O Patrimonio Literario na Galiza: As casas dos escritores/as galegos/as.
21/6/2007
Cultura e a Asociación de Escritores realizarán un inventario de casas de autores e autoras

A sociedade galega e as súas institucións son depositarias, debedoras e, polo tanto, responsábeis da divulgación e conservación do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional.

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega debe e quere tomar un papel activo neste sentido, pois ten unha obriga moral que deriva da súa condición de entidade representativa dos escritores/as do noso país.

É por iso que a Aelg, en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte, quere iniciar un proxecto que pretende inventariar unha parte fundamental do patrimonio literario herdado: as casas onde naceron ou viviron os nosos escritores e escritoras, pola importancia que estes espazos tiveron nas súas biografías e obras e, en consecuencia,  para a nosa historia colectiva e tamén para a historia cultural das nosas aldeas, vilas e cidades.

 

O seu estudo e documentación constitúe, pois, un deber e unha oportunidade de crecemento cultural e mesmo económico, e sería o primeiro paso para a súa inclusión no inventario do patrimonio cultural de Galiza. Así mesmo permitiría que a súa importancia fose tida en conta nos diversos Plans Xerais de Ordenamento Municipal que están en andamento converténdoos en ferramentas de defensa da nosa memoria literaria e simbólica. Deste modo sería tamén factíbel a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural.

 

Este estudo e documentación pretende, alén dun levantamento fotográfico, a elaboración dunha memoria literaria dos lugares onde viviron e sentiron os nosos escritores e escritoras para posteriormente achegar á sociedade os contidos xerados (documentación fotográfica, materiais didácticos...) a través das novas ferramentas da información, nomeadamente internet, coa posta a disposición dos mesmos a través de mapas interactivos e visitas virtuais que conviden a unha visita ao espazo físico, real.

 

Para levar adiante esta iniciativa queremos contar cos socios e socias da Aelg pois necesitamos que nos informedes da existencia deste tipo de patrimonio no voso contorno e así podermos elaborar unha base de datos sobre a que comezar a traballar.

Posteriormente farase unha valoración do patrimonio e escolleranse as casas para a primeira fase do proxecto.

 

A aqueles/as de vós cuxas propostas de inventario sexan seleccionadas encargarásevos, se tedes dispoñibilidade, unha memoria literaria do lugar, que será pagada pola Aelg.

 

As vosas achegas deberían conter os seguintes datos:

 

1.      Nome do escritor/a cuxa casa se propón inventariar e unha breve descrición da relación entre o escritor/a e a casa.

2.      Localización o máis exacta posíbel da casa e se esta xa conta con algún elemento que a relacione co escritor/a (placa, indicadores...)

 

Agardamos que este proxecto sexa do voso interese e que compartades a nosa ilusión por desenvolvelo.