Co obxectivo de incentivarmos a participación dos nosos socios e socias, séguese apostando por un método de selección de finalistas por parte dos propios socios/as da Aelg. Así pois, convocámosvos para que antes do vindeiro 1 de marzo nos remitades a vosa proposta para a mellor obra de literatura infantil e xuvenil, poética, narrativa, teatral, ensaística e tradución publicada en 2006, así como a persoa coa mellor traxectoria xornalística do pasado ano, ao noso enderezo postal, correo electrónico, ou fax seguintes (sempre indicando o/a remitente):
AELG. Avenida de Alfonso Molina, s/n, Edif. Sindicatos, 8º andar
15.008 - A Coruña
oficina@aelg.org
Fax: 981 133 233
A título orientativo, pois non podemos garantir que recollan todo o editado, achegámosvos estas webs do Soportal de Literatura do Consello da Cultura Galega e do rexistro do ISBN:
http://www.culturagalega.org/lg3/lg3_resultados_prdccn_ano.php?ano=2006
http://www.mcu.es/busquedaisbn/cargarFiltroIsbn.do?cache=init&layout=busquedaisbn&language=gl
Aínda que desexábel, non será imprescindíbel facerdes propostas para cada unha das categorías. Da conxunción dos votos emitidos nesta primeira quenda, elaboraremos unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que socios e socias emitiredes de novo o voso voto nunha segunda quenda, para a que se vos enviará, como todos os anos, unha tarxeta numerada, coa que elixir as obras gañadoras destes Premios AELG 2007, que serán dadas a coñecer no marco da xa tradicional Cea das Letras, de cuxa celebración seredes informados en breve.
Na pasada Asemblea Xeral Ordinaria aprobouse por unanimidade proceder á modificación dunha das actividades máis significativas para a AELG: os PREMIOS AELG 2007, uns galardóns que, concedidos de escritores para escritores, levan camiño de se afianzar como un dos de máis prestixio entre o noso gremio. Continuando coa filosofía que inspirou as mudanzas do pasado ano para recoñecer a mellor obra publicada en distintos xéneros, neste 2007 acordouse enriquecer a listaxe de premios con dúas novas categorías: a de Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix, cuxos socios/as tamén votarán nesta categoría) e mais a de Literatura Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística do 2006, e para cuxa elección tamén se contará cos votos dos/as membros do Colexio de Xornalistas).
Así mesmo, estabeleceuse un novo premio para a institución que se caracterizase polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais. Propúxose, para esta primeira edición, o programa da Radio Galega Diario Cultural, polo seu apoio incondicional ás letras galegas desde hai moitos anos, sendo ratificado pola Asemblea Xeral Ordinaria. Durante a mesma aprobouse conceder ao escritor angolano Pepetela o Premio AELG 2007 “Escritor Galego Universal”, premio que recollerá durante a Cea das Letras que celebraremos no mes de maio.