NEIRA VILAS NA LITERATURA GALEGA
Autor dalgunhas das novelas e libros de contos máis lidos de toda a historia das nosas letras, o seu éxito como narrador fixo esquecer case totalmente outros aspectos do seu labor literario.
Neira Vilas iniciouse como escritor 249. no campo da poesía (Dende lonxe -1960-, Inquedo latexar -1969-). Como poeta pertence, cronoloxicamente, a unha xeración de tránsito (da que tamén forman parte Cuña Novás, F. Rei Romero, Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Mª C. Kruckenberg...), á que Méndez Ferrín (22) chama "promoción de enlace", marcada pola miseria, a mediocridade da existencia e a escuridade política e cultural dos anos corenta e cincuenta. Neira Vilas ingresa á poesía en América, onde vai recibir a influencia dun grupo de homes (Seoane, L. Varela, E. Pita...) que fan do seu verso un berro e que o determinarán a cultivar unha poesía comprometida na liña da poesía social. Como poeta, Neira Vilas é "autor dunhaobra poética notablemente menos relevante que o seu corpus narrativo" (23).
Como prosista, Neira Vilas é, por cronoloxía narrativa (tendo en conta o momento de producción das súas obras), compañeiro dunha xeración de narradores (denominada comunmente, e cun criterio tal vez non exacto, Nova Narrativa) que van incorporar novas vías expresivas e temáticas á literatura galega. Estes autores (Rodríguez Mourullo, Méndez Ferrín, Camilo Gzlez. Suárez-Llanos, Mª X. Queizán, C. Casares...) nacidos na segunda metade da década dos 30, son universitarios, de formación e visión máis cosmopolita, cunha cultura posta ao día e unhas lecturas das figuras máis importantes da literatura universal (Joyce, Kafka, Faulkner, dos Passos...) e do nouveau roman (Robbe-Grillet, M. Butor...). As súas obras incorporan un novo xeito de narrar que reflecte as fórmulas técnicas e as preocupacións temáticas e conceptuais vixentes na literatura universal do momento: o monólogo interior, o tratamento do subconsciente -colectivo oír individual-, o sentido do absurdo, a indefinición tanto espacial como temporal, o obxectualismo...
Neira Vilas coincide no tempo, (por simultaneidade de publicación), con estes autores, mais por idade, formación cultural, por biografía e residencia está alonxado deles. Formado a si mesmo, emigrante desde moi novo, residente en América e desvinculado da Galicia máis recente, Neira Vilas móvese nun universo vital e estético que o distingue destes homes.
A maior parte dos estudiosos do tema son unánimes ao sinalar a Neira Vilas como un escritor non integrado na Nova Narrativa (Salinas Portugal (24), Vázquez Cuesta (25), A. Tarrío (26); o mesmo, aínda que cunha certa vacilación, fan Mª Lucas (27) e Mª X. Queizán (28) ...)
O autor que nos ocupa formaría un caso á parte determinado gola súa propia biografía e deriva persoal; Neira Vilas está moi alonxado das técnicas narrativas, das innovacións formais e temáticas da Nova Narrativa; os recursos e o estilo que pon en xogo veñen moldados pola tradición máis nobre do relato galego: "Neira Vilas bebe en las limpias fuentes estilísticas de Castelao" (29).
Este tradicionalismo narrativo é profesado conscientemente polo autor:" Son realista na miña narrativa... a miña forma pode parecer tradicional. O que acontece é que eu teño moi en conta ao lector... Nestes anos, moita xente en Galicia colle nas súas mans, pola primeira vez, un libro escrito na lingua que fala. Se este libro non o entende, nin na linguaxe castrapizada, nin no tema, nin no escenario galego... é posible que non queira seguir lendo no idioma que fala decote... No meu caso... é un realismo deliberado" (30) . Con todo non parece que sexa nesta preocupación polo lector (polo demais -tanto no momento de escribir as súas primeiras obras, coma hoxe- urbano, culturizado, aberto ao mundo e á modernidade) onde haxa que buscar a orixe do tradicionalismo narrativo de Neira Vilas e si, tal vez, en condicionantes de natureza ideolóxica ou de formación, ou mesmo derivados do propio material que serve de soporte aos seus relatos. Neira Vilas considera que a práctica realista tradicional é a que mellor transmite o inundo que el evoca e a que lle permite ser máis fiel (non só esteticamente) a ese mundo; así o manifesta ao afirmar: "Hai que expresar a realidade galega con arte, con afán de revelación e interpretación, de espello no que se transparente o noso pobo" (31).
