A Consellaría de Cultura destinará este ano 95.700 euros e outros 104.300 o ano que vén para contribuír á tradución de obras literarias galegas a outras linguas e viceversa.
As axudas están dirixidas ás empresas editoras e cobren entre o 50% e o 75% dos gastos de tradución para o galego desde outras linguas, cun límite de 6.000 euros. Para o caso de obras orixinalmente escritas ao galego, mantense o mesmo límite pero o sistema de cuantificación varía: entre 20 e 30 euros por páxina cando a lingua de destino sexa algunha das faladas na Península Ibérica e entre 25 e 50 euros para as restantes linguas.
Á hora de avaliar os proxectos, a Consellaría prestará atención, entre outros criterios, a calidade e o interese das obras e o seu uso nas bibliotecas públicas. Tamén terá en conta aqueles casos de especial importancia cultural pero con pouca demanda comercial.