A Asociación de Escritores en Lengua Galega, de acordo co previsto nos seus Estatutos, quere facer pública a posta en funcionamento da “Sección de Crítica Literaria”, convocando para adscribirse a ela todas aquelas persoas que conten cun labor crítico preferentemente centrado na literatura galega, en publicacións periódicas, prólogos, libros de ensaio e traballos de investigación de índole diversa, e que estean interesadas en asociarse dentro da nova sección.
Con esta iniciativa, a A.E.L.G. proponse aunar esforzos, ata agora dispersos, a prol do recoñecemento dunha crítica literaria galega que conta cunha longa tradición dentro e fóra de Galicia, ten unha forte presenza na actualidade e quere asegurar un futuro onde as súas tarefas se atopen prestixiadas e recoñecidas institucionalmente.
A sección poderá impulsar e organizar todas aquelas actividades e publicacións relacionadas coa materia que considere oportunas. Quérese deste xeito fomentar o intercambio de opinións e o debate crítico, de aí que se pretenda establecer un ritmo axeitado e oportuno de xuntanzas ao longo do ano.
Poderán entrar a formar parte da Sección de Crítica Literaria da A.E.L.G. todos aqueles que acrediten un traballo de crítica da literatura galega sostido con certa regularidade nos últimos anos.
Os datos poderán enviarse en arquivo adxunto por correo electrónico na mensaxe dirixida á A.E.L.G., oficina@aelg.org, onde se pida a alta na Sección de Crítica Literaria.
Á volta do verán farase unha primeria xuntanza de críticos para organizar a Sección e fixarse un plan de futuro.
Esta iniciativa da AELG está apoiada, entre outros, polos seguintes críticos literarios galegos:
Vicente Araguas, Tucho Calvo, Arturo Casas, Xosé M. Eyré, María García Liñeira, Helena González, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Ponte Far, Armando Requeixo, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Camilo Franco, Marga Romero.
(Recollido de Galicia-Hoxe, sección Maré)
Apoio ós profesionais máis libres
Defenden esta iniciativa Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez, Camilo Franco, Marga Romero ou Helena González
Os profesionais que fan crítica en Galicia crearán a partir de setembro a primeira ‘Sección da Crítica Literaria’, de xeito que entrarán a formar parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Será unha ocasión única para a crítica galega de poder participar nos Premios da Crítica española nos que até agora non había unha representación do país.
Vicente Araguas, Tucho Calvo, Arturo Casas, Xosé M. Eyré, María García Liñeira, Helena González, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Ponte Far, Armando Requeixo, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Camilo Franco e Marga Romero son os primeiros nomes que apoian a iniciativa da AELG.
En opinión do presidente desta asociación, Cesáreo Sánchez, "para a tradición da crítica literaria en Galicia era importante ter unha sección propia como escritores que son" e ter así a posibilidade de participar nos Premios da Crítica. "Os críticos galegos elexirían os seus representantes para levalos xunto cos vascos e os cataláns", asegura Cesáreo Sánchez.
A profesora de Literatura Galega e crítica literaria Dolores Vilavedra, un dos nomes que apoia a iniciativa da AELG, cre que "era hora de que se crease a sección xa que hai moita xente que a quería". Na súa opinión, o principal obxectivo de unirse é "visualizar que hai xente moi profesional facendo crítica dende hai moito tempo, que é unha crítica plural que non atende obxectivos ideolóxicos e, sobre todo, que sexa un colectivo profesional e independente".
"Constituírnos en referente e facer un discurso colectivo"
Entre as actividades que lle gustaría que a futura Sección da Crítica organizase, Vilavedra destaca o "fomento do debate, constituírnos en referente e facer un discurso colectivo, como continuadores da tradición de Carvalho Calero". Deixa claro ademais que os nomes que subscriben a iniciativa son "a título simbólico", un "punto de partida para acoller a máis xente".
Da mesma opinión se mostra Olivia Rodríguez, á que a iniciativa lle parece "estupenda porque hai moita xente en Galicia que fai crítica" e "pensamos que estaría moi ben unirnos co apoio moi forte da Asociación de Escritores".
Ademais de esperar a adhesión de máis compañeiros, a crítica galega propón entre as actividades da futura Sección, "contactar coas outras asociacións da crítica, participar na votación do Premio da Crítica española, facer unha publicación ou utilizar a que ten a AELG e a dedicarnos a organizar xuntanzas para facer debates."