A industria cultural galega dá os primeiros pasos para crear a Fundación Culturgal
1/10/2009
O martes 29 de setembro de 2009, na sede da Asociación Galega de Editores, no Instituto Galego de Información, en Santiago de Compostela, tivo lugar unha xuntanza de dos sectores profesionais que participaron na organización da edición anterior do Culturgal.

     O obxectivo foi o de avaliar o anuncio da Consellería de Cultura e Turismo de non dotar orzamentariamente a edición de 2009, feito que imposibilita a súa realización. A reunión, convocada pola Asociación Galega de Editores, buscaba unha liña de actuación conxunta de todos os sectores da cultura galega na procura dun futuro sólido para o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais.
     Ao chamado da AGE acudiron os profesionais do audiovisual (AGAPI, AEGA) e da música (AGAPHONO), e do libro (AGE, AELG) e sumáronse, mostrando a súa dispoñibilidade, outras asociacións profesionais que non puideron acudir pero deron o seu apoio, como EGANET e Escena Galega.
      Os distintos sectores profesionais, valorando a importancia estratéxica do Culturgal para a visibilización dos produtos culturais galegos, coincidiron en que a forma xurídica da fundación era a máis acorde coas necesidades da industria cultural galega para organizar un evento no que se visualizara o traballo dos diversos sectores, así como un punto de encontro intersectorial para aproveitar as sinerxías e abordar outros retos de futuro que puideran xurdir.
      Xa que logo, na reunión acordouse iniciar os trámites para a futura constitución da Fundación Culturgal, solicitando un estudo organizativo e de viabilidade para a futura Fundación. Os colectivos integrantes daranlle continuidade ao traballo nunha nova xuntanza á que serán convocados durante o vindeiro mes, data na que comezaría a ser abordado o borrador dos estatutos.
     Os representantes das entidades sectoriais manifestaron tamén o seu desexo e interese en que sexa a sociedade civil a que lidere a organización do Culturgal, sen renunciar a que todas as institucións políticas con responsabilidades na promoción industrial e cultural do país apoien sen reservas a iniciativa. Así mesmo, manifestaron o seu agradecemento ás mostras de apoio de diversos colectivos e persoas a título individual que foron canalizadas a través de diversos medios de comunicación, especialmente a través da internet.