Centro de Documentación da AELG
Un remanso literario que non para de medrar
10 de maio de 2006
Xosé A. Ponte Far
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Un remanso literario que non para de medrar

     O seguinte remanso faise agardar bastante. O sufrido río da poesía galega tivo que pasar por unha "longa noite de pedra", como diría Celso Emilio, para ir pouco e pouco agrandando o seu caudal. Pero os nomes de Méndez Ferrín, García Bodaño, Xohana Torres, Manuel María, Luz Pozo, Uxío Novoneyra, e moitos outros, que merecerían figurar nunha relación máis extensa, van ancheando o caudal poético.

     Dende entón, a poesía galega agrándase nese remanso que non para de medrar, de facerse máis ancho e profundo. Cantidade de poetas e moita calidade na meirande parte deles: Fernán-Vello, Pilar Pallarés, Álvarez Cáccamo, Claudio Rodríguez Fer, Ramiro Fonte, Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel... e tantos outros de nivel parello. Representándoos a todos, velaí este poema do último citado:

NINGUÉN AGARDA

Xa non regresarei
pero se por acaso volvese,
¿quen me abriría? Do outro lado
"quen vai", ninguén
preguntará. Ninguén me espera.
Somentes os mortos, que non esperan.
Marcharon en lentas vendimas
eles, os que me quixeron,
murchou a beleza das rapazas que amei
e que me amaron, e canto foi vida
e alegría, agora é danada pobreza,
desolación vulnerada.
Non, xa non podo voltar.
Crucei aquela porta tantas veces!
E nunca se me considerou alleo,
a calquera hora que chegase
sempre regresaba á miña casa,
sempre atopaba disposta a mesa,
o pan, o viño cálido, a moleza do leito,
a flor feliz do reencontro brillando.
Pero agora, non. Ninguén me espera xa.
Ninguén me espera en Naemor.
Ninguén me espera.

(Casa última, Xulio L. Valcárcel)