Un
informe da Unesco alertaba non hai moito tempo sobre a situación
do galego e a posibilidade da súa desaparición futura,
xuntamente con outras moitas linguas do mundo. Fica claro que a
evolución das sociedades modernas está a pór en perigo a
diversidade cultural e lingüística que enriquece a humanidade
no seu conxunto e que, con efeito, moitas linguas corren un
perigo real de desaparición nun prazo máis ou menos longo de
tempo. Cada lingua que morre é unha perda irreparábel para o
patrimonio universal e perante esa posibilidade todas as
sociedades afectadas e todos os organismos internacionais de
defensa dese patrimonio deberían reaxir de forma adecuada. Mais
o galego, polas súas especiais características, non debería
estar entre esas linguas en perigo. A nós, como galegos e
galegas, correspóndenos a responsabilidade e a obriga moral de
que tal cousa non ocorra. Porén, tamén temos de ser nós os
primeiros convencidos do valor e da utilidade da nosa lingua,
pois, se tal convencimento faltar, dificilmente se poderá loitar
contra as actuais inercias uniformadoras.
O sistema lingüístico galego-portugués
O galego é unha lingua romance
orixinariamente falada na área noroccidental da Península
Ibérica. Pódese considerar conformada arredor do século IX d.
C. como consecuencia da evolución do latín vulgar traído a ese
territorio polos soldados romanos entre os séculos II e I a. C.;
recebe esa denominación por ter aparecido na Gallaecia, nome da
provincia romana que designaba un territorio moito máis amplo do
que a Galiza de hoxe, pois estendíase polo dominio das actuais
provincias españolas de Asturias, León e Zamora, para alén de
comprender todo o norte de Portugal. Esta é a razón por que o
galego aínda se fala agora fóra dos límites administrativos
das catro provincias galegas (A Coruña, Lugo, Ourense e
Pontevedra).
O Condado Portucalense, núcleo
sobre que se formou arredor da cidade de Porto o Portugal actual
e orixinariamente galego, vai conseguir primeiro a autonomía e
posteriormente, durante o século XII, a independencia da
Gallaecia, a ampliar así os seus dominios cara ao sul como
consecuencia da Reconquista. Desta forma a lingua galega, con
influencia das falas mozárabes, foise estendendo tamén por toda
a franxa atlántica como lingua do novo reino independente de
Portugal, que acabará por fixar a súa capital en Lisboa. Ao se
transformar Portugal a fins da Idade Media e comezos da Idade
Moderna en grande potencia colonizadora, esa lingua vai ser
levada polos descobridores, conquistadores e colonizadores lusos
a diferentes continentes, a se converter desa forma nunha das
máis faladas no mundo.
Tres son os grandes períodos en
que se divide a historia da lingua galega na Galiza: o galego
antigo, o galego medio e o galego moderno. O galego antigo
ou galego-portugués medieval comprende desde a súa aparición
na época medieval até fins da Idade Media (século XV); o galego
medio abranxe os séculos XVI, XVII e XVIII, chamados
séculos escuros pola práctica desaparición do galego como
lingua escrita; e o galego moderno, que abranxe desde o
século XIX, o século do Rexurdimento literario, até á
actualidade.
Encanto Portugal amplía os seus
límites cara ao sul e consolida a súa plena soberanía na Baixa
Idade Media, o reino da Galiza vai ficar cada vez máis submetido
a Castela. Este feito provocará que paulatinamente se vaian
consagrando dúas modalidades do primitivo galego, a que conserva
o nome orixinario de 'galego' como fala da Galiza (e dos
territorios españois limítrofes), cada vez máis dependente de
Castela e que se vai ver posteriormente subordinada e interferida
polo castelán, e a que toma a denominación política de
'portugués' por ser a lingua oficial de Portugal e dos seus
territorios de ultramar.
Aínda que a división política da
primitiva Galiza en dúas metades, iniciada a fins do século XI,
non rompe a unidade lingüística, pois a lingua continúa a ser
substancialmente a mesma a ambos os lados do Miño (portanto
tamén cando Portugal leva a cabo a súa empresa colonizadora),
porén os condicionamentos políticos e xeográficos configuraron
tres subsistemas, dentro do complexo lingüístico ou sistema
común galego-portugués, con tres variedades ou normas cultas
fundamentais -galego, portugués e brasileiro-, para alén
doutros subestándares que en cada unha se puideren estabelecer.
O sistema lingüístico
galego-portugués constitúe, pois, unha unidade dentro da
diversidade, pois esta non impede a intercomunicación nen rompe
a súa unidade estrutural básica e historicamente foi
interpretado como conformador dunha mesma comunidade
lingüística coas naturais variantes internas. A partir da
evidente constatación de que as comunidades lingüísticas non
coinciden necesariamente coas comunidades políticas, a
comunidade lingüística galego-portuguesa comprende dentro da
Península Ibérica o galego e o portugués, a se incluíren
tamén dentro dela as illas Açores e Madeira. Á parte de ser
unha das comunidades lingüísticas de Europa, tamén o
galego-portugués está presente noutros tres continentes:
América (Brasil), África (Guiné, Cabo Verde, Angola,
Moçambique, S. Tomé e Príncipe) e Asia (Diu e Damao na India,
Goa e Macau na China). Debido principalmente á grande extensión
territorial e poboacional do subsistema brasileiro, con que o
galego garda unha especial proximidade, hoxe a comunidade de
expresión galego-portuguesa ten perto de 200 millóns de
falantes, sendo en consecuencia unha das máis numerosas do
mundo.
