ACHEGARTE estarán presentes con stand propio máis de 60 empresas, asociacións profesionais e institucións que impulsan a creación cultural en Galiza nos diferentes sectores da industria cultural.
Dende a AELG, e nesta convocatoria como un compromiso especial, queremos participar nesta iniciativa, que trata de dar pulo e visibilidade á cultura que se fai en Galiza e en galego. Unha festa/feira onde teñan cabida as artes escénicas, as novas tecnoloxías, o audiovisual, o libro, a música...
A AELG terá un stand no ACHEGARTE, e organiza "Lecturas compartidas":
-Gravacións de diferentes autores e autoras da AELG, que nos contarán os proxectos de creación que neste momento están a realizar ou que remataron recentemente.
-Participación nunha lectura continuada: no recinto da Feira estará disposto un espazo dende o que @s escritores/as da AELG poden ler, recitan ou contar. Trátase de que ao longo dos dous días de duración de Achegarte sempre contemos coa figura do escritor, da escritora e da súa palabra.