Centro de Documentación da AELG
Banzados - Que serán das tullas que o escribán dicía en letra
Vázquez Pintor, Xosé

Que serán das tullas que o escribán dicía en letra
de ornato maior, tinta levada en pruma de ave

Que será da artesa onde medraba o pan e os ollos
do rapaz nas maus morenas da muller da casa

Que será do xergón de carocha, cantador
das noites de resolio cando os brazos abertos

Que será da pedra da lareira cando ardeu
a fragancia e todos deron costas á luz viva

Que será de nosoutros sen nome, cifra e código
de barras, lote de músculo que hoxe caduca

enteiro e firme sen furia nin resposta  ¿Qué?