A identificación co lector que Neira Vilas pretende só pode darse sobre a base que os dous (o escritor transterrado nun país culturalmente alleo e o lector desterrado nun país que vive como allea a propia cultura) comparten, a pesar da distancia e do tempo: Galicia.
Ora ben esa Galicia compartida polo emigrante transterrado e o residente alienado só existe no marco da aldea; é aí onde teñen presencia os elementos que fan de Galicia unha realidade única cunha esencia propia: xeografía, habitantes, cultura, idioma, historia... A Galicia de Neira Vilas é rural, labrega, interior; unha Galicia que descoñece o mundo urbano, que, mesmo, o exclúe en canto representante doutra realidade lingüística, arquitectónica, poboacional (a dos ricos, ben vestidos, ben comidos...). Unha segunda Galicia imposta, superposta ou contraposta á primeira e na que o galego (home, idioma, historia, paisaxe...) é autenticamente estranxeiro. Como di Méndez Ferrín: "Neira Vilas parece profesar a convicción de que a única Galicia válida é a dos galegos que padecen a historia" (32).
Esta evocación do mundo galego está feita desde o biografismo; o do autor, mais non só . Grande parte da obra de Neira Vilas reflecte un carácter biográfico no que están fundidas varias vidas -incluída a súa propia-, mais non é un biografismo histórico, senón novelesco. Neira Vilas fai un tratamento novelesco das moitas historias persoais que coñeceu e que une para resumir nunha persoa, unha paisaxe, unha aldea..., todo un mundo de tal xeito que ao reducir á unidade unha multiplicidade está posibilitando a identificación con calquera dos variados aspectos desa realidade (33).
Posiblemente toma como soporte ou alicerce fundamental a súa propia vida. Falando de Aqueles anos do Moncho escribiu: "Aqueles anos do Moncho é unha narración que arrinca das miñas lembranzas de neno; dun neno que ouvía falar de medos e montes que, dalgunha maneira, incidiron na psique do rapazolo tímido e sensible que eu era (34); mais a esta masa primixenia uníronse outras suxestións, sucesos doutra proveniencia ata fraguar no cemento armado dunha sólida creación persoal.
Neira Vilas escribe desde a distancia non só física, senón tamén temporal. Esta lonxanía obrígao a facer un exercicio memorístico que se detén aos 20 anos, de al que o mundo galego que nos presenta responda á visión dun rapaz que era a idade de Neira Vilas cando o abandonou; será sempre a súa terra (a mesma paisaxe), nos anos en que viviu nela (a posguerra) e vista cos ollos cos que el a viu (os dun neno) (35). Estes factores (mundo campesiño, infancia e biografismo) fundamentan un dos pilares da súa obra narrativa, o outro é a emigración.
O campo que Neira Vilas nos mostra nas súas novelas e contos trasládanos a unha realidade dura, negativa e chea de tristeza. Un ambiente pechado e hostil, sen perspectivas de futuro, dominado pola pobreza, a opresión (política, económica, relixiosa...) e a mediocridade de espírito, no que se moven seres irtos, sinuosos, en penumbra, que deambulan sós, incomunicados (o monólogo ou o diálogo cun interlocutor a quen non oímos é un recurso empregadísimo por Neira Vilas)... Neste mundo inclemente non é posible encontrar solucións optimistas: o suicidio, o crime, a loucura, a soidade..., cando non a aceptación indiferente e resignada, abundan nos relatos do autor.
