Son moitas as facetas e inquietudes sobre as que traballa X.Mª L.S., moitas delas encamiñadas a dar a coñecer e dignificar o abundante patrimonio cultural das terras que forman a denominada Costa da Morte. Súa é a impresionante catalogación da arte relixiosa da Terra de Soneira ou os numerosos e espallados artigos sobre os hórreos ou outros elementos da arquitectura chamada popular, como os Batáns do Mosquetín, agora no camiño da recuperación; recente é a historia do castelo de Vimianzo e moi fesca está aínda unha guía do megalitismo na Costa da Morte. (...) [Arquitectura megalítica na Costa da Morte] é un libro de divulgación que pretende dar a coñecer unha parte importante do abundante patrimonio megalítico das terras da Fisterra. (...) Ao meu entender aimportancia desta guía ven dada polo abandono no que se atopan estes monumentos significativos do megalitismo, non xa destas terras, senón do país e do megalitismo europeo. (...) Nus tempos nos que se pregoa que o turismo nos vai salvar da miseria, é este un libro que nos invita a tomar conciencia do noso patrimonio como unha parte do noso fondo cultural que decididamente nos pode axudar a construír con dignidade o presente.