Os Bos e Xenerosos 2007, para o Laboratorio de Formas de Galicia
7/9/2006

A Asociación de Escritores en Lingua Galega concede a súa Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” aos presupostos teóricos e prácticos recollidos no "Laboratorio de Formas de Galicia" fundado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e expresados nas industrias de Sargadelos, Castro, Editorial do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información, etc..., depositarias dun valiosísimo patrimonio documental do exilio e a emigración. Actividades creativas incontestábeis, con anovadas ansias e precedentes no humanismo do  Seminario de Estudos Galegos, na xeración "Nós".

 A Asociación de Escritores en lingua Galega acorda recoñecer ao Laboratorio de Formas de Galicia pola súa contribución á rexeneración de Galicia, en pasados momentos da ditadura, dende presupostos socioculturais e nacionais, axudando a rexenerar a ética e a estética.

  A Asociación de Escritores en Lingua Galega quere recoñecer o sobranceiro traballo teórico e práctico  de Isaac Díaz Pardo por dar participación nunha empresa modélica, dende aos seus traballadores/as, a toda a sociedade galega e da diáspora, aos/ás intelectuais e creadores/as, recuperando e anovando a memoria, a identidade, así como fendendo e arredando dos tópicos folclorizantes dunha Galiza sumida en esperpentos.

 A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entende que este episodio que está a vivir este proxecto de industria cultural, pode descapitalizar intelectualmente o proxecto e ficar mancado para o futuro. Entendemos, pois, de sentido común e concordante cunha irreprochábel historia de "bos e xenerosos", que sexa reconsiderada a cuestión no fondo e na forma e non se rache con eses vellos e sabios principios que caracterizaron ao galeguismo, e que Isaac Diaz Pardo viviu e representa, e que quixo transmitir democrática e participativamente.