A única saída que se ofrece aos espíritos con aspiracións é a emigración. O pobo galego ten adoptado dúas posturas tradicionais fronte a este problema: unha exemplificada polo pai do Balbino, o das Memorias dun Neno Labrego: "...América é outra cousa... Hai outras posibilidades. Pode un chegar a rico se ten cachola e sabe aforrar un peso"; a outra defendida polo padriño de Balbino: "Na América non hai mellores ventaxas das que temos aquí... América é un ichó. Os que caen nel non avisan ós que chegan detrás..." Neira Vilas comparte esta segunda opinión; para el a emigración é un mal non só polas implicacións sociais e económicas que conleva, senón porque eticamente é condenable dado que supón a renuncia á posibilidade de transformación e mellora colectiva, a consagración do individualismo, o abandono da comunidade e a atención só ao problema persoal. Desde esta perspectiva Neira Vilas non ensalza a emigración, non a olla polo seu lado romántico ou aventureiro ou triunfador. A súa vai ser unha emigración antiheroica, envellecida, rota, unha historia de perdedores, de intérpretes dunha peza escrita por outro. Situados nun mundo alleo (non só por paisaxe, idioma, relacións...) urbano, agobiante, deshumanizador, solitario, os emigrantes de Neira Vilas dan a impresión de seren xente que foi expulsada do Edén e vaga errante polo mundo desnorteada, desgastándose a traballar, atormentada pola saudade e as lembranzas, sobrevivindo en espera da morte, que será a única esperanza de regreso á Terra.
O CICLO DO NENO
Con este nome foi considerado por críticos e editores o conxunto das tres obras de Neira Vilas que nos presentan o mundo rural galego a través da visión dun narrador / protagonista infantil. Aínda que publicadas separadamente e cun longo percurso temporal entre elas [Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977)], as tres teñen entre si notables similitudes temáticas e formais (36) que permiten o seu agrupamento nun mesmo corpus narrativo ao que se pode denominar Ciclo ou Triloxía do Neno.
Romances iniciáticos ou de formación, por empregar a terminoloxía de A. Marco (37), os tres mostran proceso de transformación e amadurecemento que precede ao ingreso do protagonista na idade adulta. Non estamos perante un meniño, senón ante un adolescente afectiva e intelectualmente autónomo que chama a atención pola súa "madurez insólita", por "sabido, por reflexivo e por razoador" (38). Tal vez excesivamente sabidos, reflexivos e razoadores para os seus anos.
En Memorias dun neno labrego Balbino cóntanos a súa curta historia de neno pobre nunha aldea do interior de Galicia; por medio do caderno ao que confía os seus segredos asistimos a unha visión dura e desesperanzada dunha aldea pechada, opresiva, sen posibilidades de mellora material nin espiritual, supeditada económica e socialmente... Balbino, rapaz intelixente e observador, axiña se decata da inxusta división social e da súa pertenza ao estrato máis baixo. Impedido de dialogar amigablemente co seu entorno (castigado, maltratado, vexado polo fillo do cacique) e sabendo que a situación non mudará, Balbino ve como única posibilidade de romper ese círculo pechado a fuxida, a emigración que coloca como horizonte soñado.
En Cartas a Lelo a estructura novelesca cambia e toma forma de intercambio epistolar entre Toño -na aldea- e Lelo -emigrado no Brasil-. A personaxe do rapaz resulta moito menos debuxada que a de Balbino, menos complexa; por medio das cartas asistimos a unha sucesión de cadros da vida cotiá e dos costumes, festas e traballos da aldea. A pesar de similar técnica e temática que na anterior, a visión que ofrece é menos negativa, máis benigna ou, se se quere, anecdótica.
En Aqueles anos do Moncho evócase a aldea da preguerra e da guerra civil, conmocionada polo conflicto, a través da visión dun rapaz que se vai facendo home en medio de, e afectado por, todo o que supón a contenda.
En calquera dos tres casos asistimos ao proceso vital dun rapaz desde o fin da infancia ata a entrada na adultez (Balbino, Toño e Moncho teñen, aproximadamente, os mesmos anos). Estamos pois, perante un proceso de "hominización", de "alicerzamento" na construcción dun home, mais non un home calquera, senón unha personalidade fortemente determinada pola "circunstancia" na que o "eu" se desenvolve; circunstancia dura, mísera, opresiva, moi diferenciada socialmente, sen mobilidade, triste, ideolóxica e culturalmente inexistente... E na información que se nos dá destas circunstancias e do seu influxo sobre a xente (especialmente os rapaces) así como das actitudes desta mesma xente (especialmente os rapaces) onde reside toda a potencia literaria e dramática dos textos citados.
