A Arte Relixiosa na Terra de Soneira foi a primeira tese apresentada na nosa Universidade sobre historia da arte feita en galego, polo que o traballo deste autor é unha decisiva aportación á normalización do noso idioma nun mundo tan pouco explorado e comesto pola feraz vexetación do castellano, como aínda é o da historia da arte. Polo tanto, a primeira chamada de atención sobre este traballo ven dada pola pretensión do autor de ?colaborar na formación dun léxico artístico do noso idioma que facilite a normalización lingüística neste importante eido cultural (...) Outro aspecto de grande interese reside na unidade territorial que suporta e contextualiza xeograficamente a catalogación das pezas de arte (...). O que está a facer é recuperar un camiño que fora aberto polos homes da Xeración Nós e que desde aquela non voltou a ser arroado, polo que as silveiras non o deixaban transitar. Lema empezou a limpeza nuns momentos nos que se fala de comarcalización (...). A obra de Lema é un berro forte e decidido na defensa do noso patrimonio cultural (...). A Arte Relixiosa na Terra de Soneira é moito máis ca unha leitura iconográfica das imaxes relixiosas.