Centro de Documentación da AELG
Un estudio comarcal modélico: Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas).
marzo de 2000
J.M.B. López Vázquez
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Guía dos Libros Novos, nº 16.

Neste senso, Xosé Mª Lema semella ser un home doutros tempos: un enxerto dos creadores do Instituto de Estudios Galegos xermolado serodiamente.

O xeito que ten Xosé Mª Lema de facer país é estudiar, conservar e difundir a cultura. Para facer cultura el parte da intracultura. Cando na súa tese de doutoramento estudiou a arte relixiosa na Terra de Soneira, non quedou na simple catalogación das imaxes. Trazou as familias de artistas , establecendo os obradoiros rurais e a súa relación con Santiago, así como afondou nas crenzas relixiosas que a puidesen explicar. E, ademais, como era a primeira tese escrita en galego, tivo que facer unha concienzuda investigación de rescate e fixación do vocabulario artístico na nosa lingua. Pero, ó mesmo tempo, Xosé María Lema facía a historia do Club Deportivo Baio, loitaba contra o anacronismo dos caseiros de Berdoias e batía contra todo o mundo por salvar, e abofé que os salvou, os batáns do Mosquetín.

O presente libro sobre a arquitectura megalítica alenta coas mesmas alegrías. Primeiro, pretende chamar a atención sobre un feito que moi poucos veciños, e xa non digamos galegos, coñecen: que nas catro bisbarras que conforman a Costa da Morte se atopa, por número e calidade, un dos mellores xacementos megalíticos europeos. É certo que Xosé María Lema non é un investigador de seu no megalitismo. Pero é un profesor de ensino secundario con moitos anos de experiencia.  Por iso, na primeira parte do libro, dedicada a explicar o que é o megalitismo, é un dos mellores traballos de investigación que teño lido, tanto no achado de coñecementos como na súa exposición clara e didáctica.