Situados nun primeiro plano de interese, os rapaces constitúense nos grandes protagonistas do libro. Protagonistas non corporeizados (ao longo dos tres relatos non se nos dá a máis mínima información sobre o seu aspecto físico) que pretende ser o trasunto dun rapaz aldeán galego, resumo e compendio de moitos. Adornados de virtudes e cualidades que pretenden ser modélicas, non tanto para constituírse en obxecto de imitación, senón para seren valorizados ou prestixiados por riba da realidade opaca e degradante coa que contrastan.
As tres novelas xiran en volta do mundo rural, da aldea que se conforma como un universo pechado, un lugar á marxe do tempo e do espacio. A aldea ofrece un modelo a escala reducida da vida máis autenticamente galega (por idioma e cultura, por traballo, por xente...). Nada existe xeograficamente fóra da aldea, non se fala de vilas ou cidades, non aparece o mar; o mundo do progreso, da industria, cte., están fóra das novelas. Os ollos dos nenos apreséntannos a aldea, mais tamén nos descobren a súa realidade non pictórica ou romántica: un lugar enclaustrado, marxinado, pobre, obxecto da dominación e da opresión máis brutal e primaria, acomodado ao seu destino, autista, carente de alternativas ideolóxicas, culturalmente vacío, sen perspectivas de futuro, condenado a perpetuarse a si mesmo...
No final dos libros asistirnos á culminación do proceso de formación física e intelectual dos rapaces. Cando esa "educación" finaliza, rematan bruscamente tamén os soños e as fantasías que os rapaces interpuñan entre si e a realidade e esta aparece perante eles con toda a súa verdadeira dureza. A reacción dos rapaces ante esa dura realidade é sempre manifestadora dun rexeitamento que asome diferentes xeitos de actuación: a fuxida da opresión máis directa (Balbino) cambiándoa por outra que aparentemente é máis libre; a emigración (Lelo, Toño), ou o compromiso directo que é o regreso á aldea para modificar as cousas (Moncho).
AQUELES ANOS DO MONCHO
Publicada en 1977, dezaseis anos despois que Memorias dun neno labrego (1961), Aqueles anos do Moncho supón o regreso do autor aos temas, paisaxes e clima narrativo daquela. A novela preséntanos a evolución da personalidade dun rapaz (Moncho) desde a infancia ata a entrada na mocidade, nunha aldea galega do interior ao longo dos anos inmediatamente anteriores á guerra civil e durante a mesma guerra civil. Sobre estas realidades Neira Vilas constrúe unha obra que segue "o esquema da estructura de aprendizaxe de tipo exemplar" (39) e que nos mostra o proceso de formación ideolóxica dun rapaz, a súa progresiva toma de conciencia social e de maduración intelectual. É a través da ollada dese rapaz que 'a colectividade rural galega se asoma á literatura e faino de modo total (ás veces caendo no etnografismo) por medio dunha serie de pinceladas que nos informan da vida na aldea: o traballo, a escola, a família, os xogos infantís, a morte, a relixión, a casa, as festas...
O libro estructúrase en 18 episodios de diferente amplitude o densidade temática: os primeiros nove capítulos, máis curtos e tematicamente reducidos a un único asunto; os nove restantes, de maior extensión, son tematicamente máis complexos, tratándose neles máis dun asunto. Os episodios, coincidindo co que Pilar Lorenzo (40) observa para a estructura de Memorias dun neno labrego, son unidades independentes, de tal xeito que mesmo poderían ter outra orde de colocación; a súa función non é en moitos casos outra cá de completar a figura de Moncho.
A distribución dos capítulos sería:
capítulo 1: o zepelin
capítulo 2: Moncho
capítulo 3: o tío Lois
capítulo 4: a casa nova; morte da avoa
capítulo 5: o teatro
capítulo 6: a escola
capítulo 7: a casa baleira
capítulo 8: Ramón, pai de Moncho
capítulo 9: a Forxa
capítulo 10: a aurora boreal; Pilara; a guerra
capítulo 11: a fornada de pan; os fuxidos
capítulo 12: os xogos infantís
capítulo 13: o anónimo; Daniel; xusticia popular
capítulo 14: a relixión; o castelán
capítulo 15: o paseado; a caza; o xogo da guerra; a escopeta
capítulo 16: o moinante; Ano Santo; o Crucifixo
capítulo 17: desaparición de Pilara e Daniel; a carpintería
capítulo 18: a paz; a festa; morte do tío Lois; o maquís
A obra aparece, pois, claramente dividida en dous conxuntos temáticos; a primeira parte do libro sitúase cronoloxicamente na primeira metade dos anos 30, os subtemas que apare cen en cada un dos episodios son exclusivamente aldeáns e o movemento narrativo é remansado; a segunda parte do libro corresponde cronoloxicamente ao período da guerra, os subtemas que aparecen introducen elementos foráneos que perturban o normal desenvolvemento da vida rural e provocan o movemento narrativo.