A singularidade do galego entre as linguas peninsulares e
europeas
Á parte da súa proxección
europea e universal, o galego é hoxe, xunto co castelán, a
lingua oficial de Galiza, comunidade autónoma inserida dentro do
estado español que comprende as provincias da Coruña, Lugo,
Ourense e Pontevedra, con aproximadamente 2.800.000 habitantes,
dos que o 97% entende o galego e o 86% sabe falalo. Fóra dos
límites administrativos de Galiza, o galego tamén se fala na
franxa occidental de Asturias, en 18 concellos da Terra Navia-Eo
que suman case 45.000 habitantes; en 19 concellos na zona dos
Ancares e do Bierzo na provincia de León, con 31.000 habitantes
aproximadamente; e en 4 concellos das Portelas e no lugar de
Calabor, na provincia de Zamora, con arredor de 1.500 habitantes.
Por outra parte, no recanto norocccidental da provincia de
Cáceres, en Estremadura, fálanse maioritariamente tres
variedades do antigo galego-portugués nos concellos de Valverde
do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello, con
aproximadamente 5.000 habitantes, sen nos esquecermos do
portugués de Alamedilla, de Cedillo e da franxa de Alcántara e
de Olivenza, localidades fronteirizas situadas en territorio
español.
Como acontece co galego, nengunha
das linguas peninsulares se circunscrebe territorialmente á
comunidade sociopolítica que lle dá nome. O basco constitúe un
caso singular pola súa orixe prelatina e fálase nas comunidades
autónomas do País Basco e Navarra, así como na parte norte do
País Basco francés. As outras linguas peninsulares son todas
romances e xeráronse no norte, estendéndose cara ao sul por
efeitos da Reconquista. Así, o catalán está dividido en sete
territorios distribuídos en catro estados diferentes: Andorra,
L'Alguer (Italia), Cataluña, Valencia, a Franxa de Poente e as
Illas Baleares (España) e a Cataluña Norte (Franza). O
castelán naceu en Cantabria e foi estendéndose en forma de
cuña invertida pola ampla franxa central e sul da península,
sendo tamén levado a territorios de ultramar polos
conquistadores e colonizadores para hoxe ser lingua falada en
moitos países do centro e do sul de América. O asturiano tamén
se estende polo norte e oeste da provincia de León e mesmo
posúe unha variante (o mirandés) no norte de Portugal.
O galego, xerado na Gallaecia
histórica, fálase en Galiza e en partes das comunidades
autónomas españolas limítrofes, prolongándose tamén cara ao
sul por toda a franxa atlántica peninsular, de modo que como o
mallorquino é unha variante do catalán e o andaluz do
castelán, así tamén o portugués é unha modalidade de galego.
A singularidade deste consiste en que, ao ficar subordinado ao
castelán no seu proprio territorio de orixe, foi a modalidade
portuguesa a que alcanzou relevancia e proxección internacional.
A respeito do basco e do catalán,
o galego ten a avantaxe de ser unha das linguas máis estendidas
polo mundo e falada en catro continentes, mais apresenta o
inconveniente de aparecer solapada polo portugués, variante de
que inclusive moitos dos galegofalantes non se senten próximos
por evidentes prexuízos históricos e por circunstancias de
natureza política. O centro irradiador dese 'galego'
internacional deixou de ser a Galiza para se situar en Portugal
ou no Brasil. Perdeu tamén o galego, frente ao catalán e ao
basco, a estima de boa parte da clases sociais acomodadas, mais,
por contra, conserva unha maior masa relativa de falantes (86% da
poboación, frente ao 68% do catalán e o 27% do basco). A
peculiaridade, pois, do galego, frente ás outras linguas
peninsulares cooficiais no estado español, consiste en ser unha
das once linguas oficiais da Unión Europea e tamén lingua
oficial noutros estados de varios continentes, mais co nome de
portugués con que socialmente o galego non é polo común
identificado internamente, e en posuír unha superior porcentaxe
de falantes rexidos por uns poderes socioeconómicos e políticos
que historicamente non apoiaron a causa do idioma proprio.
Segundo o anteriormente dito, o
galego constitúe un caso particular dentro das linguas europeas
non oficiais dos estados. Non encaixa propriamente sob os
rótulos de 'lingua minoritaria', 'lingua menos estendida' ou
'lingua menos usada' por dúas razóns: pertence a un dos
sistemas lingüísticos, o galego-portugués, máis utilizados en
todo o mundo; e como variedade específica dentro dese sistema, o
galego aínda é a lingua maioritariamente falada polos
habitantes de Galiza: o 68.6% da poboación ten como lingua
habitual o galego, frente ao 31.4% que ten o castelán como tal.
