Manifesto do Colectivo "Galiza Laica"
28/7/2008
Reproducimos a seguir o Manifesto do colectivo Galiza Laica a favor do respeito ao princípio da neutralidade dos poderes públicos en matéria relixiosa.

I

A aconfesionalidade do Estado, tal como está proclamada na Constitución Española
(CE) e na Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa (LOLR), está permitindo
a realidade dun Estado confesional-católico; e por presión de outros credos,
tende a se converter nun Estado pluriconfesional.
Os feitos demostran-no:
A igrexa católica beneficia de substanciosos priviléxios fiscais, de asignacións
para as suas obras, e paga ao clero co diñeiro de todos/as (crentes e non crentes),
imparte-se a sua relixión e fai-se catequese na Escola Pública. Os Bispos
católicos (galegos à cabeza) convocan e inducen os seus fieis a se confrontaren
e incumpriren o mandado das Leis (receber “Educación para a Cidadania”, praticar
profesionalmente interrupcións voluntárias de gravidez permitidas polas
leis, etc.).
Por outra parte, os poderes públicos deitan a toalla. Incrementan os priviléxios
fiscais e dotacións económicas à Igrexa e aos seus centros de ensino;
permiten-lle acomodacións no cumprimento da Lei (en Educación para a Cidadania);
introducen-na, como tal, en Consellos médicos hospitalários (Madrid).
Governantes e funcionários públicos acoden a actos de culto (oferendas, funerais,
procisións...) e ocupan neles lugar eminente, e reservado à sua condición.
Tal como se comportan, contribuen a que as hierarquias relixiosas alimenten
o delírio dun suposto direito de domínio sobre as consciéncias de toda/os a/os
cidadá/ns e a sua pretensión dun poder relixioso, mais na prática político, que
está por riba do poder civil soberano lexitimamente constituído; ao ponto de
os governantes abaixaren perante eles a cabeza e, como tais, submisamente
pediren no templo ao seu deus e patróns que arranxen os problemas sociais
que a eles incumbe resolver.
Como xa advertian lúcidos membros da sociedade civil, nesta matéria faltou por
facer a “Transición”, e por a reflectir na Constituición e na LOLR. É hora, pois, de
afrontar a tarefa e de os poderes públicos e igrexas ocuparen CADA UN O SEU
SÍTIO e funcionaren cada un no seu diferente campo. Os direitos que non se
conquistan, non se obteñen; os xa conseguidos perden-se, se non se defenden.

 

II


Esta teopolítica retrógada, galopante no Reino de España, coincide con dinámicas
expansivas das hierarquias relixiosas en todo o mundo, con expresións
tan extremas como vixentes reximes autenticamente teocráticos que impoñen
a toda a sociedade os preceitos e as normas dunha relixión; ou que utilizan a
relixion como pretexto ou coarctada para a represión e para actos de agresión.
De feito, as tres relixións do Libro (xudaísmo, cristianismo e islam) desataron
guerras en nome do seu deus, executaron infiéis no seu nome, e esnaquizaron a
convivéncia de sociedades e famílias. Confundiron o convite ou proposta con a
imposición, converteron en delito o que no seu credo é pecado, esquecendo que
“ninguén pode ser importunado por razón das suas opinións, mesmo as relixiosas”;
confundiron o espazo das crenzas con o da liberdade e a razón.

 

III


A situación nunha sociedade emancipada, moderna e plural, nunha sociedade en
que están presentes crentes e non crentes e pluralidade de relixións con dogmas
e morais confrontados, que non respeitan direitos e liberdades básicos, esixe:
1. Unha democracia en que o protagonista ou suxeito político é a persoa
como tal, autónoma e libre; non crente, atea ou agnóstica. (A república
non precisa crentes para existir e governar-se, precisa cidadá/ns iguais
que construan xunta/os o futuro).
2. Unha democracia que garanta a igualdade de toda/os a/os cidadá/ns perante
a Lei e perante os órgaos do Estado; con independéncia de que
teña ou non crenzas relixiosas. Nengunha persoa é superior nen inferior a
outra por razón de crenzas relixiosas, do seu ateísmo ou da sua caréncia
de crenzas relixiosas.
3. Unha democracia que se rexe unicamente polas leis elaboradas para todas
e todos polos órgaos de representación elexidos polas cidadás e os
cidadáns libres, como resultado dunha discusión de orde exclusivamente
racional, de raciocínios atinxíveis sen “revelación”, artigos de fé, nen
libros sagrados nen mensaxes divinas ou eclesiásticas, isto é, à marxe de
todo mandato relixioso ou supostamente divino ou revelado.
Lei civil, expresión da vontade xeral, que por eséncia é única para toda
a cidadania, cuxa función non é acomodar-se às opostas e distintas relixións,
senón lograr a convivéncia pacífica, tolerante e xusta de toda a
sociedade, mais nada.
4. Unha democracia en que tanto a cidadania como as asociacións ou organizacións,
civis e relixiosas, están submetidas à Lei; e en que a nengunha
instituición relixiosa se recoñezan poderes frente ao Estado e a
sociedade.
5. Unha democracia que garanta un espazo público para o comun a todas
e todos, imune às crenzas. Espazo que comprenda as instituicións do
Estado, civis por definición, e os lugares que ocupan; e cuxa/os funcionária/
os garantan aquela imunidade e independéncia frente a inxeréncias
relixiosas, no exercício das suas funcións públicas e que, en canto tais,
absteñen-se de presidir ou acompañar todo acto relixioso.
6. Unha democracia que, ademais, respeite, faga respeitar e garanta a liberdade
de consciéncia e a liberdade relixiosa e de culto. Liberdade que,
neste aspecto, non é en si mesma relixiosa ou atea, senón a faculdade de
elexer sen obrigación unha versión determinada do mundo, da vida e da
espiritualidade. O direito a ter ou non ter unha fé relixiosa é un direito
de cada cal; mais non é un deber de ninguén, tamén non da sociedade.
7. Unha democracia en que o Estado sexa relixiosamente neutro e as confisións
politicamente irrelevantes.

 

IV

É verdade que hai centenares de asociacións que se manifestan, reivindican e
traballan por un Estado laico. Sempre estiveron; incrementan agora a sua actividade
acordando, talvez, frente à política agresiva do Vaticano e o episcopado
católico (nos seus documentos, na rua e nos seus meios de comunicación), e
frente a un expansionismo teocrático islámico e sionista; os tres, alén do mais,
indignamente discriminatórios con a muller.
Mais non parece erróneo observar que, tanto estas asociacións como os intelectuais
laicistas e ateus, e como a sociedade civil laicista en xeral, non actuan
de forma coordenada. Coordenación que parece oportuna e necesária para
constituir una forza suficiente que obrigue os poderes públicos, e as relixións
e as suas hierarquias e aparatos de poder, a se colocaren cada un no seu sítio,
e exerceren cada un as suas potestades, funcións e responsabilidades nos
respectivos ámbitos, civil e relixioso, claramente separados. En definitiva, UN
ESTADO LAICO.

Por esta razón constitui-se GALIZA LAICA
Compostela, 25 de Xullo 2008