Os 18 episodios aparecen dispostos en dúas series de 9, cada unha das cales figura como o correlato inversamente simétrico da outra, segundo un esquema deste tipo:
A pesar de empregar o mesmo esquema narrativo, con similares opinións e climas, a novela non regresa sobre si mesma, non se reproduce a situación marcada polo(s) capítulo(s) iniciais, senón precisamente a que vén determinada por un capítulo central, un capítulo de "paso" (o capítulo IX, situado na Forxa e donde se fai patente a realidade da guerra e das súas consecuencias). Neste sentido todo parece indicar que o capítulo final sería inicio dunha nova serie -non escrita, polo tanto aberta- de capítulos, dos que ese episodio final do relato non sería senón un capítulo de "paso" máis. A novela, nesta orde de cousas, non está finalizada, tal vez as obras da "emigración", notadamente Remuiño de Sombras, sexan a súa continuación natural.
Cando o lector encara Aqueles anos do Moncho, encontra un relato en tempo pasado (maioritariamente empréganse perfectos, imperfectos e pluscuamperfectos) e na 3ª persoa.
O emprego da 3ª persoa e o uso do pasado verbal condúcennos a un distanciamento temporal e, tamén, persoal dos feitos relatados; hai unha separación cronolóxica e de posición que leva a pensar nun narrador obxectivo (un familiar, un veciño, alguén de fóra...) que nos transmite os feitos a partir dun estado de "neutralidade ignorante". O autor da obra pretende ofrecernos un narrador externo, desapegado das cousas que conta, mais axiña observamos que esa pretensión non se corresponde coa realidade. Non só non hai obxectividade, senón que parece evidente que o narrador é alguén que participa nos feitos e que participa identificándose cun dos intervenientes.
Axiña nos decatamos de que o narrador e Moncho son a mesma persoa. Estariamos así perante unha evocación autobiográfica do Moncho. Esta identificación narrador-protagonista revélase na minuciosidade do pormenor, na pulcritude da precisión, na exposición dos sentimentos, na irrupción da intimidade... Non só se nos relatan feitos, conversas, accións, etc., senón que tamén somos levados ata o interior dos soños do Moncho, participarnos dos seus sentimentos e pensamentos íntimos, lembramos as "súas" lembranzas, lemos (sendo Moncho o único ser presente) as cartas que el le na casa baleira, asistimos a descubrimentos (p. ex., a escopeta escondida no palleiro) aos que só el asiste, etc.
Protagonista do mesmo relato que conta (41), o narrador está dotado dunha capacidade de omnisciencia que o abarca todo. A súa posición superior ós personaxes faino dominar completamente o escenario narrativo. Por veces, ese dominio total de feitos, tempos e lugares lévao a traicionar, ¿inconscientemente?, o seu proxectado esquema de neutralidade e ignorancia anticipando feitos que só moito máis tarde aparecerán na linealidade do relato así, por exemplo, o anónimo do que se fala no capítulo XI (só coñecido polos da casa do Moncho) e que toma lugar na construcción narrativa só no capítulo XIII; ou a escopeta escondida que se menciona no capítulo X cando só no capítulo XV nos é relatado o seu "descubrimento" no palleiro...
O relato finaliza en presente; descóbrese así o lugar no que se situaba o autor: alí mesmo, ao lado de todos, coetáneo e participante nos feitos que conta e presente nos lugares en que acontecen. Nese final do relato Moncho fica só; é el o que nos informa, son os seus ollos os que descobren o pai... Foi el quen nos falou ata hai pouco.
