Presentación das melloras no Centro de Documentación ao abeiro do convenio coa Deputación da Coruña
24/11/2006
No acto, que tivo lugar nas instalacións da Deputación da Coruña, o xoves 23 de novembro, ás 11:30, contouse coa presenza do Presidente da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña, Sr. D. Celestino Poza Domínguez, do Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Sr. D. Cesáreo Sánchez Iglesias, e da especialista da Facultade de Informática, Dona Nieves Brisaboa.

Coa colaboración económica da Deputación provincial da Coruña, que axudou con 30.000 euros, a Asociación de Escritores en Lingua Galega presentou onte na entidade provincial as melloras na información e presentación do Centro de Documentación de Escritores e Escritoras.

Celestino Poza, deputado de cultura, subliñou o desexo da deputación de colaborar con todo o que prestixie a lingua galega, polo que considerou importante esta subvención a AELG que ata agora soamente difundía a través de internet os nomes dos escritores que pertencen á Asociación, as súas biografías e as súa obras, pero que agora se completou con máis datos.

Para o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, resulta moi positivo o feito de chegar ás 300.000 entradas na páxina "porque a través de internet se fai un efecto dinamizador vializando un contido moi importante e transportándoo a todo o mundo". Felicitou á Deputación polo interese que sempre pon na defensa da lingua, especialmente a través dos concursos literarios e tamén anunciou que nun futuro próximo se conectará a páxina coas outras existentes de linguas minoritarias europeas a través do proxecto EMILL e destacou o feito de que "desa maneira se establecerá un contacto entre escritores e tamén entre afeccionados á lectura que queiran saber as informacións que se incluirán e que aínda serán máis amplas das que ata agora existen.

Foi Neves Brisaboa, profesora da Facultade de Informática quen deu unha información máis técnica do contido. Dixo que a través desta páxina, e sobre todo das melloras introducidas, poderá haber un maior intercambio de experiencias. Destacou tres partes fundamentais. A primeira é un servizo á cultura a través dun espazo didáctico no que se poden atopar unidades didácticas. A segunda é o centro de documentación no que xa figuraban os escritores da Asociación, coa súa pequena biografía e a bibliografía pero á que agora se engaden outros documentos como conferencias, limiares de libros ou recortes de prensa alusivos a eles.

E a terceira nova, que aínda non se puxo en práctica pero que estará lista dentro duns días, será a inclusión de fragmentos de vídeos nos que os escritores contan as súas vivencias ou lean parte das súas obras.