O sábado 16 de xuño a Asociación Cultural Ergueitos de Sarria volverá realizar a viaxe literaria que todos os anos levan a cabo por Lóuzara, para lembrar a Fiz Vergara Vilariño, para estar coa súa familia, para percorrer os lugares que el andou e amou e para gozar unha xornada de poesía e natureza.
Os interesados/as reuniranse diante da Casa da Cultura de Sarria ás 12:30 horas. Iniciarase a viaxe cara Paredes de Lóuzara para comezar cun xantar con troitas do río Lóuzara e año asado, regado con viño de Quiroga. Despois do faladoiro irase a Santalla, á casa do Fiz, levaránselle unhas flores e leranse os seus poemas diante da Fonte da Cova, ao pé do muíño. A seguir percorrerase o camiño á beira do río até a fervenza de Augadalte.
Este ano acompañarán durante toda a ruta doce artistas plásticos/as, que colaboran asumindo cada un deles un dos poemas e dos lugares escollidos para realizar unha intervención plástica que fixe a ruta literaria que a A. C. Ergueitos realiza todos os anos por Lóuzara. Estes artistas son: Eduardo Valiña, Poy, Caamaño, Fernando Yánez, Primitivo Lareu, Caxigueiro, Suso Otero, Paco Pestana, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía e Mónica Alonso.
A viaxe literaria á Lóuzara de Fiz Vergarado día 16 de xuño completase coa actuación de Uxía que cantará na Fonte da Cova, xunto ao vello muíño, onde se fará tamén o recital de poemas do Fiz aos que poñerán voz, entre outros: Isidro Novo, Marica Campo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Mª Álvarez Cáccamo,
Xavier Rodríguez Baixeras, Valentín Arias, Margarita Ledo..
Esta ruta literaria, froito da colaboración entre a AELG e a A.C. Ergueitos, inicia o proxecto de rutas literarias deseñado pola AELG.
Vexa aquí fotos e poemas do Roteiro Fiz Vergara Vilariño nas terras de Lóuzara (.pdf de 845 kb)