O narrador -Moncho- contempla a súa curta historia como se dun filme se tratase. Está -no momento en que escribe- nun instante cronolóxico, ambiental, de formación ideolóxica e persoal, de sentimentos... distinto ao dese rapaz chamado Moncho. Moncho é alguén que el foi -hoxe el será, probablemente, Ramón ou D. Ramón- alguén que sendo a súa realidade non pertence agora a ela, aínda que a xustifique e de al ese distanciamento, ese evocar as cousas coma se fosen doutro, ese "alienamento", ese -non logrado- desexo de transmitir que se é outro, diferente.
Como dixemos máis arriba, a novela é a historia da construcción da personalidade dun rapaz nunha aldea do campo galego durante a guerra civil española e os anos que a preceden. Deteñámonos, pois, un pouco nestes tres elementos: a figura do rapaz, a aldea e os anos da guerra.
(22) MÉNDEZ FERRÍN, X. L., De Pondal a Novoneyra, Ed. Xerais de Galicia, col. Xerais Universitaria, Vigo, 1984, páx. 213.
(23) MÉNDEZ FERRÍN, X. L., Op. cit., páx. 249
(24) SALINAS PORTUGAL, F, "A nova narrativa galega", en A Nosa Literatura: Unha Interpretación para hoxe, ed. Xistral, A Coruña, 1985, páx. 32.
(25) VÁZQUEZ CUESTA, P., Op. cit., páx. 886.
(26) TARRIO, Anxo, Literatura Gallega, ed. Taurus, Madrid, 1988, páx 161
(27) LUCAS, María, La visión de Galicia en Neira Vilas, Sada-A Coruña, Ed. do Castro, serie: investigación universitaria, 1977, páx. 10.
(28) QUEIZÁN, M, X., "A nova narrativa ou a loita contra o sentimentalismo", en Grial, n° 63, 1979. páx. 74.
(29) Citamos seguindo a María Lucas, Op. cit, páx. 18.
(30) LUCAS, María, Op. cit., páx. 23.
(31) MORENO, Mª Victoria & RÁBADE, Xesús, Literatura século XX, Ed. Galaxia-Ed. S.M., 1985, páx, 303.
(32) Citamos seguindo a María Lucas, Op. Cit., páx. 18.
(33) "Todo nas Memorias cae dentro da realidade rural, e todo o que vivise esa realidade ten que recoñecelo así. Eu vivina e poido afirmar que a figura de Manolito está sacada desa realidade", Xosé Laxe, "Memorias dun neno labrego: interpretación e análise", en rev. Grial, nº 49, 1975, páx. 330.
(34) NEIRA VILAS, X., Aqueles anos do Moncho, Akal ed., Madrid, 1977, contraportada.
(35) A esa realidade única o escritor refírese de varios modos: "...vémonos mergullados decote na mesma teima, no mesmo tempo referencial; de tal xeito que a pesar da diferente técnica empregada en cada caso, a impresión que se tira da lectura é a dunha serie de enfoques e desenfoques selectivos dos diferentes elementos dunha mesma realidade-ficción", TARRIO Anxo, De letras e de signos, Ed. Xerais, Vigo, 1987, páxs. 117-118.
(36) Vid. TARRÍO, Anxo, Op. cit., páx. 117: "o autor segue a tece-la novela que iniciara no ano 61, ó ofrecemos aquel libro, xa inesquecíbel, que foi Memorias dun neno labrego".
(37) MARCO, Aurora, Contribuiçom ao estudo do romance iniciático galego, ed. e promov. por AGAL, 1987.
(38) LOSADA, Basilio, "Presentación innecesaria de Neira Vilas", prólogo en Historias de Emigrantes, Ed. Castrelos, Vigo, 1973, páxs. 8-9.
(39) MARCO, Aurora Op cit páx 42
(40) LORENZO, Pilar, Contribución ao escudo da novela de protagonista infantil e xuvenil na literatura galega, Ed. do Castro, serie Liminar-Filoloxía, Sada-A Coruña, 1981; páx. 35.
(41) Diferente é a opinión de Martul Tobío,; "El narrador ya no está afincado en la subjetividad del protagonista, sino que narra desde afuera, pero muy próximo a los hechos por ser un habitante de la aldea", entrada "Neira Vilas" en Gran Enciclopedia Gallega, tomo XXII, páx, 154.