Porén, aínda a nos situarmos neses parámetros europeus, dentro
das chamadas 36 linguas rexionais ou minoritarias faladas por
20.000.000 de persoas dos actuais quince estados membros da
Unión Europea, segundo o informe do Euromosaic, só seis superan
o millón de falantes, ocupando o galego a segunda posición, con
2.420.000 falantes, despois do catalán (7.200.000) e seguido do
alemán falado en Franza, Italia e Bélxica (2.220.000), o
occitano (2.100.000), o sardo (1.300.000) e o gaélico irlandés
(1.240.000).
Alén disto, o galego reúne outra
serie de características que lle conferen unha posición
especial dentro desa Europa multilingüe. Por un lado, é unha
lingua cunha rica tradición escrita desde o momento mesmo da
incorporación dos romances á literatura, convertida na época
medieval en lingua lírica peninsular, mesmo utilizada
ocasionalmente por algún poeta europeu extrapeninsular e moi
vinculada, através do Camiño de Santiago, ao florecimento
cultural da Europa medieval. Goza así mesmo de estatuto legal de
lingua oficial en Galiza, xuntamente co español, e tamén ten
protección oficial na comunidade de Castela-León, superando en
número de falantes as linguas oficiais dalgúns estados europeus
(esloveno ou estonio, por exemplo). Na época medieval foi,
durante 700 anos, a lingua exclusiva de Galiza e nos 500 anos
posteriores continuou a ser a lingua da inmensa maioría da
poboación, apesar de o castelán ser imposto como lingua do
poder. Na actualidade posúe unha importante nómina de
escritores e textos literarios de grande cualidade. Por outra
parte, apesar de certas discrepancias sobretodo ortográficas,
nos últimos tempos déronse pasos moi importantes na
conformación dun modelo común de lingua maioritariamente
aceitado. Así mesmo, produciuse un avanzo considerábel dos
estudos filolóxicos sobre o galego, que actualmente posúe uns
recursos técnicos comparábeis coas demais linguas romances
(dicionarios, gramáticas, atlas lingüístico e estudos
dialectolóxicos, historias da lingua, terminoloxía, etc.).
En conclusión, o galego dentro do
conxunto das linguas da Europa comunitaria debe ser definido como
unha das súas linguas oficiais que no territorio onde se formou
-Galiza- perdeu a condición de lingua normal por un proceso
histórico de colonización castelá e hoxe está inmersa nunha
difícil procura da normalización dos seus usos sociais. O
galego é, pois, unha lingua maioritaria non normalizada
socialmente no seu proprio territorio.
Algunhas reflexións sobre o presente e o porvir do galego
A lingua galega na actualidade
áchase nun ponto crítico, nunha encrucillada de cuxa saída vai
depender o seu porvir. Por unha parte, dispón dunhas condicións
de partida envexábeis por calquer lingua en situación de
inferioridade a respeito doutra lingua oficial do estado, pois
pertence a un sistema lingüístico de proxección internacional,
é entendida pola práctica totalidade da poboación (97%),
fálaa a inmensa maioría (86%), non apresenta graves problemas
para a fácil incorporación de novos falantes pola proximidade
ao castelán, non existe en Galiza unha poboación de procedencia
foránea significativa, goza cada vez de máis prestixio social
sobretodo en ámbitos vinculados á cultura e suscita a adhesión
afectiva da maioría social.
Mais, por outra parte, apresenta
tamén síntomas preocupantes a respeito do seu futuro,
principalmente porque é cada vez menos falado pola xente nova,
que se adhere sentimentalmente a el mais non o utiliza
habitualmente. Alén disto, o galego aínda non acaba de penetrar
en ámbitos sociais de especial relevancia (mundo da empresa,
igrexa, etc.), non se cumpre a lexislación existente en materia
de lingua tanto no ámbito do ensino como no da administración,
non existe un verdadeiro programa de normalización lingüística
por parte do poder político con vontade decidida de o levar a
cabo, faltan meios de comunicación que aposten polo uso do
galego, Galiza vive de costas a Portugal e ao mundo de expresión
galego-portuguesa, as autoridades competentes aínda non se
decidiron a aprobar unha norma de consenso que poña fin ás
disputas normativas, etc.
Estes son, entre outros, algúns
dos obstáculos que ao galego se lle apresentan na actualidade.
De se superaren, a nosa lingua poderá situarse nunha posición
de privilexio tanto dentro da península como en Europa e, desde
esa situación, poderá ver reforzada tamén a súa condición de
lingua natural e propria de Galiza. Mais, volvendo ao inicio,
deberemos ser nós mesmos os primeiros convencidos da súa
capacidade e da súa rendibilidade, mesmo económica, pois unha
lingua é o maior patrimonio dun pobo. O pobo galego, segundo moi
ben dixeron algúns dos nosos ilustres devanceiros como Murguía
ou Castelao, é posuidor dunha lingua extensa e útil que, para
alén de nos identificar e singularizar frente ás tendencias
uniformadoras, tamén nos vincula espiritual e afectivamente con
outros pobos do mundo e nos permite comunicarnos con moitos
millóns de persoas que viven alén das nosas fronteiras
espalladas por diferentes continentes.